Galicia recibirá a chegada masiva do fume dos incendios de Portugal nos vindeiros días

Un centenar de focos no país veciño seguen activos e arrastran o fume cara o norte da península: segundo Copernicus, a práctica totalidade da comunidade quedará cuberta o venres

O Sistema de Vixilancia Copernicus Sentinel da Axencia Espacial Europea alerta dunha anomalía na cantidade de aerosois de materia orgánica presentes no aire para os vindeiros días no territorio peninsular, o cal indicaría un transporte masivo de fume froito dos incendios de Portugal cara Galicia, e que podería chegar mesmo ata Francia. Segundo as súas previsións, a situación non fixo máis que comezar: os ceos avermellados instalaranse na comunidade ata a fin de semana, sendo o venres a xornada cunha maior cantidade de fume en Galicia, cubrindo a práctica totalidade das catro provincias.

É difícil calcular o alcance dos lumes activos no centro e no norte do país veciño: as cifras mudan constantemente. As fontes oficiais xa falan de máis de 100 focos, algúns deles moi preto da fronteira con Galicia: dende o centro de Vigo chéirase o fume que chega dos incendios localizados na rexión de Paredes de Coura, onde o número de heactáreas queimadas xa ascende a 628 segundo os datos facilitados polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) do programa Copernicus. O ceo, avermellado, deixa unha estampa desoladora na cidade galega. Porén, a situación incrementarase, e moito, nos vindeiros días.

Publicidade

O impacto dos lumes é visible dende o espazo, tal e como amosan nas súas redes sociais entidades como a NASA ou Copernicus. O segundo amosaba nunha publicación de X unha nube xigante de fume, consecuencia dos incendios, a cal cubriría “aproximadamente 100.000 km² sobre o océano Atlántico”.

Ata 5.000 persoas loitan fronte os lumes activos

É unha carreira contra o tempo. Nestes momentos, máis de 5.000 persoas traballan arreo para frear a extensión dos incendios en Portugal. Un episodio que xa deixa a sete falecidos e máis de 40 persoas feridas. As previsións meteorolóxicas tampouco axudan: nesta xornada de martes, as autoridades portuguesas prognostican unhas temperaturas extremadamente elevadas. A magnitude dos lumes pillou por sorpresa: non se agardaba unha virulencia tan grande, mais os fortes ventos do Este e a subida dos termómetros nos últimos días dificultan as labores de extinción.

Publicidade

Mentras que os operativos loitan contra un centenar de lumes, a poboación portuguesa vese desprazada: é o caso dos veciños de Gondomar, cidade portuguesa pertencente ao distrito de Oporto, onde os colexios permaneceran pechados polo de agora. Debido ao alto risco, tampouco é posible transitar diversas estradas e autoestradas do país veciño.

Focos de lumes activos en Portugal. Foto: Copernicus.

A situación e extrema e, nalgúns puntos de Portugal, como Aveiro e Viseu, non se vivía dende hai máis de dúas décadas. A carencia de medios para loitar fronte os incendios é a queixa máis recorrente dos traballadores de cara ás autoridades. Porén, o ministro de Cohesión Territorial, Manuel Castro Almeida, subliña o apoio do goberno aos municipios máis afectados: “Non imos quedar en Lisboa agardando, non é o momento de abandonar”.

A fronteira con Galicia

Malia que o centro de Portugal é o máis afectado, o norte tamén vive xornadas de angustia polos lumes activos. É o caso do municipio de Chaves, moi próximo a Verín, con 711 hectáreas queimadas. A superficie total arrasada polos incendios en Portugal xa chega ás 62.000 ha, segundo os datos amosados por Copernicus. A situación de crise levou ao goberno portugués a declarar o estado de calamidade nos municipios afectados, máis de 100, e pedir axuda á comunidade europea para enfrontar unha crise ambiental que deixa un agre recordo á que tivo lugar no 2017.

Na comunidade galega aínda se manteñen activos diversos incendios, a meirande parte deles ubicados na provincia de Ourense: segundo os datos actualizados do EFFIS, un dos máis virulentos sería o de Castromil, onde arderon xa máis de 900 hectáreas. No concello da Gudiña mantense estabilizado un foco que xa arrasou máis de 500 ha segundo os datos de Copernicus. Na madrugada do luns para o martes activouse un novo incendio forestal na parroquia de Barxa, que afecta a unha superficie de aproximadamente 90 hectáreas. Doutra banda, o lume mantense no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, con máis de 20 ha ardidas.

Incendios activos no sur da provincia de Ourense. Foto: Copernicus.

Sobre os incendios forestais

No caso de detectar un lume forestal, podes chamar ao teléfono gratuíro 085. Se sospeitas dunha actividade delituosa incendiaria da que teñas sospeita ou coñecemento, podes chamar ao 900 812 085, tamén gratuíto e anónimo. Se queres información actualizada sobre os incendios forestais que acaden as 20 hectáreas podes consultala na conta @incendios085

1 comentario

  1. E non se vai tratar o tema dos eucaliptos? Non é a primeira vez que isto pasa. Canto tardará en voltar a suceder aquí en Galiza?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación