O Ministerio de Sanidade emitiu, a través da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), un informe que inclina con rotundidade o debate sobre a eficacia das terapias alternativas en España. Tras unha revisión exhaustiva da literatura científica sobre o tema, o organismo conclúe de forma categórica que non existe evidencia para avalar a eficacia da homeopatía no tratamento de patoloxías.
A investigación, titulada Homeopatía e produtos homeopáticos. Avaliación das evidencias sobre a súa eficacia e seguridade, consistiu nunha análise sistemática de 64 compilacións de literatura científica publicadas dende 2009 a febreiro de 2026, momento no que se procuraron os artigos a revisar. Os resultados son contundentes: os efectos observados nos pacientes que utilizan estes produtos non superan en ningún caso aos do placebo, o que invalida o seu uso como ferramenta terapéutica eficaz no sistema sanitario.
O principio da similitude
O informe detalla os principios da homeopatía: “Definiuse como un método terapéutico polo médico alemán Samuel Hahnemann a finais do século XVIII. A súa práctica baséase no uso de preparados homeopáticos en cuxa fabricación se producen unha serie de dilucións seriadas coñecidas como ‘dinamizacións’”. Isto baséase no “principio da similitude”, é dicir, que o semellante se cura co semellante.
A análise do Ministerio explica que a teoría deste principio é que unha enfermidade terá a súa cura en substancias que producen os mesmos efectos, ou similares, que os síntomas da patoloxía. Esta idea, observada polo médico Hahnemann, non está demostrada.
Ademais, os autores chegaron a determinar que algúns estudos que resultaban favorables ás prácticas homeopáticas estaban financiados por entidades afíns ás terapias alternativas, o que compromete a neutralidade das súas conclusións.
As cuestións metodolóxicas
Un dos puntos máis críticos do informe sinala a baixa calidade metodolóxica dos estudos que tradicionalmente defenderon a homeopatía. A AEMPS advirte que os aparentes efectos positivos rexistrados en certos ensaios desaparecen por completo cando se aplican controis de rigor, se aumenta a mostra de pacientes ou se realiza un seguemento prolongado.
Dende o punto de vista da farmacoloxía e a física, os principios homeopáticos resultan inverosímiles. O informe destaca que, nas dilucións habituais, é matematicamente imposible que o preparado conteña sequera unha molécula do ingrediente orixinal. Isto rompe calquera relación de causa-efecto, deixando o produto final sen capacidade de interacción biolóxica co organismo.
Para ilustrar esta realidade, o estudo emprega o exemplo da atropina. Trátase dun preparado homeopático cunha dilución 6 CH (Centesimal de Hahnemann, que mide a disolución dun composto) de beladona (Atropa belladona), da que se obtén o alcaloide atropina. A cantidade de atropina resultante desta “dinamización” é o equivalente a disolver un só sobre de azucre en toda a auga do mar Mediterráneo.
Estas cifras demostran que teorías como a “memoria da auga” —”crenza de que o líquido retén as propiedades dunha substancia, aínda que xa non queden moléculas dela [no líquido]”, segundo explica o Ministerio de Sanidade— carecen de base empírica na que sustentarse.
Un mercado activo, pero controlado
Malia existir unha falta de evidencia patente, a homeopatía é legal en España (aínda que baixo condicións estritas). Actualmente existen 976 produtos rexistrados mediante un procedemento simplificado. Este rexistro só é posible porque, debido á súa extrema dilución, son produtos inocuos que non presentan riscos de toxicidade directa. Así e todo, a lei prohíbelles incluír calquera indicación terapéutica na súa etiquetaxe.
Este proceso de regularización, promocionado pola AEMPS, provocou a retirada do mercado de múltiples substancias, de xeito que actualmente non existen en España produtos homeopáticos autorizados a indicar que posúen calidades terapéuticas.
Consenso en canto a riscos
Coa publicación deste informe, España súmase a unha tendencia global de endurecemento regulatorio. En Europa, Francia xa eliminou o reembolso público destes produtos en 2021 e Alemaña prevé suprimir a súa cobertura polo seguro médico legal en 2026. Noutros países como Reino Unido ou Estados Unidos, as autoridades esixen advertencias explícitas sobre a falta de base científica en cada envase. Australia vetou o seu uso no tratamento de enfermidades crónicas ou graves.
Este estudo pon o foco na seguridade do paciente. Aínda que o produto en si non sexa tóxico —debido, en esencia, a que o seu suposto principio activo está presente en doses tan extremadamente baixas que se volven inexistentes—, o perigo real reside no atraso ou abandono de tratamentos médicos con eficacia demostrada. Substituír unha terapia baseada na evidencia por un produto homeopático pode ter consecuencias fatais para a saúde. A conclusión final da AEMPS é unívoca: a homeopatía non pode considerarse unha alternativa válida.
Este documento é o resultado do Plan para a protección da saúde fronte ás pseudoterapias (ConPrueba), unha iniciativa conxunta dos ministerios de Sanidade e Ciencia iniciada en 2018. O obxectivo central foi analizar de forma rigorosa os fundamentos das terapias máis estendidas para ofrecer información transparente e segura á cidadanía sobre a súa utilidade real.















