Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

Afondar en como a través da investigación, da innovación e do pensamento creativo multidisciplinar é posible construír un futuro máis sostible. Ese é o obxectivo das xornadas que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo promove o vindeiro mércores 24 na sede da Vicerreitoría do campus, no marco do programa de divulgación científica Ciencia de ida e volta, que a Universidade desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Dirixido a conmemorar o Día Mundial da Creatividade e da Innovación, celebrado o pasado 21 de abril, diferentes investigadoras da UVigo serán as protagonistas dun evento que se desenvolverá entre 18.30 e as 20.30 horas. A través de tres conferencias, as xornadas porán o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.

Aberta ao público, con inscrición previa ata completar a capacidade da sala, a xornada abrirase cun relatorio da directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, titulado Creatividade e innovación na captación de fondos europeos para construír sociedades máis sostibles. Como explican desde a UCC+i, esta conferencia centrarase no traballo que desenvolve a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo “en relación coa identificación de fontes de financiamento da Unión Europea e o apoio a toda a comunidade universitaria para deseñar e levar a cabo proxectos innovadores en terceiros países que contribúan á súa sostibilidade”. 

Publicidade

Investigación para un futuro máis sostible

Tras este primeiro relatorio, a actividade continuará co relatorio A investigación sostible do futuro, no que interveñen Carla Cameselle, María Dolores Torres e Noelia Flórez, do grupo de investigación en Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo, pertencente ao Cinbio. A súa intervención estará centrada, como sinalan desde a UCC+i, na “problemática do impacto ambiental na investigación e a necesidade de utilizar tecnoloxías máis sostibles para reducilo”. Con esa idea, presentarán diferentes tecnoloxías verdes e as súas posibles aplicacións, á vez que que reflexionarán sobre “o papel da tecnoloxía para axudar a crear un futuro máis sostible e sobre como a adopción de tecnoloxías verdes pode mellorar a eficiencia e reducir os residuos” nos procesos investigadores.

Finalmente, a xornada pecharase coa conferencia Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, a cargo de Aida María Díez, do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (Biosuv), pertencente ao Cintecx. Díez abordará na súa intervención dúas das liñas de traballo deste grupo, a centrada nos “procesos de absorción”, o uso de materiais porosos para reter elementos contaminantes que poidan atoparse en augas residuais, e a dedicada os “procesos de xeración de hidróxeno, centrados na rotura da electroquímica da auga para producir este combustible non contaminante”. En ambos casos, explican desde a UCC+i, o grupo busca que estes materiais “teñan base de carbono e nitróxeno” e sexan libres de metais, coa idea de reducir a contaminación asociada a estes. Deste xeito, este terceiro relatorio buscará incidir en como a innovación permite ”que procesos tradicionais altamente contaminantes poidan reinventarse e ser máis eficientes e sostibles”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

O Foro de Empresas Innovadoras recoñece a Unirisco polos seus 25 anos de apoio á transferencia

Dende a súa creación en 2001, contribuíu a levar máis de 40 proxectos científicos ao ámbito comercial, impulsando a colaboración entre universidade e empresa

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona