Sonia Villapol: “O cerebro agradece o exercicio, é un dos medicamentos sen receita máis eficaces”

A neurocientífica galega publica 'Cerebro en modo ON', un manual divulgativo de neurociencia para adolescentes con grandes leccións para adultos

En pouco máis de 100 páxinas, Sonia Villapol debulla os segredos do cerebro adolescente. A neurocientífica galega é quen de explicar cun ton divulgativo e ameno unha disciplina tan complexa como a neurociencia e logra condensar temas tan dispares como a importancia do sono, a química do cerebro, o impacto dos ultraprocesados, a saúde mental e a influencia das pantallas e das redes sociais na adolescencia. Cerebro en modo ON (Galaxia, 2026) non só é un manual para a rapazada, senón tamén para o público adulto que quere entender o funcionamento deste órgano dende a súa base. “Cando un lector entende que a neurociencia explica cousas que lle pasan todos os días, deixa de parecer unha ciencia afastada e convértese nunha ferramenta para comprenderse mellor”, apunta Villapol.

A neurocientífica galega traballa dende 2010 en Estados Unidos, onde actualmente é profesora de Neurocirurxía e dirixe o seu propio laboratorio no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist en Houston (Texas), ademais de ser docente na Universidade Weill Cornell de Nova York. Á súa longa e prolífica traxectoria suma un novo reto: a publicación do seu segundo libro de divulgación científica tras ConSciencia: a ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais, 2023). Neste 2026 adapta o seu campo de estudo á linguaxe adolescente e xunto ás ilustracións de Diego Estebo crea unha guía atemporal sobre o cerebro. Villapol admite que a escrita do libro foi un reto: “O desafío consistía en explicar a neurociencia de maneira abreviada pero sen perder o rigor científico. Tiven que preguntarme constantemente como llo explicaría á rapazada”.

Publicidade

Durmir e facer deporte

Para conseguilo, botou man de comparacións e exemplos da vida diaria para entender por que soñamos, por que nos poñemos nerviosos ante un exame ou por que é tan beneficioso para o cerebro facer exercicio a diario. A adolescencia é unha etapa na que se precisa moita actividade física. As guías internacionais recomendan polo menos 60 minutos diarios para fortalecer músculos, ósos e favorecer o desenvolvemento cerebral. “En todas as idades, o cerebro agradece o exercicio. É probablemente un dos medicamentos máis eficaces que temos sen receita polo momento, pero agardamos que cambie e se recomende clinicamente nun futuro”, sostén Villapol.

Outro dos aspectos clave durante a adolescencia é o sono: “Durmir é como facerlle mantemento ao teu cerebro”. Neste apartado, a autora explica como o órgano é capaz de “limpar” os residuos. Se non o fai correctamente, pasa factura: debilita as defensas, hai máis irritabilidade emocional e pode afectar a memoria. Con todo, non só se trata de que os adolescentes durman entre 7 e 9 horas ao día, senón que se establezan uns horarios ben pautados. Durante esta etapa prodúcese un “atraso natural do reloxo biolóxico”, polo que é habitual que moitos rapaces e rapazas teñan sono máis tarde do recomendado. “Estudar ata as tres da mañá adoita ser menos efectivo que durmir ben”, declara.

Publicidade

Entre pantallas

“O problema aparece cando ese atraso se combina con pantallas, redes sociais ou videoxogos ata a madrugada e ao día seguinte hai que levantarse cedo para ir ao instituto”, indica. Este tipo de rutinas, onde non se garante un sono de calidade, afectan a memoria, a atención e incluso o control emocional. Non obstante, Villapol non desaconsella o seu uso, senón que apela a un emprego saudable. “Nos adolescentes, os sistemas de recompensa son especialmente sensibles. As notificacións, os likes e os vídeos curtos activan mecanismos cerebrais relacionados coa dopamina, facendo máis difícil interromper o seu uso”, advirte, e lembra que acontece algo semellante nas persoas adultas, pero que o cerebro adolescente é máis vulnerable porque aínda está madurando.

O uso das pantallas vai estreitamente ligado ás redes sociais. A súa regulación está constantemente no debate público, máis aínda tras a proposta da Comisión Europea a mediados de setembro de prohibir as redes sociais aos menores de 13 anos e permitir o acceso con restricións ata os 15. Villapol insiste en que o seu uso non é prexudicial por si mesmo, pero si hai que ter un certo control. “Máis que contar minutos, debemos preguntarnos se as redes están substituíndo o sono, o exercicio, as relacións presenciais ou o tempo para aprender“, sinala. E engade o importante que é, dende a escola, que se lles ensine aos adolescentes a avaliar contidos e filtrar só a información que é verídica, sobre todo nun momento no que a identidade e a autoestima se están a construír, e as redes poden provocar a comparación constante e a exposición a contidos pouco realistas.

Saúde mental

Cerebro en modo ON tamén aborda a importancia de coidar a saúde mental na adolescencia e explica como se pode lidar coa ansiedade, a depresión e os trastornos da conduta alimentaria nunha etapa tan sensible. “Un estrés mantido no tempo pode deixar unha pegada máis profunda que noutros momentos da vida. Sabemos que pode alterar circuítos relacionados coa memoria, a regulación emocional e a reposta ao estrés, aumentando a vulnerabilidade a trastornos como a ansiedade e a depresión”, apunta Villapol. Malia que ese estrés pode deixar pegada no cerebro adulto, a neurocientífica galega lanza unha mensaxe positiva: o cerebro sempre é plástico. E pon o foco na importancia do apoio familiar, da actividade física, dun bo descanso, das relacións sociais e, de ser preciso, de atención psicolóxica e psiquiátrica para sacar o cerebro do “estado de alerta”.

“O primeiro é entender que ansiedade e depresión non son un fallo persoal nin unha cuestión de forza de vontade por parte dos adolescentes. Son trastornos complexos nos que participan múltiples redes cerebrais, factores biolóxicos, xenéticos, psicolóxicos e sociais”, insiste Villapol. E volve poñer o foco na capacidade que ten este órgano de moldearse ao longo de toda a vida, non só na adolescencia: “Temos que aprender a ser escultores do noso cerebro”.

Por que enferma o cerebro?

A neurocientífica galega dedica un capítulo a analizar os factores que danan e enferman o cerebro. Entre eles, salienta o consumo de azucre e ultraprocesados, que pode asociarse con máis inflamación, alteracións metabólicas e cambios na microbiota intestinal. “Todo isto pode repercutir na comunicación entre intestino e cerebro, e relacionouse cun maior risco de deterioración cognitiva, depresión e enfermidades neurodexenerativas”, apunta Villapol, quen centra gran parte das súas investigacións no eixe intestino-cerebro. En enfermidades como a de Crohn e a colite ulcerosa, é frecuente que os pacientes presenten máis ansiedade, depresión, fatiga ou dificultades cognitivas: “Non é porque a enfermidade se traslade á cabeza, senón porque a inflamación intestinal pode influír no cerebro“.

Outro dos factores que tamén poden ser prexudiciais para este órgano, ademais do alcol e outras drogas, así como as conmocións nos deportes, son os tóxicos e a contaminación. Villapol advirte que a ciencia e as leis non sempre avanzan ao mesmo ritmo: “Un químico ou unha emisión pode cumprir as normas legais actuais e, aínda así, seguir existindo dúbidas sobre o seu impacto real na saúde ao longo prazo”. Aquí entran no debate os PFAS ou químicos eternos, posto que son moi persistentes no ambiente. “Aínda estamos coñecendo agora os seus efectos a longo prazo, tanto en moduladores do sistema endócrino como activadores da inflamación”, engade.

Linguas e música

Villapol tamén dedica un capítulo a entender como é o cerebro por dentro e outro sobre os cambios neste órgano durante a puberdade e a adolescencia. Nesta etapa é especialmente importante a aprendizaxe, e a neurocientífica destaca o uso das linguas e da música para adestrar o cerebro nun momento de tanta plasticidade. “Hoxe sabemos que medrar con dúas ou máis linguas non o confunde, senón que o fortalece. Aprender varios idiomas activa redes moi amplas relacionadas coa atención, a memoria e o control executivo”, apunta. A música tamén pode ser unha ferramenta moi valiosa, non só para mellorar a memoria e a atención, senón porque activa os circuítos de recompensa do cerebro para que as persoas sintan pracer e motivación.

A neurocientífica galega vai tecendo ao longo das máis de 100 páxinas de Cerebro en modo ON un manual para entender como funciona o órgano, por que ás veces se toman malas decisións, por que nos custa tanto concentrarnos despois dunha noite sen durmir, ou como pode afectar o consumo frecuente de alcol e outras drogas ao seu funcionamento. No epílogo, Villapol diríxise directamente a ese público ás veces tan esixente como son os adolescentes. E malia que as súas mensaxes están enfocadas a esa “etapa incrible da vida”, son perfectamente aplicables á vida adulta: “Coidar o cerebro non é só ler moito, estudar máis ou sacar mellores notas. É aprender a vivir mellor”. Así de sinxelo.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

Onde nace a atención? A neurociencia ten a resposta

O cerebro organiza estímulos e dirixe o foco cara ao relevante mediante circuítos dopaminérxicos. Por Juan Pérez Fernández e Carmen Núñez González / UVigo

A USC e Cambridge descobren un mecanismo clave na neurodexeneración e na neuroreparación

O traballo publicado en 'Nature' suxire un cambio de paradigma na comprensión de enfermidades como a esclerose múltiple, o alzhéimer e o párkinson
00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos