Nin químicos nin razas foráneas: o proxecto para salvar a abella galega a través da xenética

A iniciativa busca mellorar as características naturais da 'Apis mellifera' para crear colmeas máis autónomas e resistentes

Mellorar a xenética da abella tradicional (Apis melligera iberiensis) a través dun programa de conservación, cría e selección. Ese é o obxectivo do novo proxecto do Programa da Abella Negra Galega (Panega), que se presentou este mércores na Coruña, e que busca crear colonias resilientes. É dicir, capaces de manter a súa produtividade fronte ás dificultades crecentes na apicultura, como o cambio climático, patóxenos como a varroa, e a substitución por razas foráneas. Así, o programa procura evitar a perda do “valioso patrimonio xenético galego”.

“A principal característica da nosa abella é a súa rusticidade; para ben ou para mal, é a que mellor se adapta ao noso clima”, indica o coordinador xeral do proxecto, Xosé Manuel Durán Orús. Por este motivo, a conservación da abella galega “é fundamental”. O proxecto, segundo explica, podería comezar a dar resultados nun prazo de tres anos.

Publicidade

Este plan de acción naceu por iniciativa das principais asociacións de apicultura de Galicia: Asociación Abellas Nais, Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Casa do Mel, Asociación Galega de Apicultura e Asociación Galega MENA. Ademais, conta co apoio da Axencia Europea de Innovación e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

A fórmula para unha apicultura de calidade

O proxecto de Panega susténtase nunha estrutura organizada en varias asociacións apícolas, cada unha con dous grupos clave: avaliadores e criadores. O primeiro grupo ten como misión probar as raíñas en función de características específicas, como a produción de mel, a mansedume, a resistencia á varroa e o comportamento hixiénico. Este último, fai referencia á capacidade que teñen as abellas de identificar aquelas compañeiras que morren e por tanto deben retirar da colmea. 

Publicidade

Determinados apicultores fixeron por buscar unha solución no seu momento, porque sabían da importancia que tiña a selección. Mais no mundo da apicultura, tendo en conta que as abellas se aparean en liberdade, aínda que fixeran certo grao de selección, “chegaban a un muro do que non podían pasar”, detalla Durán Orús.

Para garantir a continuidade do proxecto e a calidade das avaliacións, os apicultores que participan como avaliadores reciben formación avanzada e están suxeitos a un plan de capacitación permanente implementado polas asociacións apícolas participantes.

Cada avaliador recibe anualmente un lote de nove raíñas, procedentes de tres liñas xenéticas distintas. Os apicultores descoñecen a orixe destas nais, para así evitar prexuízos no estudo. A información sobre cada colmea é rexistrada en fichas detalladas, o que permite analizar parámetros clave e identificar as mellores características.

O futuro non está na tecnoloxía. Está nas abellas 

Segundo trasladan dende Panega, a apicultura está nunha situación “moi comprometida”, con producións á baixa e unha crecente dependencia de solucións externas, como as razas foráneas. A importación de abellas híbridas, como a Buckfast, converteuse nunha práctica frecuente en Europa debido ao declive das razas locais, segundo conta o coordinado do proxecto. Con todo, estas abellas presentan serias limitacións, xa que ao tratarse de razas híbridas as súas características non se conservan e pérdense na seguinte xeración, obrigando os apicultores a mercar novas raíñas de forma repetida. Ademais, as razas non adaptadas á contorna local dependen de tratamentos intensivos e alimentación suplementaria, o que incrementa os custos de produción.

Fronte a esta situación, Panega aposta por unha solución a longo prazo baseada na propia abella negra galega, que destaca pola súa rusticidade e capacidade de adaptación ao clima e flora de Galicia. Ao mellorar as súas características naturais, o proxecto busca colmeas máis autónomas e resistentes, reducindo así a necesidade de tratamentos químicos e outras intervencións. A xenética, neste contexto, convértese nunha ferramenta clave para acelerar os procesos selectivos naturais, fortalecendo o papel das abellas no ecosistema e garantindo unha apicultura máis sostible e rendible. “O futuro da apicultura pasa agora non por seguir buscando parches tecnolóxicos para solucionar os problemas da apicultura, senón por mirar para as abellas, porque ao mellor a solución está nelas”, asegura Durán Orús. 

En definitiva, seleccionar abellas máis resistentes e autosuficientes permitirá non só mellorar a produtividade, senón tamén reducir os custos asociados ao uso intensivo de tratamentos e á perda de colmeas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da velutina aos meles de baixa calidade: os retos actuais da apicultura

A confluencia de varios factores ameazan á saúde da abella e do seu ecosistema. Por Damián Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe

Quen foi Benigno Ledo, o ‘cura das abellas’?

O lucense, nado en 1864, foi un apicultor determinante no cambio de modelo produción cara a un máis intensivo

Así se modernizaron as colmeas empregadas en apicultura durante os últimos séculos

O manexo das abellas por parte dos seres humanos experimentou importantes transformacións que se iniciaron arredor de 1850

Un proxecto con selo galego identificará biomarcadores do mel de abella para garantir a súa autenticidade

O obxectivo do traballo no que colabora a UVigo é crear unha base de datos homoxénea para evitar fraudes na orixe botánica e xeográfica do produto