O impacto negativo da varroa (Varroa destructor) nas abellas autóctonas (Apis mellifera iberienses) é sobradamente coñecido por apicultores e outros profesionais e académicos do sector. Agora, unha investigación levada a cabo nunha alvariza da Serra do Candán, e que se presentou recentemente no congreso científico COLOSS de Alemaña, ofrece unha vía de abordar esta problemática: modificar a disposición das colmeas.
A asociación galega MENA (Manexo Ecolóxico e Natural das Abellas), presidida por Xosé Manuel Durán, lidera unha iniciativa para reducir a dependencia de tratamentos químicos contra a varroa, un ácaro que ameaza a apicultura mundial. Tras anos de traballo, lograron seleccionar liñas de abella ibérica que sobreviven e son produtivas sen depender de acaricidas. Este esforzo busca romper o ciclo de tratamentos sistemáticos que, segundo advirte Durán, debilita as colmeas e xera resistencias no parásito. O investigador é tamén coordinador de PANEGA, un programa galego de cría e conservación que busca a mellora xenética da abella autóctona. De novo, os métodos empregados afástanse do uso destes produtos.
Este traballo conectou co proxecto de investigación ECOAPI, que, en colaboración coa Universidade do País Vasco, deu lugar a un estudo que compara a xenética das colmeas MENA coas da asociación ERBEL e outras liñas comerciais. O obxectivo é identificar por que certas abellas son máis resilientes, analizando se a clave reside na súa herdanza xenética, no tipo de manexo aplicado ou nas condicións da contorna. Durante os ensaios realizados entre 2023 e 2025 en Galicia e o País Vasco, as abellas de MENA destacaron pola súa menor carga parasitaria.
O impacto da disposición das colmeas
O presidente de MENA explica que algunhas poboacións de abellas europeas xa amosaban mecanismos de defensa nativos para protexerse da varroa. Porén, era necesario seguir buscando máis posibilidades, máis formas de evitar a propagación deste ácaro. A solución que propón a asociación é sinxela: cambiar a disposición das colmeas.
“O modelo de colmea que propoñemos dende MENA ten unha entrada máis pequena que a habitual e un sistema de disposición quente” apunta Durán, e aclara: “Esta distribución consiste en xirar a colmea 90 graos. Nas colmeas modernas, o aire pasa rápido para que o néctar seque antes, porque están orientadas á produción de mel. Coas MENA, en cambio, é un proceso máis lento”.
O director da asociación explica que as colmeas de disposición quente son unha barreira contra a varroa. “De xeito puntual, cando había unha temperatura moi alta, atopabamos moita varroa morta. Tamén observamos un fenómeno crónico relativo á humidade: a disposición MENA pode retela entre un 70% e un 76%”, sinala Durán. Estes niveis de humidade, como puideron comprobar durante o proxecto ECOAPI, cortan a reprodución da varroa, que necesita unhas condicións ideais para a súa proliferación.
Manexo, contorna e xenética
Durán apunta que a supervivencia da abella fronte á ameaza da varroa non só está condicionada polo manexo das colmeas, senón que tanto a contorna como a xenética son cualidades que deben valorarse no estudo e preservación destes animais.
En concreto, as investigacións de ECOAPI puxeron o foco no factor xenético. “Identificamos varios sistemas de defensa propios que son hereditarios”, conta Xosé Manuel Durán, e explica: “As abellas teñen a capacidade de ‘autodesparasitarse‘. Ademais, está o comportamento hixiénico: é a habilidade de detectar se unha cría está parasitada e retirala da colmea”.
Outro mecanismo detectado foi o da ‘reoperculación‘, ou recapping. Consiste en abrir a cela cando a cría aínda está en estado de ninfa, no proceso de metamorfose a larva de abella. “Se a varroa xa infectou a cela [poñendo ovos], as abellas abren o opérculo. Ao facer isto, rompen a ‘homeostase’ e deteñen a proliferación da varroa”.
A fin de medir o comportamento e eficacia das abellas no proceso de ‘reoperculación’, os investigadores empregaron unha feromona de varroa que lle indica ás abellas a presenza do ácaro. “Rociabamos ás crías e agardabamos dúas horas para ver o grao de hixiene, é dicir, o moito que as expulsaban da colmea”, conta Durán. O investigador sinalou que as abellas detectaron o 90% das celas impregnadas, pero recoñece a necesidade de repetir este exame cunha carga de varroa maior.
A varroa e os seus perigos
A principal ameaza da varroa son os cortes na sucesión xenética que ocasiona. “Cando parasita ou se reproduce na cría das abellas, detense o relevo xeracional. A colonia vai quedando sen abellas e, segundo o grao de parasitación, pode mesmo chegar a eliminala”, asegura Durán.
O investigador sinala que é crucial loitar por protexer o patrimonio xenético das especies galegas. “Francia, por exemplo, xa perdeu o seu patrimonio porque só usa abellas importadas. Portugal, en cambio, incluíu á abella no catálogo estatal hai dous anos. No noso caso é un proceso máis complexo a nivel burocrático, porque nunca antes se incluíu un insecto nese catálogo“, completa Xosé Manuel Durán.
Outro perigo é a transmisión de virus especialmente letais para a colmea: o virus das alas deformadas (DWV), o virus da parálisis aguda israelí (IAPV), o virus da parálise aguda (ABPV) e o virus da abella de Cachemira (KBV), con consecuencias que van da debilitación da colonia á morte das abellas.
Xosé Manuel Durán agarda que o estudo das Apis mellifera iberienses continúe progresando: “Esperamos ter novos resultados a finais deste ano”.














