Hai anos pensábase que as botellas ou bolsas de plástico cando ían parar ao mar ou a outra contorna natural quedaban intactas durante centos de anos. Hoxe sábese que non é así, e que eses obxectos fabricados de polímeros rompen e fragméntanse ata xerar microplásticos e nanoplásticos. A comunidade científica está prestándolle especial atención a este novo ámbito de estudo para indagar nos posibles efectos na saúde das persoas. Un estudo elaborado en oito cidades da península, entre elas A Coruña e Vigo, revela que por cada 1000 litros de auga hai 20 microplásticos. Unha cantidade tan pequena que non ten graves afeccións no corpo humano. Era un resultado que os investigadores agardaban, o que corrobora tamén algunha das súas outras hipóteses sobre as consecuencias do plástico: os seus efectos prexudiciais entran por outras vías e aínda non se sabe cales nin en que medida.
As concentracións máis altas de microplásticos identificadas no Estudo da ocorrencia e distribución do tamaño dos microplásticos na auga doméstica de diferentes cidades da España continental e Illas Canarias atopáronse en Madrid, Murcia e Canarias, nesta última, só no verán; as máis baixas, en Cartaxena e Barcelona, con entre cinco e dez microplásticos por cada mil litros de auga; A Coruña e Vigo enmárcanse no medio destes valores, entre cinco e vinte microplásticos, sendo a primeira a que máis concentración posúe destes residuos. Ricardo Beiras, investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) e un dos autores do estudo, puntualiza que “a dispersión de datos é grande, e estatisticamente non se atoparon diferenzas significativas. Ademais, o patrón das partículas antropoxénicas non identificadas como plásticos non é igual”. Engade tamén que a explicación das desemellanzas entre as cidades estudadas pode estar relacionada co tipo de depuración das súas augas.
O investigador explica que segundo avanzan os estudos científicos na materia, “demóstrase que a cantidade de microplásticos en ecosistemas acuáticos é limitada en comparación con outras partículas naturais ou artificiais”. Este traballo tomou mostras da auga do grifo de 24 puntos. A investigación detectou poliamida, poliéster e polipropileno. “Os nosos achados amosan que os microplásticos na auga potable analizada neste traballo non representan unha forma significativa de exposición e probablemente plantexarían un risco insignificante para a saúde humana“, apunta o estudo. “A principal conclusión deste traballo, tomando auga de distintos domicilios, é que a concentración é tan mínima que non se pode considerar unha vía de exposición para os seres humanos”, especifica Beiras.

Como comenta o estudo, a exposición aos microplásticos non é fácil de cuantificar, polo tanto, dificulta identificar o momento no que comezan a ser nocivos para as persoas. Por exemplo, os polímeros poden chegar aos seres humanos a partir dos alimentos, consumindo peixes que os inxiren pola contaminación dos océanos, ou a través de bebidas. “A comunidade científica presta atención aos microplásticos porque é un tema novo. Cando en laboratorios se fan experimentos de concentracións moi altas de plástico, efectivamente, atópanse todo tipo de efectos“, comenta Beiras. Por exemplo, nas criaturas mariñas, a elevada concentración de polímeros obtúralles o aparello dixestivo e deixan de alimentarse. “Non van ser os peixes, nin as bebidas, nin o alimento o que nos expoña aos plásticos”, explica o investigador do CIM. “É moi importante que teñamos claro que consumir animais, a nivel de microplásticos, é totalmente san e seguro. Estudos demostraron que por cada pescada aparecían no estómago dous ou tres cachos moi pequenos de plástico e é unha parte do animal que non se consume”.
A inhalación dos microplásticos, a estudo
Na opinión do investigador, a presenza de microplásticos en augas domiciliarias é “un problema de segunda orde” na actualidade. Cre que na inhalación é onde se atopa realmente á exposición máis pronunciada. De feito, estudos dos últimos anos inclínanse por esta conclusión, como o artigo “Transporte atmosférico e deposición de microplásticos nunha cunca dunha montaña remota” publicado en Nature, que conclúe que estas partículas viaxan ata 100 quilómetros a través da atmosfera e rematan por chegar a zonas moi alonxadas da fonte que as emitiu. “O paradigma está cambiando cara a inhalación, os científicos están dirixíndose a ese eido”, alega Ricardo Beiras. Engade, ademais, a importancia de estudar as substancias químicas que transportan os plásticos. Para facer un obxecto de polímeros hai que engadirlle aditivos, e aínda se descoñece que repercusións poden provocar no corpo humano ou mediante que vías se introducen.
Os científicos agardan que a presenza de microplásticos medre xa que a produción de plástico no planeta é cada vez maior. Avances que se implementaron para contrarrestar este tipo contaminación non foron suficientes, e dende a Unión Europea estanse tomando medidas para evitar a creación de plásticos primarios, como son os dirixidos para a cosmética. “Se houbese en Galicia unha compostaxe de residuos real, determinados obxectos como as bolsas que poden producir compost, en lugar de acabar no ambiente xerando microplásticos poderían desaparecer sen xerar problemáticas”, apunta Beiras. Para el, a reciclaxe do plástico a día de hoxe é moi complicada porque este material posúe substancias que non se poden mesturar con outras, engadido ao descoñecemento dos químicos que aportan ao aire que respiramos.
Reducir, reciclar e reutilizar. A máis importante nestes momentos, segundo apuntan os expertos, é a primeira, e precisamente, non se está cumprindo. Nos congresos internacionais sobre a contaminación por plásticos, as empresas adicadas á súa fabricación non están dacordo con determinadas medidas que poden supoñer unha diminución nos seus beneficios. Como consecuencia, os plásticos seguirán acumulándose e contaminando espazos que, aínda os científicos, recoñecen descoñecer.