Científicos e apicultores colaboran na procura de tratamentos alternativos fronte á varroa

O proxecto Varroaform, desenvolvido desde 2019 coa presenza da USC e apicultores galegos, presentará a vindeira semana os seus resultados finais,

A varroatose é a principal enfermidade que afecta ás colmeas das abellas domésticas (Apis mellifera), e ten unha notable presenza en Galicia. Xunto a outras ameazas para o sector apícola, como o avance da invasora Vespa velutina, o ácaro Varroa destructor ocasiona importantes perdas nos apiarios, ás veces con mortalidades superiores ao 20%. Este organismo debilita gravemente o sistema inmunolóxico das abellas, que se volven máis susceptibles a infeccións fúnxicas, bacterianas e víricas, afecta tamén ao conxunto da colmea, provocando malformacións e, en definitiva, reducindo as poboacións.

Na actualidade están autorizados en España uns 14 tratamentos sanitarios, que non sempre son suficientemente eficaces (dependen, por exemplo, das oscilacións do clima, e tampouco acceden a determinadas celas de cría), e que ademais causan problemas de toxicidade nos insectos, xeran residuos nas alvarizas e, nalgúns casos, dan pé a resistencias por parte da varroa. Neste contexto, desde 2019 está en marcha o grupo operativo supraautonómico VARROAFORM (que abrangue as comunidades de Galicia, Castilla y León, Castilla-La Mancha e Canarias, coa finalidade de desenvolver, implementar e avaliar unha formulación de liberación controlada que se consolide como alternativa aos tratamentos convencionais para o control e prevención da varroatose, a partir de produtos de orixe natural incorporados en sistemas/soportes biodegradables.

Publicidade

Nesta iniciativa toman parte o Grupo interdisciplinar de Tecnoloxía Farmacéutica e Sistemas de Liberación, Inmunoloxía parasitaria e Parasitoses hídricas da Universidade de Santiago, xunto ao Instituto Universitario de Sanidad Animal y Seguridad Alimentaria da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, desde a perspectiva científica. O traballo de campo desenvolveuse en tres apiarios de Guadalajara, León e Viana do Bolo, neste caso na explotación de Benigno Basteiro, apicultor con máis de 3.000 colmeas. Como colaboradores participan a Asociación Española de Apicultores (AEA), a Asociación de Apicultores de Gran Canaria (APIGRANCA) e a Asociación Defensa Sanitaria (ADS) Apicultores de La Palma. A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) liderou o grupo, coordinando a transferencia de coñecemento e a divulgación do mesmo.

Obxectivos e propostas

Así, o obxectivo de desenvolver e obter unha formulación alternativa fronte á varroatose deu pé a VARROAFORM a actuar co cometido de reducir as perdas económicas dos apicultores (que ás veces superan os 130% dos beneficios anuais, segundo algunhas estimacións), así como a procura de beneficio a outros sectores, como a produción agrícola e silvícola, na que estes polinizadores cumpren un papel relevante.

Os froitos destes dous anos de traballo presentaranse o vindeiro xoves 9 de setembro ás 11 da mañá nun webinar no que estarán presentes as persoas implicadas no proxecto. O encontro, que poderá seguirse a través de Zoom (inscrición gratuita nesta ligazón) contará coa presenza de Lucía Lloret, (FEUGA), Asteria Luzardo, investigadora da USC),  Anselmo Gracia (investigador da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria), os apicultores Agustín Arias, Benigno Basteiro e Urbano González, e Patricia Combarros (Veterinaria apícola colaboradora no proxecto).

Publicidade

VARROAFORM tivo un orzamento total de 415.440,3 euros. Deles 379.920,3 foron subvencionados nun 80% polo fondo FEADER da UE e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente