Un fármaco de menos de 2€ pode axudar a pacientes críticos de Covid-19

Científicos do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares constatan unha mellor evolución de persoas ingresadas por coronavirus na UCI ao recibilo

O metropolol adoita utilizarse para tratar a hipertensión e outras cardiopatías. Fonte: Pixabay.
O metropolol adoita utilizarse para tratar a hipertensión e outras cardiopatías. Fonte: Pixabay.

O metoprolol, un fármaco beta-bloqueante tradicional que adoita utilizarse para tratar doenzas cardiovasculares, podería contribuír ao tratamento de pacientes críticos de Covid-19, segundo expoñen científicos do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) nun artigo publicado no Journal of American College of Cardiology. Ademais dos demostrados efectos positivos, os autores do traballo destacan que o tratamento diario custa menos de dous euros.

Segundo explica o CNIC, “a expresión máis grave da Covid-19 é a insuficiencia respiratoria severa, que require intubación e asóciase a alta mortalidade”. Así, “a infección pulmonar por SARS-CoV-2 pode derivar no desenvolvemento dunha síndrome de distrés respiratorio agudo (SDRA), no que a inflamación/hiperactivación dos neutrófilos xoga un papel central”. Neste sentido, engaden que “actualmente hai unha falta de terapias para tratar o SDRA asociado a Covid-19”.

Neste contexto, o equipo de Borja Ibáñez, director do Laboratorio Traslacional para a Imaxe e Cardiovascular do CNIC, ademais de cardiólogo no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz de Madrid, descubriu recentemente que o metoprolol ten un efecto moi selectivo sobre o neutrófilo hiperactivado en condicións de estrés agudo, como o infarto de miocardio. Debido ao papel central de neutrófilo no SDRA, este equipo especulou que o metoprolol podería reposicionarse como terapia en casos de Covid-19 grave.

Borja Ibáñez, investigador do CNIC que dirixiu o ensaio sobre o metropolol. Fonte: ISCIII.
Borja Ibáñez, investigador do CNIC que dirixiu o ensaio sobre o metropolol. Fonte: ISCIII.

Con esta premisa, no marco do ensaio clínico MADRID-COVID, o CNIC e os servizos de cardioloxía, UCI, pneumoloxía e biobanco da Fundación Jiménez Díaz analizaron “o efecto do tratamento intravenoso con metoprolol no infiltrado inflamatorio pulmonar e na función respiratoria en pacientes con Covid-19 grave que foran intubados recentemente debido a un SDRA”. No traballo colaboraron investigadores básicos, cardiólogos e intensivistas.

Neste ensaio, segundo explica o doutor Borja Ibáñez, “aleatorizamos a 20 pacientes con Covid-19 severo e recentemente intubados a metoprolol intravenoso (15 mg diarios durante 3 días) ou control (sen recibir metoprolol)” e “estudamos o infiltrado inflamatorio no líquido broncoalveolar antes e despois do tratamento, así como a evolución clínica en termos de osixenación e días baixo ventilación mecánica”.

Resultados

Segundo o doutor Eduardo Oliver, co-asinante do estudo e Investigador do programa de atracción de talento da Comunidad de Madrid en CNIC, os resultados obtidos no ensaio mostran que o tratamento con metoprolol intravenoso (15 mg/día) durante tres días “reducía significativamente a infiltración de neutrófilos nos pulmóns e melloraba a osixenación dos pacientes”. O médico intensivista Arnoldo Santos, responsable do estudo nesa unidade, sinala que “vimos unha tendencia clara a que os pacientes que recibían metoprolol necesitaban de menos días baixo ventilación mecánica e por tanto menos días de ingreso en UCI”.

Deste xeito, e á espera de obter evidencias máis robustas, Ibáñez salienta as prometedoras aplicacións do metoprolol: “Aínda que debemos ser cautos xa que se trata dun estudo piloto inicial, observamos que o tratamento con metoprolol neste contexto clínico é seguro, asóciase a unha redución moi significativa do infiltrado inflamatorio alveolar pulmonar, e isto parece derivar nunha melloría moi rápida da osixenación dos pacientes”.

Outro dos asinantes do estudo, Agustín Clemente-Moragón, matiza que “o efecto do metoprolol sobre a hiperactivación das células inflamatorias que xogan un papel central no SDRA é exclusivo deste beta-bloqueante”. De feito, o mesmo grupo de investigadores mostrou recentemente que outros beta-bloqueantes aparentemente similares non teñen un efecto sobre a inflamación exacerbada pulmonar nun estudo experimental previo.

O cardiólogo Valentín Fuster, Director Xeral do CNIC e co-investigador no traballo, destaca que “aínda que o estudo é piloto e debe confirmarse nun ensaio máis grande, a súa alta seguridade, dispoñibilidade e efecto biolóxico tan robusto podería ser suficiente para valorar o seu uso en pacientes mozos ingresados en UCI con Covid-19 severo”.

O ensaio poderá continuar despois de que o equipo do doutor Ibáñez recibise fondos do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) para realizar un ensaio clínico que demostre de forma definitiva os beneficios clínicos do metoprolol en 350 pacientes con SDRA ingresados en 14 UCIs españolas. O ensaio clínico “MAIDEN” será coordinado polo CIBER, e participarán grupos do area cardiovascular e respiratorias do mesmo.


ReferenciaMetoprolol in Critically Ill Patients With COVID-19 (Publicado no Journal of the American College of Cardiology). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.