Investigadoras galegas estudan o emprego da mostaza branca con fins medicinais e no agro

María Figueiredo e Alicia Paz avaliaron a actividade neuroprotectora e antimicrobiana das sementes e o aceite desta planta popular

Investigadoras da Universidade de Vigo veñen de realizar un estudo no que demostran que as sementes e o aceite da mostaza branca (Sinapis alba) constitúen “fontes naturais de compostos bioactivos con propiedades beneficiosas para a saúde, que poderían ser empregadas en aplicacións alimentarias e farmacéuticas”. Ademais, nel afondan en como a introdución desta especie no agro galego pode ter vantaxes para a mellora das propiedades do solo, impulsando a agricultura ecolóxica.

O estudo Mostaza máis ca un mollo. Compostos bioactivos e a súa repercusión na saúde estivo dirixido polas investigadoras da UVigo María Figueiredo, do grupo Food and Health Omics, e Alicia Paz, do grupo de BiotecnIA.

Publicidade

A mostaza é unha planta empregada tradicionalmente como condimento, conservante e na medicina popular para tratar algunhas enfermidades. Foto: DUVI
A mostaza é unha planta empregada tradicionalmente como condimento, conservante e na medicina popular para tratar algunhas enfermidades. Foto: DUVI

As responsables do estudo lembran que o emprego de plantas medicinais como terapia complementaria ou alternativa é frecuente en todo o mundo e que en Galicia o uso destas herbas sempre estivo arraigado na cultura popular. “Aínda que a eficacia destas herbas non está cientificamente probada en moitos casos, os seus compoñentes químicos poden inducir respostas beneficiosas, ofrecendo pistas para o descubrimento de medicamentos eficaces”, afirman. Neste contexto, a mostaza “é unha destas plantas, utilizada tradicionalmente como condimento, conservante e na medicina popular para tratar enfermidades como as cardiovasculares e a diabetes mellitus”.

Alto contido en lípidos e compostos fenólicos

Neste contexto, as investigadoras da UVigo levaron a cabo este estudo para analizar a composición química das sementes de mostaza e do seu aceite, centrándose especialmente na identificación dos compostos fenólicos presentes, para así avaliar a súa actividade neuroprotectora e investigar a posibilidade de obter novos compostos antimicrobianos. O obxectivo último foi o de proporcionar información valiosa sobre o uso potencial da mostaza na industria alimentaria e farmacéutica. A investigación iniciouse co cultivo e recollida das sementes da planta no propio campus de Ourense. Ante a falta de referencias sobre esta especie, levouse a cabo unha caracterización completa da planta e das sementes, seguindo coa extracción do aceite de Sinapis alba e a súa análise.

Publicidade

Entre os resultados acadados, as investigadoras destacan que no caso das sementes revelouse “un alto contido de lípidos, superando as expectativas nutricionais comerciais, cunha composición elevada de ácidos graxos, especialmente oleico, linoleico e araquidónico, o que ofrece beneficios para a saúde grazas á presenza dos ácidos omega 6 e omega 9”.

Ademais, engaden que a semente e o aceite amosaron concentracións elevadas de compostos pertencentes ás familias químicas dos ácidos fenólicos e en menor cantidade dos compostos flavonoides. “Estes extractos ricos en compostos fenólicos mostraron actividade neuroprotectora ao inhibir as enzimas colinesterasas relacionadas coa enfermidade do alzhéimer, así coma actividade antimicrobiana contra os patóxenos Staphylococcus aureus e Candida albicans”, afirman.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga