Cando ciencia e cultura camiñan da man: os 100 anos do Seminario de Estudos Galegos

A institución alumbrou 150 publicacións, 20 libros e outros tantos grandes proxectos interrompidos pola Guerra Civil

Xuntanza de membros do Seminario nas Ruínas de San Domingos, en Pontevedra, en 1928.
Xuntanza de membros do Seminario nas Ruínas de San Domingos, en Pontevedra, en 1928.

Outubro de 1923. Cinco estudantes da Universidade de Santiago deciden peregrinar en dirección contraria á catedral. Érguense unha mañá para facer unha camiñada de máis de dúas horas entre Composteña e Ortoño. Aquela viaxe a pé foi a semente dun proxecto transcendental na cultura galega: o nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución fundada e integrada por intelectuais que foi, tamén, a primeira aproximación á cultura galega a través da ciencia. Nos seus 13 anos de vida, o SEG alumbrou 150 publicacións, 20 libros e outros tantos proxectos interrompidos pola Guerra Civil. Nomes como Fermín Bouza Brey, Lois Tobío Fernández e Xosé Filgueira Valverde foron promotores dunha iniciativa que este ano 2023 celebra o seu centenario.

Do que non cabe dúbida é da importancia do SEG para a historia de Galicia e do galego. Malia que as disciplinas nas que máis se investigou foron a Historia, a Prehistoria, a Arqueoloxía, a Etnografía, o Folclore e a Etnografía, quedando as ciencias naturais e as ramas máis ténicas para unha aparición residual das súas publicacións, o traballo destes intelectuais contribuíu a posicionar o noso idioma nunha situación de prestixio. É dicir, a de lingua de divulgación que se empregaba de xeito sistemático na academia, algo que non acontecera ata a fundación do SEG. Así mesmo, a institución contribuíu a internacionalizar, de novo, a Galicia e o galego, ao conectalos coas grandes correntes científicas dos anos 20 e 30.

O SEG conectou Galicia e o galego coas grandes correntes científicas dos anos 20 e 30

Segundo explica o historiador Miguel Anxo Seixas Seone nun texto recollido na páxina web do Consello da Cultura Galega, “o esforzo destes intelectuais era enorme e os recursos, case inexistentes”. Polo tanto, acudían á filantropía e ás doazóns para poder sacar a institución adiante. Sobre todo, porque eran o gromo do nunca feito. A universidade galega nunca se implicara na defensa da lingua, nin tampouco da cultura galega. Foi o seminario quen desenvolveu a tarefa ata o 1936, ano no que estoupa a guerra. Pese a iso, levaban dende 1925 publicando e fixeran varias campañas de traballo de campo, primeiro en Terra de Lemos e finalmente en Deza, onde non concluíron o proxecto. En 1931 tamén elaboran o anteproxecto do Estatuto de Galicia e reciben a visita de investigadores de Norteamérica, Portugal e Alemaña. Unha mostra, sen dúbida, da súa internacionalización.

A institución logrou deixar pegada na nosa historia, con 200 socios activos e preto de 400 protectores. Dende o seu nacemento ata a súa desaparición, o SEG estivo vinculado á Universidade de Santiago e os seus integrantes foron profesores ou alumnos desa mesma entidade. Moitos deles, intelectuais galeguistas asociados á Xeración Nós e ás Irmandades da Fala. De feito, entre as obras máis representativas publicadas polo seminario están, en literatura, Cousas I e II (1926-1929) de Castelao; Na noite estrelecida (1926) e A rosa de cen follas (1927), de Ramón Cabanillas. No eido das ciencias sociais salientan A Edade do Ferro na Galiza (1924), de Florentino Cuevillas; Síntesis Xeográfica de Galicia (1926), de Otero Pedrayo; As cruces de pedra na Bretaña (1930), de Castelao; o estudo interdisciplinar Terra de Melide (1933) e o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935), de Ramón Sobrino Buhigas.

As mulleres no SEG

“Foron poucas as mulleres que participaron no SEG e moi cativa a súa colaboración nas actividades da institución”, din dende o Consello da Cutura Galega. Do total de membros, tan só 12 socias activas. É dicir, un 6%. Unha cifra que vén avalada por un contexto hostil para as mulleres, ás que xa lles custaba acceder á universidade, para máis, participar nunha institución onde o traballo non era remunerado. Porén, houbo nomes como Carmen Sierra, Dolores Lorendo e Carmen Rey que si participaron nas actividades da institución, aínda que de forma residual. “O seu protagonismo no SEG non foi máis alá da publicación dun traballo ou dun libro”, recalcan dende o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Unha pedra para o futuro

Malia a desaparición do SEG coa irrupción da guerra, o seu labor non desapareceu de todo. Algúns dos seus integrantes promoveron a súa recuperación no seo do CSIC, materializándose en 1943 co nome de Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento (IEGPS). Segundo aparece recollido na propia páxina web desta renovada institución, converteuse en punto de encontro “dos máis destacados estudosos da humanística galega” e, tamén, nun “dos referentes inexcusables da vida cultural e científica de Galicia”. Porén, sufriu dificultades e diminuíu considerablemente a súa produción científica, ata que en 1994 se produce unha reorganización, con máis persoal científico e administrativo. Finalmente, no 2000 asínase un convenio coa Xunta e pasa a ser de titularidade compartida.

1 comentario

  1. COIDO QUE VAI SENDO HORA QUE SE PROMOVA POR PARTE DO NACIONALISMO UNHA ESPECIE DE INSTITUCIÓN QUE CUMPLA A FUNCIÓN DO QUE FORA AQUEL SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS ONDE SE
    DEBERIAN IMPLICAR XENTE DAS UNIVERSIDADES GALEGAS ENTRE OUTRAS .
    É DE MÁXIMA URXENCIA A CREACIÓN DUNHA IRMANDADE OU IRMANDADES DA FALA …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.