Xurxo Mariño, divulgador: “Sabemos máis da sexualidade das ratas que da das persoas”

O tamén investigador da UDC desvela no seu novo libro algúns dos últimos descubrimentos sobre a neurociencia das emocións

Xurxo Mariño é doutor en Neurofisioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e profesor na Universidade da Coruña (UDC). Alén do seu labor na investigación, tamén é o responsable da sección de neurociencia no programa Órbita Laika e desenvolve o seu labor de divulgación a través de cafés teatros científicos, discurshows e do seu blog Cultura científica. O próximo 19 de xuño publicará Neuronas para la emoción, un libro que define como “o resultado de máis de dous anos de traballo sobre a ciencia das emocións, sen fantasías”. Esta publicación virá da man da editorial Shackleton Books, con quen tamén publicou La conquista del lenguaje (2020).

Por que se decidiu a contar esta parte das emocións?

Publicidade

—Realmente non foi unha decisión miña, de feito, eu era algo reticente inicialmente porque é un campo moi complicado. Desde Shackleton Books fixéronme esta proposta pensando un pouco nas dificultades derivadas da situación de pandemia que acabamos de vivir, especialmente no caso dos adolescentes. Aínda que é un libro dirixido a todo o mundo, mentres o escribía tiña en mente este perfil. Finalmente díxenlles que ía precisar moito tempo porque cando a ciencia é difusa sobre un tema é complicado aclarar as ideas, mais acabei por decidirme porque é moi complicado atopar pezas de ciencia popular e divulgación que amosen cal é a ciencia que hai detrás das emocións. Ao facer unha revisión das cousas que se contan por aí dinme de conta do lamentable que é a situación. A divulgación acaba por tirar de conceptos que en realidade están moi pouco claros ou de ideas que non están asentadas na ciencia. O que procurei foi contar o que sabemos con rigor e desde o punto de vista nas neurociencias. 

“As moscas que foran rexeitadas para a cópula eran as que se emborrachaban máis”

A investigación con respecto ás emocións é un campo que evolucionou moito nos últimos anos, non?

Publicidade

—Por primeira vez temos ferramentas desde a neurociencia para tratar de comprender cales son as rexións do noso sistema nervioso que están implicadas nas emocións e como funcionan. Ata o de agora só podíamos contar cos resultados dos experimentos desde a psicoloxía, que son propostas moi complexas porque é difícil meterse na cabeza doutro ser humano. A partir da neurociencia podemos sacar conclusións que serven para todos os mamíferos, non só para os humanos, porque precisamente no libro falo de circuítos neuronais moi básicos, ancestrais. Nel conto cousas que sabemos con algunhas certezas sobre as denominadas emocións básicas.

Non hai un consenso absoluto sobre cales son, mais decidín centrarme nas que contan con datos máis sólidos desde o punto de vista da neurociencia: alegría, tristeza, medo e ira. E ademais, engadín dúas que tamén se poden considerar básicas porque contan con circuítos no encéfalo: a atracción sexual e a busca e anticipación. Esta última probablemente non apareza en ningún outro libro de divulgación porque é un termo moi recente, en inglés denominado seeking. O curioso é que non se considerou unha emoción como tal porque está por detrás de todas as demais, participa en todas elas. É o que nos pon en marcha e que activa as nosas ganas de facer cousas, é esencial para a supervivencia de calquera organismo. Hai outras emocións, as sociais, que desenvolvemos os seres humanos debido á nosa complexa vida social. Serían cousas como a envexa, a vergoña, o orgullo, os celos, a gratitude ou a admiración, mais non me centro nelas. Sabemos que son emocións que sente un ser humano, mais non sabemos se as pode sentir outro animal. 

Cales son algunhas das novidades que introduce a perspectiva da neurociencia?

—Sobre todo cousas que non se podían saber a través das abordaxes psicolóxicas. Por exemplo, agora sabemos que existe unha ligazón moi forte entre a tristeza e o amor maternal, xa que están xestionados por circuítos moi similares. Non está moi claro se o amor maternal pode considerarse unha emoción básica, mais é un instinto moi claro que existe nos mamíferos e resulta que desde o punto de vista evolutivo comparte función coa tristeza, a busca de contacto social.

No caso do amor maternal é un contacto moi concreto, coas crías, mais os circuítos nerviosos que se encargan diso son moi similares. Alén, cando somos crías, a tristeza maniféstase a través do que coñecemos como ansiedade por separación. Isto dáse por exemplo cando unha cría de paxaro cae do niño e comeza a piar moi forte: non é medo, é ansiedade por separación. E ocorre o mesmo nos seres humanos. Resulta que os circuítos que poñen en marcha esta resposta son os mesmos que na idade adulta xestionan a emoción de tristeza.

“Existe unha ligazón moi forte entre a tristeza e o amor maternal, xa que están xestionados por circuítos moi similares”

Grazas a estes novos estudos a través da neurociencia tamén coñecemos que os circuítos ancestrais que na idade adulta se encargan da alegría son os mesmos que cando somos nenos xestionan os xogos. Falo de dous xogos en concreto que sabemos facer tanto nós como outros animais como os cans. Cando son pequenos encántalles pelexar e perseguirse e, de feito, unha persoa pode xogar ao pilla pilla con outro ser humano ou cun can sen problema, porque ambos coñecen as normas á perfección. Tanto este xogo como os xogos bruscos van acompañados da risa nos seres humanos e do seu equivalente noutros animais, porque a risa é a exteriorización da posta en marcha da emoción da alegría. Cando medramos, en vez de pelexarnos ou de perseguirnos, que tamén o podemos facer, as persoas inventamos outras estratexias para poñer en marcha eses circuítos, como os chistes ou os filmes. Somos moi creativos no que respecta a isto.

Nun dos capítulos falo tamén de experimentos que se fan para responder a pregunta de se as moscas teñen emocións. Algúns científicos expertos no tema consideran que si, podendo enfadalas se tratas de cazalas reiteradamente ou darlles azucre para que mostren o que nós interpretamos como alegría. Fíxose un experimento no que deixaban que as moscas copularan entre elas e despois dábanlles alcohol para beber. O resultado foi que aquelas que foran rexeitadas na cópula eran as que se emborrachaban máis e ademais mostrando un comportamento similar ao dos seres humanos, cunha habilidade motora lamentable. Estes experimentos, nos que se utilizan animais moi simples, poden ser útiles para o estudo das emocións nos seres humanos porque resulta que este comportamento está xestionado pola mesma substancia, coñecida como neuropéptido F nas moscas e neuropéptido Y nos mamíferos. Hai vías de investigación actuais que son moi interesantes para tratar de buscar esas cousas que forman parte da raíz do comportamento emocional. 

Cales son estes circuítos compartidos entre algunhas das emocións básicas?

—Podemos imaxinalo como unha serie de puntos separados entre os que se establecen ligazóns, mais hai certas rexións que participan en practicamente todas as emocións. Unha delas sería a amígdala, que antes estaba relacionada só co medo, mais que realmente está implicada na xestión de practicamente todas as emocións. Este é tamén o caso do hipotálamo, que se encarga de correlacionar o estado mental coas respostas fisiolóxicas, por exemplo, que se acelere o corazón ou que empecemos a suar, mais estas respostas poden ser similares para distintas emocións. O corazón pode acelerarse tanto de pracer como de medo. Ambas son zonas que compartimos cos mamíferos, mais nos seres humanos tamén participa o córtex prefrontal. Esta é a parte que convirte as emocións en sentimentos.

O sentimento é a emerxencia subxectiva da emoción, a percepción consciente. A emoción do medo pode manifestarse en que a persoa quede paralizada, algo perceptible desde o exterior, mais o sentimento é algo íntimo: ningún outro ser pode saber como é o teu sentimento de medo. Isto é o que non sabemos se está noutros animais, por iso tamén é útil diferenciar emocións de sentimentos, porque me permiten falar con rigor de emocións para referirme a cousas presentes noutros animais e referirme a sentimentos cando estou falando de cousas que só percibimos os seres humanos de maneira subxectiva. 

“O único comportamento emocional do que realmente podemos ter certeza é do dun mesmo”

Con todo, hai unha interpretación cultural, non?

—A exteriorización das emocións, en principio, é unha resposta innata e bastante automática. É certo que podemos modificar esa exteriorización de maneira consciente. Precisamente por iso, existe a profesión das actrices e actores. Non obstante, é diferente cando queremos estudalas, porque non podemos fiarnos e por iso é un campo tan complexo e no que non hai moitas certezas. O único comportamento emocional do que realmente podemos ter certeza é do dun mesmo, porque todo o demais vén derivado da observación doutra persoa ou de escoitala, mais iso pode mudarse voluntariamente. Non temos forma de acceder á mente dunha persoa, mais a través das técnicas de imaxe e das ferramentas da neurociencia podemos observar o que ocorre no sistema nervioso sen ter que fiarnos do que di unha persoa ou da cara que poña. Hai moitos matices.

Por outra banda, tamén contamos coas reaccións fisiolóxicas, que son bos criterios para saber se unha persoa está tendo unha resposta de tipo emocional. Aquí é moi común utilizar un detector de condutividade na pel, porque esta aumenta cando suamos. No último capítulo do libro falo da música, que ten unha capacidade moi grande para activar case calquera emoción, e duns experimentos que se fan poñendo pezas que fan que a xente entre nunha especie de éxtase nos que se utilizan estes detectores de condutividade. Tamén se miden outras cousas como a frecuencia cardíaca ou a profundidade respiratoria.

No que respecta á interpretación dos resultados, os nesgos existen sempre desde calquera aproximación científica e é algo que hai que tratar de eliminar. A investigación científica, en principio, non debería ter ningún nesgo cultural. No caso concreto das emocións e da neurociencia, hai moitas cousas que se saben hoxe que nunca se estudaron nos seres humanos. Sabemos máis sobre a sexualidade das ratas que a das persoas. Hai pouco tamén se publicou un artigo que dicía que na gran maioría dos estudos que utilizan enquisas, estas están dirixidas a persoas brancas, educadas, da contorna anglosaxona e de clase media, porque estas investigacións están nas universidades e as persoas voluntarias que atopan adoitan formar parte do seu alumnado. O que propoñía este artigo é que é moi posible que moitas das conclusións dos estudos da psicoloxía estean nesgados, mais este é un problema xeral que existe. Por iso, no libro intento soster os argumentos sobre as investigacións e experimentos que van á base do tema. 

“A linguaxe serve para refinar e enriquecer as emocións básicas”

Dicía que é posible modificar a exteriorización das emocións. É posible tamén modificar a resposta emocional en si mesma?

—Si. Se comezamos a pensar nunha situación triste ou vemos algo capaz de espertar esta emoción, entraremos nun estado de tristura. Se estás triste e saes de festa coas túas amizades e decides amosarte feliz para non amolalas, ese esforzo ou esa especie de actuación acaba por xerar en ti un estado verdadeiro de alegría. Se, por exemplo, quixeramos falar cun actor ou actriz que acabe de ter unha representación na que a súa personaxe está enfadada é mellor esperar un par de días. Sobre isto hai experimentos que se fan para tratar de saber en que orde se suceden as respostas emocionais. Hai unha pregunta clásica do estudo das emocións: acelérase o corazón porque tes medo ou percibes unha emoción de medo porque notas o corazón acelerado? Que vai primeiro e que é a consecuencia de que? Pois funciona en ambos sentidos. Nalgúns casos é a percepción física a que crea a sensación subxectiva, mais noutros a reacción fisiolóxica vén derivada desa emoción. 

Tamén ten escrito sobre a linguaxe. Como inflúe esta á hora de entender ou de transmitir as emocións?

—Hai unha rama da investigación que considera que as emocións son culturais, que realmente estes circuítos descritos pola neurociencia non existen e que cada emoción é unha construción a partir do que somos os seres humanos. Así, é preciso ter linguaxe para o desenvolvemento das emocións. Esta é unha hipótese que a maioría da xente que traballa nisto non considera válida. O asunto é que se considera que as emocións básicas son universais, mais non a exteriorización. Por exemplo, houbo casos nos que se estudaron as emocións con xente de Papúa-Nova Guinea, que entendían como ameaza o que para nós é unha cara de susto, cos ollos moi abertos. Como dicía, hai investigacións que consideran que a linguaxe é esencial, mais non é a corrente maioritaria. No noso caso, a linguaxe sérvenos para construír ese extraordinario abano que temos de respostas emocionais. A linguaxe serve para refinar e enriquecer as emocións básicas e tamén para transmitir o noso estado emocional con precisión. O resto dos animais transmíteno mediante expresións corporais ou emitindo substancias químicas.

“Con bebés e animais falamos con prosodias esaxeradas porque on temos a ferramenta da linguaxe capaz de trasladarlles emocións máis precisas”

Non o comentei, mais as emocións teñen dúas funcións: ter unha reacción rápida ante calquera evento mellorando a supervivencia e ter unha exteriorización que comunique os demais. Un ser humano pode transmitir cunha precisión demencial o seu estado emocional cunha riqueza extraordinaria grazas á linguaxe. O cume desta capacidade supoño que é a poesía porque non só trata de describir con moita precisión o que sente ante algo, senón que ás veces tamén trata de xerar ese mesmo estado emocional na persoa que o le e iso é complicado.

Como dicía antes tamén, a música ten unha gran capacidade de transmisión de emocións e nesta liña ocorre algo moi curioso. Cando falamos con bebés utilizamos unha prosodia moi esaxerada, case musical, repetimos palabras, separamos sílabas… É o que denominamos linguaxe de bebé e deixamos de utilizala aproximadamente a partir dos tres anos, cando ese ser humano xa comeza a entender a linguaxe, digamos, normal. Cando podemos transmitir emocións falando sen máis deixamos de utilizar a linguaxe de bebé. Non obstante, esta é a mesma linguaxe que utilizamos cando falamos cos nosos cans ou gatos e facémolo durante toda a súa vida, non só nos primeiros anos, precisamente porque non temos a ferramenta da linguaxe para trasladarlles emocións a través dunha vía máis precisa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde nace a atención? A neurociencia ten a resposta

O cerebro organiza estímulos e dirixe o foco cara ao relevante mediante circuítos dopaminérxicos. Por Juan Pérez Fernández e Carmen Núñez González / UVigo

Ler é un pasatempo… ou moito máis?

A lectura destaca por activar procesos cognitivos específicos que, especialmente cando o cerebro se está desenvolvendo, poden marcar diferenzas importantes na idade adulta

Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC Galicia desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia