Xoves 18 Abril 2024

Un estudo da galega Villapol atopa como os golpes na cabeza alteran a microbiota intestinal

A neurocientífica do Hospital Methodist de Texas publica un estudo sobre a inflamación no cerebro de xogadores de fútbol americano e a súa repercusión no intestino

Quen non escoitou algunha vez que o intestino é o “segundo cerebro”? De non ser así, cantas veces perdiches o apetito polo estrés do traballo? Ou con que frecuencia notaches cambios no teu ritmo intestinal a causa da ansiedade? As respostas poderán variar, pero o máis probable é que todas sexan afirmativas. Sobre todo, porque esa sensación de malestar dixestivo cando estamos baixo moita presión está xustificada pola ciencia. “Hai unha conexión directa a través do nervio vago que conecta o cerebro cos intestinos”, explica a neurocientífica galega Sonia Villapol, investigadora no Hospital Methodist de Texas (Estados Unidos).

Os xogadores de fútbol americano

Un dos principais campos de estudo de Villapol é coñecer máis en profundidade a estreita relación entre a microbiota e o cerebro. Froito das súas investigacións naceu o seu último traballo, que ten como protagonistas os xogadores de fútbol americano. “Moitos deles acaban suicidándose ou tendo párkinson con 40 anos”, detalla a neurocientífica. Para entender as causas, explica que, neste deporte, os xogadores levan constantemente golpes na cabeza. E os impactos nesta zona derivan “nun risco catro veces maior de presentar enfermidades neurodexenerativas, como é o caso do alzhéimer e do párkinson”.

Publicidade

“Os golpes na cabeza derivan nu risco catro veces maior de presentar enfermidades neurodexenerativas”

O estudo, no que participaron xogadores da Universidade de Rice, en Houston, foi o primeiro a nivel internacional que se fixo en clínica. “Miramos os marcadores sanguíneos, os biomarcadores inflamatorios, e atopamos que algunhas bacterias intestinais estaban moi baixas despois dun golpe na cabeza. Un só ou varios repetidos”, continúa debullando a investigadora galega. A mellor solución sería apostar por un descanso que lles permitira, a estes xogadores, recuperar a súa microbiota. Mais, en ocasións, isto non é así. “Eles están ben, levan un golpe, teñen inflamación, van para a casa e logo volven adestrar. E ao día seguinte levan máis golpes. Isto causa inflamación crónica e non hai maneira de detectala”, apunta Villapol, que explica que os estudos de neuroimaxe non teñen sensibilidade dabondo.

O uso de probióticos

Por tanto, debido á estreita relación entre microbiota e cerebro, eses golpes na cabeza que causan a inflamación tamén afectan as bacterias do noso intestino. No caso concreto dos xogadores de fútbol americano: “Cando están en activo, dando golpes continuamente, teñen una microbiota menos diversa e hai algunhas bacterias cambian ou desaparecen”, insiste a investigadora. Porén, este vínculo tan estreito entre intestino e cerebro podería ser clave para o diagnóstico e para o tratamento. “Sería unha especie de marcador de alerta. En función do estado da microbiota recomendarlles máis descanso ou apostar por un tratamento antiinflamatorio, cambiar a dieta ou tomar probióticos. Porque estas bacterias indican que hai inflamación persistente”, sinala Villapol.

A investigadora galega Sonia Villapol actualmente en Estados Unidos.
A investigadora galega Sonia Villapol actualmente en Estados Unidos.

Polo tanto, unha das claves podería ser o uso de probióticos. Pero non de calquera maneira. “Un probiótico non deixa ser unha bacteria. Tes que saber cal necesitas, saber que coloniza ben. Non é soamente tomalo”, especifica a investigadora. Polo tanto, o tratamento debería ser específico e personalizado. E talvez así, xunto cun cambio de dieta, ás veces moi drástico, poderíase mellorar a flora. No caso dos xogadores de fútbol americano, iso permitiríalles volver xogar e recuperar o seu estado físico sen inflamación. Aínda que os xogadores deste deporte non son os únicos sobre os que se centran este tipo de estudos. “Tamén analizamos como cambia a flora intestinal en pacientes covid e encontramos unha asociación moi parecida. Todo é a raíz da inflamación por coronavirus, de igual maneira que acontece cos golpes na cabeza”, continúa explicando Villapol.

As bacterias gastrointestinais, aliadas contra a Covid-19

A microbiota, clave de moitas doenzas

A flora bacteriana é clave para manter unha boa saúde porque, segundo apunta a investigadora galega, “regula máis da metade da inflamación do noso sistema inmune”. As porcentaxes non están tan claras, posto que hai estudos que sinalan a que un 70% da inmunidade está regulada pola flora. “Aínda non se sabe moi ben. Digamos que dende un 25% aun 70% depende da microbiota e, polo tanto, de moitas outras cousas: a comida, o tipo de alimentación, o exercicio, o ambiente, o estrés… Todo cambia a flora da microbiota. E de aí depende ter un sistema inmune máis fortalecido ou debilitado”, explica Villapol.

Polo tanto, a partir de agora hai que prestarlle máis atención a esas bacterias que habitan no noso intestino. Segundo a neurocientífica, hai moitos estudos que relacionan a flora co cancro. É dicir, como hai determinados tratamentos, como a quimioterapia, que funcionan ben para unhas persoas e non tan ben para outras. E a clave semella estar na microbiota. “Algunhas bacterias favorecen que este tratamento funcione ou non. Todo está conectado. Cunha flora bacteriana moi diversa e unha dieta equilibrada as vacinas van ter maior eficacia e os outros tratamentos tamén”, continúa sinalando a investigadora galega.

Ansiedade e depresión

Máis alá da importancia de manter un estilo de vida saudable, a microbiota tamén pode revelar información sobre a nosa saúde mental. “Hai moitísimos estudos sobre como os probióticos regulan os estados de ansiedade e depresión”, afirma Villapol, que recorda que moitos xogadores de fútbol americano presentan estas enfermidades e outro tipo de problemas neuropsiquiátricos —no seu caso, debido aos golpes na cabeza. Ademais, ao abeiro das investigacións de Villapol, esta estreita relación entre microbiota e cerebro constátase en modelos animais. “Hai unhas rexións nas zonas hipotalámicas do cerebro nas que hai máis actividade neuronal dependendo de ser hai maior ou menor estrés. O que vimos é que os probióticos que administramos aos ratos ou calquera outro tratamento relacionado co estrés activa esas rexións ou desactívaas”, continúa explicando Villapol.

“Hai moitísimos estudos sobre como os probióticos regulan os estados de ansiedade e depresión”

A este respecto, a investigadora galega fai unha importante puntualización. Agora, máis ca nunca, son moitos os expertos que apuntan a toda unha pandemia de saúde mental, especialmente derivada da crise sanitaria por coronavirus. E Villapol, que sinala que o estrés e a ansiedade aumentaron debido á covid, fai unha puntualización: “Moitos médicos asocian ese estrés e ansiedade co estrés pandémico, e máis agora coa guerra en Ucraína. Pero aí pérdese a diana dos tratamentos porque non estás asociando o efecto do virus e da inflamación no cerebro, que tamén é un efecto real. Estas cousas deberían ter un manexo clínico diferente”, conclúe a investigadora. E, por suposto, a microbiota. Non esquecerse nunca de coidar, tanto ou máis que o primeiro, o noso segundo cerebro.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Parabéns! Excelente artigo. O ideal sería que estes coñecementos estivesen ó alcance de todos para entendermos como funciona o noso corpo realmente, como un todo, non a pezas.
    Grazas a Dra. Sonia Villapol pola súa investigación, a Laura Filloy por dalo a coñecer e a GCiencia por publicalo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Sonia Villapol demostra que os probióticos axudan a recuperarse do dano cerebral

A neurocientífica publica un estudo que proba como as cepas de 'Lactobacillus' contribúen a reducir a inflamación no cerebro despois dunha lesión

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Isto é todo o que sabemos sobre o papel da microbiota na fertilidade masculina

Un traballo publicado en 'Nature' mostra diferenzas entre a microbiota seminal das persoas sas e a dos individuos con anomalías na mobilidade e concentración do esperma