O aumento das temperaturas é unha realidade: cada vez se presentan días máis quentes e durante máis tempo. Agora, un portal interactivo do grupo de análise de datos Trescientosmil e do Centro de Supercomputación de Barcelona analiza a ameaza que supón a suba dos termómetros nos municipios españois de máis de 40.000 habitantes (a excepción de Navarra e País Vasco, pola falta de catastro equivalente ao do resto do territorio) e as Illas Canarias (pola falta de datos climáticos). O proxecto denomínase Atlas de vulnerabilidade á calor e ten por obxectivo identificar cales son os riscos que derivan da mala preparación urbana fronte ás altas temperaturas. Os seus indicadores amosan que Galicia ten zonas verdes de calidade e que o incremento dos días de calor entre 2000 e 2050 será moderado; porén, a comunidade suspende en canto ao acceso a establecementos que cubran necesidades básicas a menos de 300 metros das vivendas.
A plataforma configúrase en torno á información de fontes administrativas e modelos climáticos para as primeiras cinco décadas deste siglo. “Para o período 2000-2050 prevese que o número anual de días con ondas de calor se triplique nas viviendas das cidades analizadas. Nese mesmo tempo, a necesidade de refrixeración dos fogares aumentará un 65 %“, comparten dende o proxecto. A realidade apremiante ligada ao cambio climático —isto é, con fenómenos máis extremos e máis habituais— fai da planificación das cidades un piar necesario para garantir a seguridade da poboación.
Cada urbe contará con seis indicadores diferenciados: o incremento na necesidade de refrixeración, o aumento das ondas de calor, a calidade da vivenda, a calidade dos espazos verdes na cidade, o acceso a abastecemento cotián (tendas de alimentación e de primeira necesidade que se atopan nun radio de 300 metros de cada vivenda) e a renda persoal segundo datos do INE como marcador da capacidade económica para afrontar as transformacións requiridas para adaptar os espazos. Estes parámetros amósanse de xeito visual na forma de seis círculos concéntricos (un para cada indicador) coloreados de amarelo a vermello segundo a gravidade da situación, sendo os tons máis cálidos os relacionados coa maior vulnerabilidade.
A Coruña e Ferrol: o contraste no litoral norte
O mapa nacional amosa que as cidades do sur enfrontan a maior ameaza climática. Así e todo, tampouco o norte reflicte unha situación ideal. “A Coruña presenta incrementos moderados tanto do número de ondas de calor como da necesidad de refrixeración, nun contexto costeiro con condicións climáticas relativamente favorables respecto a outras cidades do atlas”, explican no portal interactivo. Así e todo, a cidade herculina ten pendente mellorar as súas zonas verdes, pois só marca un 0,37 de NDVI (Índice de Vexetación de Diferenza Normalizada), a cifra máis baixo das cidades galegas. Este marcador mide a calidade do verde en base ás imaxes do Sentinel-2 do ano 2025. O valor vai do 0 —peor resultado— ao 1 —mellor resultado—. Destaca en especial o abastecemento cotián: hai en promedio 12,6 establecementos que satisfacen necesidades diarias nun radio de 300 metros, a cifra máis alta das cidades galegas analizadas.
Ferrol ten unha situación diferente. Aínda que tamén ve un incremento moderado na necesidade de refrixeración e no número de ondas de calor rexistradas, a situación da súa vexetación é moito máis esperanzadora: puntúa 0,58 no índice NDVI. Así e todo, tanto a calidade dos edificios como a capacidade económica dos ferroláns están coloreados nun laranxa escuro que indica mal rendemento: mentres que a renda por habitante da Coruña era de 21.529 euros, a de Ferrol é de 18.182. A peor nota lévaa no relativo á proximidade do abastecemento, cunha media de só 2,5 establecementos de necesidade cotiá nun radio de 300 metros.
Santiago e Lugo: bo verde, mal abastecemento
A capital galega prevé un incremento moderado na cantidade de ondas de calor e na necesidade de refrixeración. Marca 0,59 puntos de NDVI, polo que os seus espazos verdes teñen unha calidade óptima. A renda por habitante é algo máis elevada que no caso da Coruña, de 21.973 euros, pero está moi por detrás en canto ao abastecemento cotián: mentres que na cidade coruñesa se superaban os dez establecementos, en Santiago de Compostela non se chega a dous (1,6).
En Lugo tanto o incremento das ondas de calor, como a necesidade de refrixeración e a calidade de espazos verdes (0,59 NDVI) están en valores moderados, pintados de amarelo. En laranxa atópanse a calidade dos edificios e, nun ton máis escuro, a renda por habitante (18.323 euros, a máis baixa das cidades da comunidade). O abastecemento cotián, representado en vermello, tamén marca a cifra máis baixa de toda Galicia: hai tan só hai 0,7 tendas que suplan necesidades diarias nun radio de 300 metros.
Vigo, Pontevedra e Ourense: o problema do abastecemento no sur galego
Os datos relativos ás dúas cidades pontevedresas son bastante similares: en ambos casos hai zonas verdes óptimas (Pontevedra acada un 0,61 de NDVI e Vigo marca 0,52 puntos) e hai un incremento moderado na necesidade de refrixeración e no número de ondas de calor. A calidade dos edificios é media e destacan como os seus peores resultados a renda por habitante e o abastecemento cotián: Vigo suma 18.872 euros e Pontevedra 19.031. Teñen, respectivamente, 2,1 e 0,9 establecementos enfocados nas necesidades diarias cada 300 metros.
Ourense, pola súa banda, ten unha vexetación de que marca 0,52 no NDVI e segue a tendencia xeral no aumento da necesidade de refrixeración e nas ondas de calor rexistradas. Tanto a puntuación dos edificios como da renda (de 18.434 euros por habitante) están narcadas na banda laranxa. En vermello preséntase o abastecemento cotián, que, ao igual que Pontevedra, conta 0,9 establecementos en 300 metros.
Aumento das ondas de calor e baixo abastecemento
En definitiva, Galicia destaca pola calidade dos seus espazos verdes e presenta un aumento moderado nas ondas de calor rexistradas. Este é o incremento, en días por ano, dos episodios de calor extremo previstos nas sete cidades galegas no periodo 2000-2050: 28,3 na Coruña, o máis baixo de toda a comunidade; 37,8, a previsión máis elevada, en Ferrol; 29,7 en Santiago de Compostela; 28,8 en Lugo; 33 en Pontevedra; 36,2 en Vigo; e 36,7 en Ourense.
A grande problema de Galicia é, segundo o visor interactivo, o acceso a tendas de abastecemento cotián a 300 metros das vivendas: incluso A Coruña, que ten, con diferenza, a puntuación máis elevada entre as cidades galegas, está na franxa de clasificación vermella neste aspecto.
Podes acceder ao visor interactivo neste enlace.














