O ácaro que asola as colmeas: “Erradicalo é practicamente imposible”

A investigadora Asteria Luzardo coordina o proxecto Varroaform para pór freno á varroa, "o maior reto que ten a apicultura"

A profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da USC Asteria Luzardo.
A profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da USC Asteria Luzardo. Foto: Carlos Castro

As velutinas, o cambio climático, a perda da biodiversidade. Os apicultores só entenden estas palabras en clave de ameaza. Pero hai un inimigo que asusta aínda máis: a varroa. Un ácaro que parasita as abellas, capaz de debilitar o seu sistema inmunitario e de colapsar todo un apiario. Os tratamentos non son demasiado eficaces e a varroa comezou a desenvolver intelixentes estratexias de supervivencia que dificultan o seu control e erradicación. Un dos intentos para poñerlle freo a este parasito das abellas vén da man do consorcio Varroaform. Un grupo supraautonómico formado por FEUGA, as universidades de Santiago de Compostela e da Palma de Gran Canaria e tres apicultores profesionais. Dende o seu laboratorio do Campus de Lugo, a súa coordinadora técnica, Asteria Luzardo, explíca cales foron os avances nestes dous anos de investigación.

Cal é o nivel de incidencia da varroa en Galicia? Dende cando é unha ameaza no noso territorio?

—Actualmente, a extensión da varroa é mundial. O único continente que agora mesmo está libre de varroa, a pesar de ser un ácaro que vén do sudeste asiático, é Australia. A afectación en Europa entrou primeiro por Alemaña sobre os anos 70 e a partir de aí foise extendendo polo resto do territorio europeo. Hai que precisar que a extensión deste tipo de parasitos na abella é moitísimo máis sinxela e simple ca nun mamífero porque elas non viven confinadas na súa colmea, senón que percorren grandes distancias para buscar comida ou recolectar néctar. Polo tanto, a extensión do ácaro varroa, independentemente de que haxa fronteiras entre países, foi relativamente fácil polo modo de vida que ten a colmea e as abellas. É dicir, cando un apicultor ten varroa nunca ten varroa nunha colmea, ten varroa en todo o apiario. Aquí temos que considerarnos como un único territorio xeográfico.

Como actúa este ácaro?

—A varroa é un parasito externo. Un ácaro que se adhire ao corpo da abella. Sempre se pensou que absorbía a hemolinfa. Non obstante, en 2019 un estudo mantén, contrariamente ao que se ía crendo, que non é a hemolinfa a súa principal fonte de alimento, senón os corpos graxos, un tecido que ten un papel en determinados procesos esenciais da abella. Cada vez máis autores apoian esta teoría. É incrible que aínda non se saiba exactamente como causa o dano este ácaro. A través da parasitación en abella adulta, vaina debilitando pouco a pouco, pero non a mata porque non lle interesa. O único que quere a varroa é reproducirse. Así é que a varroa viaxa no corpo da abella, vai á colmea e despréndese na cela de cría. Queda dentro coa larva e a partir de aí vaise ir reproducindo. Dise que no prazo dun mes duplícase a poboación de varroa que hai nunha colmea. Ademais, a varroa desenvolveu resistencia aos produtos que hai no mercado para acabar con ela. Outra estratexia de supervivencia é que antes identificábase moi ben con só mirala, pero agora son capaces de esconderse debaido das ás, na parte inferior. E iso impide detectar rápido que a abella ten varroa.

“Estímase que, no prazo dun mes, a poboación de varroa que hai nunha colmea duplícase”

—Entón é complicado falar da erradicación, porque están a xerar moitas estratexias para a súa supervivencia.

—Efectivamente. Agora, do que se fala en firme, é de que é practicamente imposible a completa erradicación de varroa nun apiario. Cal é o obxectivo actual? Convivir coa varroa por debaixo duns límites de infestación que non sexan prexudiciais para as abellas. Ata ese punto chegamos. Inicialmente non. Inicialmente o obxectivo era erradicar a varroa. Mais agora mesmo, cos produtos que hai no mercado e vendo como ela vai aumentado esas estratexias de supervivencia, e as resistencias, chegouse á conclusión de que erradicar a varroa é practicamente imposible.

Asteria Luzardo no seu laboratorio do Campus de Lugo. Foto: Carlos Castro.

—A varroa, entón, sitúase como un dos grandes retos da apicultura.

—Agora mesmo é o maior reto que ten a apicultura. É o factor que supón unha maior ameaza para a saúde dos apiarios e a que provoca maiores perdas económicas. Hai que entender que a apicultura pertence ao mundo rural, forma parte do sector primario, e hai familias completas que viven disto. É certo que en Galicia usouse como unha actividade secundaria pero a apicultura cada vez é un mundo máis profesional. Se os apicultores se arruinan por culpa da varroa estamos acabando cun motor económico do rural. O problema da varroa, ademais, é que non mata de repente. Vai debilitanto o apiario e cando te decatas, aproximadamente en dous anos, se ti non trataches a varroa, o apiario colapsa a finais de agosto. Ese colapso, normalmente, non afecta a unha soa colmea senón a todo o apiario. Outro aspecto importantísimo é que a varroa é capaz de transmitir un montón de virus que si son mortais. Son virus que sempre existiron, que os apicultores coñecen moi ben, e non eran un problema ata que chegou a varroa.

“Se os apicultores se arruinan por culpa da varroa estamos acabando cun motor económico do rural”

—Por que os tratamentos anti-varroa se teñen que administrar entre setembro e novembro?

—É a época na que hai menos cría. Hai que tratar sempre os apiarios cando menos cantidade de cría hai para poder varrer a varroa que está externa. Ademais xa está recollido o mel. Así non habería problema de contaminación cos produtos. De feito, este proxecto conseguiuse precisamente por iso, porque non hai un tratamento 100% eficaz. O obxectivo era intentar desenvolver algún produto anti-varroa que, sobre todo, non xerara residuos nos apiarios.

—Entón, os tratamentos actuais poden deixar residuos na cera ou no mel?

—Si, os tratamentos actuais poden deixar residuos na cera, no mel e no propóleo. Algúns deles son moi persistentes e un apicultor galego chegoume a comentar que el fai analíticas constantemente dos produtos derivados da súa colmea. El dicía que encontrara residuos de produtos que aplicara hai 20 anos. Agora ese produto non é legal, aínda que si o era cando o aplicou. É obxectivo fundamental do proxecto, que os produtos sexan, polo menos, de orixe natural, biodegradables e, sobre todo, que non xeren residuos. A apicultura pode ser de tipo intensivo ou ecolóxico. Os tratamentos que se intentaron desenvolver neste proxecto ían sobre todo destinados ou tiñan que ser compatibles cunha produción de tipo ecolóxico.

“Os tratamentos anti-varroa actuais poden deixar residuos na cera, no mel e no propóleo”

—Xa levan dous anos con este proxecto.

—A duración do proxecto era de dous anos. O que ocorre na práctica é que se veu reducido a 14 ou 15 meses pola pandemia. Foi terrible, porque se concedeu o proxecto pouco antes da crise sanitaria. Entón empezou o confinamento e non podiamos ir aos laboratorios, tampouco a universidade podía traballar. Non tiñamos acceso ás partidas orzamentarias para poder empezar. Non se puido facer nada. Ralentizounos, porque ao final o proxecto si terminou cando tiña que terminar. Para min, como coordinadora técnica, isto foi devastador. Porque os tratamentos da abella son estacionais. Ti non podes aplicar o produto en calquera momento nin cando cres que tes moita varroa. Hai que irse adaptando ao ciclo natural da abella. Cando está producindo mel, cando está poñendo crías. Entón a pandemia provocou que nós foramos un pouco descompaxinados, pero aínda así conseguíronse algúns resultados. Pero si que sería necesario aplicalo en distintas épocas do ano, en anos diferentes…

—Agora mesmo está na etapa final do proxecto. Que fórmulas atopou?

—Deseñáronse varias formulacións diferentes con distintas formas. Unhas eran de tipo xel, outras de soporte sólido… Primeiro fíxose unha caracterización fármaco-técnica no laboratorio onde ti descartas ou seleccionas formulacións en función dunhas certas características físico-químicas. Despois fixéronse uns estudos preliminares en laboratorio con abellas. Logo leváronse a cabo uns ensaios preliminares nun apiario experimental e toda esta parte levouna a cabo a Universidade das Palmas de Gran Canaria. Porque aí hai un grupo que se dedica unicamente á apicultura. E logo a última etapa, que é a que acabamos de terminar, o que se fixo foi ensaiar as formulacións que se seleccionaran en campo. E logo estaría a parte dos apicultores nos seus apiarios experimentais: un deles en Guadalaxara, outro en León e outro en Viana do Bolo. Eles destinaron un apiario dos seus a probar estes produtos. Para nós, como farmacéuticos, foi todo un reto porque tivemos que deseñar unha fórmulación que está dirixida a tratar unha enfermidade en insectos. Nós traballaramos sempre en medicina humana e veterinaria, pero nunca neste campo.

“O noso proxecto, que era de dous anos, veuse reducido a 13 ou 15 meses a causa da pandemia”

—Cales foron os resultados?

A información que sacamos, eu consideraríaa preliminar. Fai falla máis investigación. Si é certo que hai unha formulación que salienta sobre as demais e que, aparentemente, conseguimos un pouco o que se pretendía dende o laboratorio. Son unhas formulacións sólidas que conteñen dúas substancias de orixe natural que son dous aceites esenciais e están incorporadas nun vehículo biodegradable. É como unha placa que se colocaría encima dos cadros da colmea. O que intentamos conseguir foi que a liberación dese aceite esencial fose constante no tempo durante 30 días. Actualmente, os produtos que hai no mercado obrigan a aplicar o tratamento e aos 14 dias retiralo e volver a colocalo. Tamén se demostrou que as formulacións que mostraron máis eficacia non afectaron de maneira relevante ao comportamento da abella.

—Cales son os pasos a seguir a partir de agora?

—A miña idea, aínda que non contemos con financiamento inmediato, é a de seguir con esta liña de investigación. Ademais, o resto dos membros do consorcio Varroaform, tamén estarían encantados de continuar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.