Anatomía da seca en Pontevedra: “Debemos prepararnos para anos con menos chuvias”

Arredor do 70% da poboación provincial afronta baixos niveis de auga como consecuencia dun bloqueo anticiclónico e dunha paulatina mediterranización do clima galego

“Setembro, ou seca as fontes ou leva as pontes”, di o refraneiro popular. Na actualidade, estamos a vivir a primeira situación: unha seca que leva meses asolando a provincia de Pontevedra. Nas últimas semanas a preocupación intensificouse, despois de que hai dous días Augas de Galicia decretase o nivel de prealerta por seca en 16 concellos da demarcación Galicia-Costa, que se suman aos 13 da provincia que xa estaban nesa situación dende agosto. Así, máis de 664.000 veciños, arredor do 70% da poboación provincial, atópanse afectados, incluíndo Vigo e a súa área metropolitana.

Jorge Dafonte, profesor en Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago (USC), explica que existen dous tipos de seca: a seca agrícola, que se refire ao estado recente do terreo nos últimos días ou semanas; e a seca hidrolóxica, relacionada co comportamento dos caudais dos ríos, cunha maior “memoria” temporal, que pode prolongarse durante meses.

Publicidade

En Pontevedra estase a dar unha combinación destas dúas tipoloxías. Vigo e Baiona figuran entre as áreas máis afectadas debido ás limitacións dos encoros de Eiras e Baíña, respectivamente. Este último situábase onte só no 28% da súa capacidade. Con todo, Dafonte aclara que a relevancia destes casos está en que afectan un maior número de habitantes, pero engade que “ten que haber problemas en todos os abastecementos municipais”, incluíndo pozos de particulares e mananciais.

A situación agrávase porque a provincia rexistrou nos últimos meses unha porcentaxe de precipitación moi inferior á media, acompañada de temperaturas superiores ao habitual, aínda que MeteoGalicia catalogou setembro como un mes frío. “Isto provoca unha maior evapotranspiración, é dicir, perda de auga tanto dende o solo como a través da vexetación”, explica o experto. Así, ademais de danar a flora, redúcese tamén a capacidade de almacenamento de auga nos terreos.

Publicidade

Secas en inverno?

“A finais de setembro ou principios de outubro adoitan chegar as borrascas atlánticas, pero este ano estanse atrasando”, explica Jorge Dafonte. O culpable semella ser un bloqueo anticiclónico que está a afectar Galicia e que agrava a seca hidrolóxica, especialmente no caso dos encoros.

Con todo, a previsión estacional da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) anuncia un outono máis seco e cálido do habitual, aínda que sempre teñen un alto grao de incerteza.

Se se compara o nivel dos encoros no norte e no sur de Galicia, obsérvase unha clara diferenza: mentres os encoros da Coruña manteñen niveis relativamente estables, o de Eiras mostra unha perda preocupante. O pasado 6 de outubro almacenaba 13 hectómetros cúbicos, arredor do 60% da súa capacidade, cando a media da última década para estas datas é dun 77%. “Estamos nunha situación de máis seca do habitual”, insiste o experto.

As previsións apuntan a que as chuvias non chegarán coa intensidade esperada. Mais cabe preguntarse: pode haber seca no inverno? Dafonte lembra que “no inverno do ano hidrolóxico de 1989 houbo cortes de auga en Bilbao en xaneiro e febreiro”. Algo semellante ocorreu tamén no encoro de Cecebre (A Coruña), onde non chegou a haber restricións, pero a situación foi crítica. “É moi raro, pero non imposible”, conclúe.

Impacto nos solos

“O impacto da seca no solo depende moito do tipo de vexetación“, explica Jorge Dafonte. Por exemplo, unha pradeira seca moito antes ca unha árbore, xa que poden explorar maiores profundidades grazas ás súas raíces. O especialista da USC compara o solo cunha esponxa: “Conforme pasa o tempo, vai perdendo auga e secando”. As plantas máis vulnerables son aquelas de raíces superficiais, como as hortícolas, menos resistentes á falta de humidade.

Con todo, nesta época do ano as necesidades de transpiración son menores: as temperaturas descenden e a planta evapotranspira menos. No verán, pola contra, unha pradeira pode chegar a perder ata 6 litros por metro cadrado ao día. Deste xeito, a seca afecta ás producións agrícolas: “Se non tempos auga, a planta deixa de transpirar, reduce o seu crecemento e pode chegar a morrer, sobre todo en secas prolongadas”, advirte Dafonte. A fertilidade da planta non desaparece, pero os nutrientes non poden ser aproveitados pola ausencia de humidade.

Se a situación continúa, as plantas seguirán reducindo a súa transpiración. Mais, se unha borrasca deixase dous días de choiva, esa auga sería suficiente para humedecer a capa superficial do solo e aliviar a seca agrícola. O problema de fondo, con todo, persistiría: “Para solucionar a seca hidrolóxica ten que chover moito máis”, matiza o experto.

O abastecemento mediante pozos tamén resulta complexo. “Setembro, se non chove, é o período máis crítico”, sinala Dafonte. En Galicia os recursos subterráneos son abundantes, pero moi irregulares: un pozo pode secar totalmente, mentres outro situado a cincuenta metros pode manter o seu caudal sen apenas cambios. Isto, segundo o enxeñeiro, pode ser unha das poucas solucións temporais fronte á seca.

“Aínda non é unha seca extraordinaria”

Segundo os patróns naturais, os ciclos de seca adoitan rexistrarse nos meses de xullo e agosto. Con todo, Jorge Dafonte insiste en que a actual “aínda non é unha seca extraordinaria”, a pesar de que recomenda estar atentos á súa evolución. Se se prolonga no tempo, podería converterse nunha situación pouco habitual.

A verdadeira preocupación xurdiría se outubro e novembro transcorresen sen precipitacións. “Sería unha seca invernal, que é moito máis rara”, asegura. As previsións da primeira quincena de outubro, sen choivas á vista, explican a decisión de Augas de Galicia, sobre todo nas zonas que dependen de encoros para o abastecemento.

Se o solo está cuberto de vexetación, o impacto das choivas tras meses de seca redúcese notablemente fronte a terras espidas. “A vexetación dá máis tempo para que a auga se infiltre no terreo”, explica o enxeñeiro, o que evita procesos de erosión severa e protexe a biodiversidade de ríos e encoros, que tamén se ven afectados por esta situación.

Medidas fronte á mediterranización

Jorge Dafonte lembra que os modelos de cambio climático apuntan a unha tendencia cara á mediterranización do clima en Galicia. “As precipitacións concentraranse nun período de tempo máis curto“, explica o investigador. Ademais, agárdase unha maior variabilidade interanual, é dicir, alternancia de anos moito máis secos con outros máis húmidos: “Debemos prepararnos para anos con menos chuvias”, advirte.

Ante este escenario, o enxeñeiro agroforestal considera necesario diversificar as fontes de obtención de auga. Nos núcleos rurais, propón reforzar o uso de pozos e mananciais para garantir o subministro hídrico. No caso dos encoros, a marxe de actuación é mellorar a eficiencia das redes de distribución e reducir as fugas. “Ás veces a solución non pasa só por reducir o consumo de auga na vila”, explica.

No ámbito inmediato, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitou á Xunta de Galicia reducir o caudal ecolóxico do encoro de Eiras, debido á seca que afecta á cidade. Isto suporía liberar menos auga da que marca a normativa, co obxectivo de reter máis volume no encoro e garantir o abastecemento da poboación. A proposta foi rexeitada polo goberno galego. Con todo, Dafonte admite que, se o problema de abastecemento se agrava, esta medida podería chegar a aplicarse. Polo de agora, só a evolución meteorolóxica e a ausencia de choivas determinarán se a situación continua en alerta.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical

Unha borrasca derruba as temperaturas en Galicia: ata 10 graos menos en só 24 horas

Unha borrasca fría procedente do suroeste peninsular traerá chuvias, vento e forte inestabilidade no mar durante martes e mércores

Unha epidemia en aumento: “O fígado graxo é unha enfermidade ‘invisible’ ata fases avanzadas”

O doutor Javier Crespo, un dos hepatólogos máis prestixiosos do Estado, sinala que arredor do 30% da poboación adulta presenta algún grao desta afección hepática