Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

A zona atlántica, na que se inclúe Galicia, está experimentando un importante descenso no número de polinizadores de Europa. Así o confirma un estudo internacional liderado pola Estación Biolóxica de Doñana (EBD – CSIC). Os achados, que veñen de ser publicados na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), revelan que aínda que as abellas e os sírfidos —”moscas que teñen un papel importante na polinización”, segundo explican dende o Consello Superior de Investigacións Científicas— presentaron unha certa estabilidade en Europa, moitas destas especies viron a súa distribución xeográfica reducida durante o último século.

O estudo determinou a porcentaxe de especies destes animais que experimentou un aumento ou decrecemento temporal significativo (un valor superior ao 0,05) na súa ocupación en cada área analizada. No caso da rexión atlántica, houbo un incremento no 30% das abellas e no 31% dos sírfidos, mentres que o declive foi do 42% e o 32%, respectivamente. É dicir, puido comprobarse que o número de especies con individuos en descenso foi maior que a cantidade de especies que percibiron máis rexistros. Obsérvase, ademais, que na rexión na que se inclúe Galicia a caída máis acusada produciuse nas variantes de abella; é o segundo declive máis acusado en Europa, tan só por detrás dos datos da área boreal, que presentou unha baixada no 46% das especies de abella.

Publicidade

Esta investigación baséanse en máis de catro millóns de rexistros recompilados durante un século (entre 1921 e 2020) e confirma o importante deterioro que experimentou a área denominada no estudo como ‘rexión atlántica’, tanto dende a riqueza como a distribución destes animais. Este corpus inclúe, segundo sinalan dende o CSIC, preto do 88% das especies coñecidas de abellas e de sírfidos no territorio europeo. O informe precisa que se analizan 1898 variedades de abellas e 784 de sírfidos, sobre o total de 3051 destes polinizadores rexistrados en Europa.

Tendencias diferentes segundo o territorio

“Un segundo nivel de análise examinou como a riqueza de especies rexionais, cada vez máis reducida, cambiou ao longo do tempo en cinco rexións bioxeográficas europeas”, declara o estudo. As pesquisas determinaron que as tendencias das especies non foron xeograficamente uniformes. No caso galego, o resultado non foi positivo: “A rexión atlántica presentou descensos persistentes tanto na riqueza de abellas como de sírfidos, subliñando o empobrecemento continuo das comunidades de polinizadores”, confirma o documento.

Publicidade

Todas as áreas analizadas presentaron un maior número de especies con tendencias negativas fronte a aquelas con patróns positivos. Tan só as rexións alpinas escapan este descenso, “seguramente debido á colonización dende os vales por parte das distintas especies en resposta ao aumento das temperaturas”, indican dende o CSIC.

Entre o declive e a extinción

O informe sinala que en torno ao 91% das especies estudadas tiveron, canto menos, un rexistro moderno (é dicir, que se observaron no periodo entre o ano 2001 e o 2020). Por isto, tan só un 9% das variedades recollidas na base de datos do estudo podería denominarse continentalmente extinto. Así e todo, os autores aclaran que esta porcentaxe corresponde con especies consideradas “extremadamente raras” e que foron, do mesmo xeito, “pouco documentadas historicamente”.

Estes achados permítenlles aos investigadores implicados na análise determinar que, de acordo aos parámetros da Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), aínda non se produciu unha extinción masiva. Poñen como exemplo que tan só 14 das especies de abella analizadas e unha dos sírfidos se consideran como “potencialmente extintas” pola UICN. Por este motivo, recalcan a importancia de implantar medidas destinadas á conservación e restauración, pois ven que “a persistencia das especies observadas dá pé a unha recuperación das poboacións de polinizadores”.

Dende o CSIC matizan que aquelas especies das que se dispuña pouca información presentan tendencias negativas, o que suxire que aquelas que son pouco coñecidas poderían estar sufrindo descensos importantes que non se reflicten na base de datos do estudo.

O cambio climático como causa principal

A investigación determina que entre as principais causas desta redución na riqueza e a distribución de abellas e sírfidos están: a perda de hábitats naturais, o decrecemento de recursos florais e o uso de pesticidas asociado á intensificación agrícola. A este respecto, o Consello Superior de Investigacións Científicas sinala que a rexión atlántica experimentou “unha importante intensificación do uso do solo no pasado século”.

Así e todo, o CSIC resalta o papel do contexto climático nesta situación: “Quizais a ameaza máis importante para o futuro sexa o cambio climático, que xa está afectando moitas poboacións de polinizadores”. Carlos Martínez Núñez, investigador da Estación Biolóxica de Doñana e primeiro autor da análise, declarou nun comunicado do CSIC que “o estudo amosa que a aparente estabilidade na riqueza de especies a escala rexional pode ocultar cambios importantes nas comunidades. Aínda que o número total de especies se manteña, e aínda non esteamos detectando extincións masivas, moitas especies están perdendo presenza en distintas zonas de Europa“. Así, o informe pon sobre a mesa a necesidade patente de elaborar e aplicar estratexias de conservación para previr a diminución da biodiversidade das poboacións de polinizadores ao longo de Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

A chuvia de estrelas das Oriónidas alcanza o seu pico de actividade: guía para observalas dende Galicia

Os meteoros, orixinados nos restos do cometa Halley, poderán deixar ata 20 corpos celestes por hora entre o 21 e 22 de outubro

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977