Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Galicia atópase nun episodio de seca dende que as últimas choivas da primavera deron paso a un verán sen auga. A situación acadou a gravidade suficiente para declarar a alerta —que é o segundo estadío nunha escala de gravidade de tres niveis— en 32 concellos, e que leva activa dende o 11 de agosto. Nalgunhas zonas da comunidade xa se sucederon breves momentos de choiva que, non obstante, quedaron curtos para rescindir os efectos da secura. Así e todo, unha borrasca procedente do sueste de Irlanda dominará a meteoroloxía galega durante o mércores e o xoves e, con ela, agárdanse precipitacións intensas.

Dende MeteoGalicia confirman que a auga protagonizará estas xornadas: “O mércores haberá bastante choiva en toda a comunidade, con especial incidencia no oeste, nas áreas orientais de Lugo e Ourense. O xoves serán episodios máis intermitentes que se concentrarán na fraxa atlántica“. A axencia meteorolóxica sinala que o venres volverá, de xeito progresivo, a influencia anticiclónica; a situación, con todo, volverá á inestabilidade e as precipitacións coa chegada dunha nova borrasca o domingo. “Pero será menos intensa que a do mércores e o xoves”, engaden.

Publicidade

Despois dos meses de seca, agárdase que as choivas poidan aliviar a situación de escaseza perceptible en caudais e encoros. Non obstante, un episodio de precipitacións intensas pode resultar máis danoso que de proveito para o solo no seu estado actual.

A composición do solo, unha variable fundamental

O Catedrático de Edafoloxia e Restauracion de Solos da Universidade de Santiago de Compostela Agustín Merino apunta a composición do solo como un dos principais factores que condicionan o resultado que se pode agardar do substrato galego despois das choivas. “Aproximadamente o 50% dos solos de Galicia procede de rochas graníticas. Ademais, é habitual que teñan unha capa areosa. Nalgúns casos acumulan certa cantidade de materia orgánica; de feito, teñen un contido máis elevado que noutras zonas da península. Cando leva moito sen chover, vólvense hidrófobos“, indica o edafólogo. Isto implica que o solo non absorbe a auga senón que, pola contra, a repele. “Isto é especialmente intenso en zonas queimadas, e ese é un dos problemas máis inmediatos despois dos lumes“, engade Merino.

Publicidade

Outro factor a ter en conta é a vexetación. Segundo conta o investigador, unha capa vexetal retén a auga e favorece a súa transferencia da superficie cara aos substratos interiores. “Pero en zonas incendiadas ou de laboreo recente o solo podería estar desprotexido ao non ter esa vexetación. Nese caso poden darse escorreduras, sobre todo en zonas de pendente, aínda que estas teñan pouca inclinación”, engade o catedrático. Indica que o deslizamento da auga sobre a terra é máis forte cando o solo está pouco húmido, debido, precisamente, á calidade hidrofóbica que adquire.

Así e todo, pon o foco nos días de choiva pasados, non nos que están por vir: “Xa houbo precipitacións na maior parte do territorio de Galicia durante os últimos días. É posible que iso servira para que a hidrofobia se relaxara“.

Unha seca repentina e hidrolóxica

O 13 de febreiro deste ano, a Xunta compartiu as seguintes palabras a través dun comunicado: “As choivas rexistradas en territorio galego dende o 1 de xaneiro superaron os 14.300 hectómetros cúbicos, unha cantidade equivalente á necesaria para cubrir o consumo de auga dos fogares galegos durante 113 anos, tendo en conta que cada galego consume unha media de 128 litros ao día”. Sabendo isto, pode resultar confuso por que hai unha situación de seca en Galicia. Aínda que son moitos os factores que xogan nesta ecuación, o investigador da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) Dominic Royé explica que iso é, precisamente, no que consiste unha seca repentina.

É un proceso polo cal se perde a auga de forma moi rápida despois dun tempo de abundancia hídrica. Esta situación comezou a fraguarse a mediados de maio, cando as últimas choivas de primavera deron paso ao que serían meses de escaseza. “Encadeamos moitas ondas de calor seguidas“, explica o investigador do CSIC. Royé sinala que esta continuación de temperaturas elevadas, á par coa falta de precipitacións, son os fenómenos responsables da seca que se experimenta en Galicia.

Matiza que unha secura non se produce da noite á mañá, senón que é o resultado dunha serie de fases que se suceden a través do tempo. A primeira é a seca meteorolóxica, que é aquela que ten lugar cando non chove. Se a escaseza pluviométrica se mantén durante certo periodo, ten un impacto sobre a contorna (seca ecolóxica) e as reservas hidráulicas (seca hidrolóxica). “Isto é unha seca hidrolóxica”, afirma Royé, en alusión aos baixos niveis dos ríos e encoros.

Abondan as precipitacións de dous días para revertir a seca?

O investigador do CSIC e experto en cambio climático responde esta pregunta con pouco optimismo: “É moi pouco probable que se acabe. Se vemos os últimos tres, catro meses vemos que se trata dunha seca importante“. Royé expón que hai dous motivos que o levan a pensar que dous días de choivas serán insuficientes na loita contra a escaseza da auga. O primeiro é a cantidade de precipitacións que poida caer, que debería ser suave pero prolongada no tempo, e o segundo é que seguimos en verán. “A capacidade de evaporación da auga segue sendo moi elevada; cun pouco de sol e calor xa se vai toda. Hai un déficit hídrico, o balance é negativo“, aclara o investigador.

Dominic Royé sinala que sería necesaria moita auga para poñer o punto final á situación, pero a semana seguinte presenta un prognóstico máis ben seco e cálido. “En setembro haberá semanas dentro da normalidade e outras con máis secura. Pode producirse un certo alivio momentáneo, pero non significa que a situación remate. Xa é moi severa, o caudal dos ríos e o nivel dos encoros vai moi baixo”, afirma o investigador.

O edafólogo da USC ten unha visión un pouco máis positiva: “As precipitacións axudarán, pero só se a auga non escorre pola superficie”. Agustín Merino apunta que os solos galegos son delgados, en especial canta máis pendiente presenten. Sinala que, polo tanto, un dos perigos da hidrofobia é a erosión resultante do deslizamento das augas polo terreo. “É unha perda dos recursos porque a profundidade do solo vai reducindo. Nalgúns casos, iso conleva a diminución da produción forestal. Ademais, os efectos das escorreduras na auga son moi dramáticos: veremos caudais máis cheos, pero tamén máis turbios pola carga de sedimentos arrastrados, o que afecta a flora e a fauna dos ríos de forma significativa”, explica Merino.

Os encoros, unha arma de dobre filo

O debate público ten a atención sobre os encoros e a súa utilidade para solventar —ou canto menos paliar— a seca xeneralizada que experimenta Galicia. Para Dominic Royé, estas construcións presentan un claro problema: “Cos encoros creas superficies de auga. Cando fas iso, coa radiación e a calor que temos en verán é habitual que se evapore“. O investigador conta que antes de buscar aumentar as reservas hídricas é necesario xestionar a demanda e reducir as fugas na rede de infraestruturas galegas.

Royé continúa explicando que é preciso regular a demanda, pois argumenta que “cada vez imos ter menos auga dispoñible”. Sinala que, debido ao cambio climático, a choiva se concentra en menos tempo, pero son periodos máis intensos; a continuación, veñen veráns máis cálidos nos que aumenta a evaporación debido á “fame” que ten a atmosfera. Deste xeito, o investigador apela á concienciación para a distribución eficiente dos recursos: “É importante facer un uso adecuado e responsable, pero tamén hai que lembrar que quen gasta máis auga non son os fogares, senón a industria”.

Tamén o edafólogo da USC considera necesaria unha chamada á cidadanía, aínda que, no seu caso, pon o foco na conservación da fauna e a flora e a prevención de lumes, co que se evitaría a destrución da capa vexetal que protexe o solo. “Son necesarias campañas para formar á poboación nas medidas que tomar para xerar ecosistemas máis resilientes aos incendios“, afirma Merino.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín

Auga, por favor

Unha seca extrema azouta Europa e resente o sistema económico. Por Laura Filloy

Galicia rexistra máis de 2.100 raios durante as últimas 24 horas

As zonas con máis actividade foron o occidente da Coruña e Pontevedra, o interior de Lugo e o oeste de Ourense