Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII

Hoxe en día coñécense moitos aspectos do pasado grazas á documentación preservada durante anos e mesmo séculos: testemuños recollidos en diarios e cartas. Pero, e se puidésemos saber que emocións sentían as persoas que escribían correspondencia aos seus coñecidos no século XVI? Agora é posible a través do proxecto MOMENTUM CSIC Historia e emocións, froito do traballo das investigadoras Patricia Martín-Rodilla e Albina Sarymsakova, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS-CSIC). A iniciativa, cunha duración de catro anos e financiada no marco de Generación D a través de Red.es, busca extraer emocións de documentos textuais dos séculos XVI ao XVIII. Este proceso coñécese como emotion mining, ou minería das emocións.

“Queremos saber que emocións transmitían e se somos capaces de descubrilas non só de maneira humana, senón grazas á computación”, explica Patricia M. Rodilla, investigadora principal do proxecto. Durante o primeiro ano xa analizaron 753 fragmentos de cartas transatlánticas escritas ou recibidas por mulleres en castelán, aínda que, como sinala Rodilla, “os corpus que manexamos son variados”. A correspondencia en castelán procede do tamén proxecto do CSIC Fastos, archivo y cultura femenina en la América virreinal, dirixido dende o Instituto de Lengua, Literatura y Antropología (ILLA-CSIC). Ademais, o equipo traballa cun corpus semellantes en inglés, como o Corpus of Early English Correspondence Sampler (CEECS), que inclúe correspondencia epistolar do mesmo período histórico.

Publicidade

Detrás desta investigación, apoiada polos fondos Next Generation da Unión Europea, hai un equipo multidisciplinar composto por dez anotadores, ademais de historiadores e lingüistas, que colaboran na identificación das emocións presentes nos textos. Esta primeira fase permitiu adestrar e mellorar o modelo de intelixencia artificial para que poidan analizar os documentos liña por liña e recoñecer categorías emocionais —ito emocións básicas e o obxectivo é ata 22 derivadas—. Na actualidade, o sistema aínda está en desenvolvemento.

Tristeza e esperanza

As cartas de mulleres dirixidas a maridos e fillos que emigraron a países como México foron tradicionalmente interpretadas como expresións de tristeza, morriña ou nostalxia. Porén, a investigación do CSIC cuestiona esta primeira lectura e propón unha interpretación diferente: en moitos casos trátase de escritos de carácter máis irado. “Sorprendeunos que moitas delas adoitaban ser peticións de índole utilitarista e normalmente con enfado”. Así, o estudo tamén permite analizar posibles diferenzas entre xéneros: “Coñecer se as emocións e o xénero ten algunha relación nestas cartas, xa que nos corpus manexados as mulleres contan cousas, mentres que as cartas dos homes baseábanse máis na administración, con menos carga emocional”, apunta. 

Publicidade

Os primeiros resultados indican a presenza de emocións combinadas, como tristeza asociada a medo —enfermidades, epidemias ou problemas familiares— ou a ira —reclamos—. “Precisamos a multietiqueta porque un texto non transmite unha soa emoción”, explica a investigadora, xa que nun mesmo fragmento poden coexistir estados emocionais distintos, como o enfado e a súplica. Tamén se incopora a análise da esperanza, unha emoción que con frecuencia se confundía coa nostalxia: “Cando se escribe unha carta, a esperanza é está ligada ao acto de solicitar algo ao destinatario”, engade Patricia M. Rodilla. 

En fase de adestramento

Na fase actual do proxecto Historias e emocións, as investigadoras traballan na optimización dos sistemas de computación de cara aos próximos tres anos. Patricia M. Rodilla explica o funcionamento destes modelos: “O modelo non analiza só a palabra, senón un contexto textual máis amplo; a carga léxica e gramatical é a que achega maior información emocional”. A partir da aprendizaxe automática, o sistema vai sendo adestrado para mellorar a súa capacidade de detección.  

Porén, o principal problema aparece cando nun mesmo fragmento conflúen múltiples emocións: “Cantas máis están presentes, máis se solapan e máis difícil resulta para a máquina identificalas”, sinala. Nestes casos, cando as emocións son claramente diferenciables, o recoñecemento é máis sinxelo; o problema xorde cando os límites entre elas non están ben definidos.

Os modelos analizan oito emocións básicas e 22 derivadas nos fragmentos. Foto: Unidade de Comunicación do CSIC Galicia
Os modelos analizan oito emocións básicas e 22 derivadas nos fragmentos. Foto: Unidade de Comunicación do CSIC Galicia

Ademais, existe unha diferenza relevante entre idiomas: os modelos funcionan mellor en inglés, xa que contan cun maior grao de adestramento, mentres que en castelán presentan máis limitacións.

Reto: a evolución da linguaxe

“Os retos son xigantes”, sinala Patricia M. Rodilla. Entre eles destacan dous fenómenos lingüísticos: a propia evolución lingüística e o semantic shift (desprazamento semántico).

O primeiro está relacionado co contexto temporal no que foron escritos os textos. “As emocións e a linguaxe que as expresa cambia ao longo do tempo”, explica a investigadora. Expresións como “Deus nos remedie”, hoxe pouco habituais, estaban ligadas a unha forte devoción relixiosa e tiñan unha carga emocional específica. “Hai que ensinarlle ao modelo que emoción representan, porque non as recoñece por si mesmo”, indica. A formalidade da época estendíase incluso ás cartas dirixidas aos fillos, cun vocabulario impregnado de referencias relixiosas. Fórmulas como “besar as mans” eran habituais e transmitían unha carga afectiva que hoxe resulta allea. Por iso, lingüistas e investigadores colaboran para identificar estas expresións e determinar o seu valor emocional no contexto histórico.

Por outra banda, o desprazamento semántico refírese ao cambio de significado das palabras. Termos como “espanto”, que na actualidade evocan un medo intenso, podían significar no pasado sorpresa ou asombro. “Empregamos unha metodoloxía que permita establecer un acordo sólido e trasladar esa interpretación aos modelos”, explica Patricia M. Rodilla.

Máis aló do ámbito académico

Os historiadores que traballan con correspondencia epistolar están afeitos a este tipo de fontes, mais en moitos casos deben interpretar de maneira intuitiva as emocións que agochan. “Queremos que sexa unha ferramenta que axude a comprender mellor o pasado e que permita reformular as preguntas de investigación cun alto grao de precisión”, sinala a investigadora principal. O obxectivo é validar o sistema xunto á comunidade científica para incorporar a dimensión emocional de forma cuantitativa nos estudos históricos.

Porén, o seu potencial vai máis alá do ámbito académico. Patricia M. Rodilla explica que no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento consérvanse numerosos documentos relacionados coa grande emigración galega. “Temos textos, e achegar ao gran público as emocións que viviron as persoas que marcharon sería moi interesante”, indica. Deste xeito, ábrese unha nova vía tanto para a investigación como para a divulgación da historia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non todas as formas de sentar son iguais: actividades para mellorar a saúde cerebral dende o sofá

Unha revisión de 85 estudos amosa que tarefas como ler ou xogar ás cartas fortalecen a memoria e a función executiva

Inés de Quiroga, a abadesa que se opuxo a unha vida de clausura e illamento

Os Reis Católicos impulsaron a comezos do século XVI unha reforma que pretendía implantar unha maior rigorosidade no seguimento das normas monásticas
00:03:06

Z de Zas: unha ponte (medieval) á arquitectura do pasado

A catedral de Santiago, a capela de San Miguel de Celanova e a igrexa de Santa Comba de Bande son algunhas das obras máis representativas da Idade Media en Galicia

Xurxo Mariño, divulgador: “Sabemos máis da sexualidade das ratas que da das persoas”

O tamén investigador da UDC desvela no seu novo libro algúns dos últimos descubrimentos sobre a neurociencia das emocións