O Umia é un dos ríos máis importantes da provincia de Pontevedra, con aproximadamente 70 quilómetros de lonxitude. Con todo, neste momento, o seu curso estase a ver afectado por unha grande obra hidráulica de 10 metros de ancho: unha represa que comezou a construírse a principios de xullo de 2026 no seu paso por Cabanelas (Ribadumia) —foi autorizada en 2024— que agora afecta a calidade de auga do río e o seu ecosistema. A situación de seca producida este verán diminuíu notablemente o caudal do Umia, polo que a agua non pode superar a altura da nova infraestrutura, o que produce un obstáculo para os peixes migratorios que remontan o seu traxecto. Entre as consecuencias medioambientais tamén está a suposta vinculación co peche do baño da praia fluvial de Cabanelas a causa da superación dos valores de contaminación microbiolóxica.
A obra hidráulica, que se presenta sobre o río como un empedrado beira a beira, semellante a unha ponte pola que non pode pasar a auga do Umia, suscita opinións diversas sobre a súa construción e obxectivos. O proxecto oficial sostén que se realizou coa fin de evitar a salinización das augas captadas para o abastecemento de auga potable e manter a compatibilidade cos usos recreativos do río, como o piragüismo.
Por unha banda, o BNG sospeita que a verdadeira razón detrás do proxecto é captar auga e dirixila cara ao campo de golf e os hoteis da Illa da Toxa, xa que este enclave ten un sistema de abastecemento de auga independente do resto do concello do Grove. Así, a conclusión principal do partido político é que os intereses de empresas como Gestión y Técnicas del Agua de la Toja S.A. —a promotora— van por enriba do ecosistema do río Umia. Por outra, o goberno de Ribadumia, liderado por David Castro dende o Partido Popular, tilda a obra como unha “solución esaxerada”, mentres que o Colectivo Ecoloxista do Salnés proclama que é “un atentado contra o Umia que afecta a toda a súa dinámica”.
Augas de Galicia informa que autorizou esta obra como resultado dun procedemento que incluíu a recompilación de todos os informes técnicos preceptivos que condicionaban a autorización ao cumprimento de condicións para minimizar o seu impacto. Agora, tanto axentes medioambientais como o persoal do órgano dependente da Consellería de Medio Ambiente están a supervisar os traballos en execución e verificar que se ajustan ao contido da autorización outorgada.
Os antecedentes
Unha pequena represa xa existía antes da construción desta grande infraestrutura no paso por Cabanelas. Segundo explica Marta Lois Silva, portavoz do Colectivo Ecoloxista do Salnés, creouse no século pasado para recoller auga e dirixila cara á Illa da Toxa. Con todo, ao contrario do que ocorre na actualidade, o río encargábase de abrir a represa durante as enchentes, un comportamento propio do Umia: durante o verán tende á seca e, durante o inverno, ás cheas. Co paso dos anos, en 2016 a promotora tentou crear unha estrutura máis grande, un proxecto que foi paralizado polo Concello de Ribadumia, seguindo con reparacións periódicas no pequeno dique. Ata este ano.
Agora, os ecoloxistas están á espera de dous materiais para comprender a obra: por unha banda, a copia da autorización e xustificación de Augas de Galicia; por outra, o informe que aproba a intervención por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. “Valorámola negativamente polas posibles problemáticas para o río, a fauna e as persoas”, subliña Marta Lois. Ademais, súmanse factores como evitar a salinización da auga, un obxectivo que pode ter consecuencias directas: a corriente de auga salgada diríxese cara arriba, pero queda por debaixo da represa, polo que unha metade do Umia permanece con máis salitre ca outra. Este é un dos moitos efectos adversos que provoca a construción dunha represa de tales dimensións sobre o ecosistema pontevedrés.
Efectos sobre o ecosistema
Fernando Cobo, biólógo e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), albisca unha visión científica sobre este suceso: “Os obstáculos que provoquen a perda de continuidade dun río sempre levan a problemas ecolóxicos importantes“. Entre as principais consecuencias da represa está a diminución da calidade de auga, a redución das poboacións de especies migratorias e o aumento de especies exóticas invasoras, ademais da deterioración do carácter microbiolóxico das augas do río Umia. Pero, como inflúe cada unha delas?
O efecto barreira que pode supoñer un encoro destas característica é relevante: por este río pasan poboacións de importantes de peixes migratorios como a lamprea, a anguía e o reo, a forma migratoria da troita común. “A súa conservación é vital e precisan seguir movéndose”, sinala Cobo, algo que non poden facer con obstáculos como este. Explica tamén que no río Umia hai moi poucas zonas que teñan boas condicións para a reprodución destas especies: adoitan reproducirse en áreas de sedimentos grosos, pero o río, tras ser dragado, está repleto de area fina e lodo; son condicións desfavorables para o seu ciclo. Así, cando chegan a zonas de corrente forte con augas moi osixenadas, os peixes chegan mermados. “Esta situación xera un éxito menor e, por tanto, a cantidade de individuos novos tamén é inferior“, subliña.
Súmase a colonización de especies exóticas invasoras como o black bass (Micropterus salmoides) no río Umia, un peixe predador e mesmo caníbal, que adoita habitar en augas con pouco movemento. Non só especies animais, senón tamén vexetación acuática invasora.
Outro dos principais efectos é, como sinala Fernando Cobo, que se trata dun río “cargado de materia orgánica e con caudais inmoderados“. Isto provoca que sexa o “peor sitio onde construír un encoro”, segundo o catedrático da USC, xa que as zonas de auga parada diminúen o osíxeno na auga e aumentan a temperatura. Esta situación pode favorecer a proliferación de microorganismos, derivando o peche do baño, como aconteceu na praia fluvial situada a 200 metros da represa: as bacterias van medrar con augas máis cálidas e alimentaranse da materia orgánica do río. “Estase a facer unha especie de cultivo de bacterias coas condicións adecuadas para que medren”, apunta Cobo.
Que facer?
A raíz dos efectos adversos que se poden producir sobre o río Umia, a pregunta é a seguinte: que se pode facer? Sinala que a represa construída no paso por Cabanelas non está xustificada, xa que os beneficios sociais non acreditan a perda ecolóxica do ecosistema. “Non existir é a mellor solución”, subliña o catedrático da USC.


















Que facer? Retirar esa moustrosidade, xa está ben de facer dano os ecosistemas e a biodiversidade