A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

As escavacións do convento de Santa Clara, en Pontevedra, acaban de sacar á luz un tesouro arqueolóxico: un cerebro saponificado. Este termo define o proceso químico polo que os lípidos corporais —neste caso o tecido cerebral— se transforman nunha substancia cérea tras a morte. “É o primeiro caso documentado destas características na península ibérica a un dos poucos a nivel internacional”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, durante a presención dos resultados. Tamén trasladou que soamente se atoparon outros tres casos no mundo: en Arxentina, Chile e Italia.

Ademais deste achado, os traballos arqueolóxicos en Santa Clara atoparon os restos de dous infantes, un deles con zapatos. Aconteceu o mesmo co cadáver dun capelán atopado diante do altar, que ademais de calzado levaba indumentaria completa. “É algo excepcional e único”, subliñou Domínguez. Segundo explicou, en Galicia existen un par de casos de téxiles en contextos arqueolóxicos, como o sudario do relicario de Santa Susana (aparecido na catedral de Santiago) e os fragmentos do castelo de Pambre, en Lugo. Porén, non se documentaran pezas completas como a casula deste capelán de Santa Clara e os sudarios das monxas, dos que tamén se atoparon varios cadáveres.

Publicidade

Descubrimentos no claustro

Os principais achados descubríronse na igrexa, peros os traballos tamén avanzaron no claustro, onde se documentou unha rampla. Nese espazo atopáronse elementos que, segundo trasladan os técnicos, reforzan a idea da existencia de tres alas do claustro nun momento inicial. Por outra banda, documentouse unha nova estrutura rectangular cara ao sur do bosque da que, nestes momentos, se descoñece a súa funcionalidade. Segundo informou o equipo de arqueólogos que está a desenvolver os traballos, parece ser que podería tratarse dun dos elementos estruturais máis antigos que hai no recinto. Ademais, a nivel de materiais, apareceron xa máis de 3.000 elementos entre os que se atopan restos cerámicos de entre finais do século XIV e XIX, moedas, vidros e pezas líticas.

As escavacións en Santa Clara entran no último mes de traballo de campo. Trala escavación comezará unha nota etapa de catro meses na que se executará o procesado de laboratorio, na que se realizarán analíticas ou, entre outras cuestións, datacións radiocarbónicas para seguir vertendo luz á historia do convento de Santa Clara e da cidade de Pontevedra.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sonia Villapol: “O cerebro agradece o exercicio, é un dos medicamentos sen receita máis eficaces”

A neurocientífica galega publica 'Cerebro en modo ON', un manual divulgativo de neurociencia para adolescentes con grandes leccións para adultos

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Viaxar no tempo

As últimas escavacións en Santa Clara sacan á luz un tesouro arqueolóxico. Por Laura Filloy

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación