Unha montaña rusa térmica deixará temperaturas de ata 30ºC en Galicia

O patrón anticiclónico favorecerá un incremento dos rexistros en Ourense, Pontevedra e Vigo, acompañado pola continuidade do vento do nordés

O outono parece chegar a tropezóns. Tras unha fin de semana marcada pola alternancia de chuvias e sol polos restos do furacán Gabrielle, un anticiclón asentará sobre Galicia ao longo desta semana. O luns 29, o Sol predominará, con nubes no terzo norte da comunidade. Esta situación manterase ata o venres, segundo as previsións de MeteoGalicia. Así, as condicións anticiclónicas traerán temperaturas que roldan os 30ºC en Vigo, Ourense e Pontevedra.

David Domínguez, detrás do perfil de @Redmeteo, sinala a través dun tuit que continuará a circulación do nordés, que nalgúns momentos soprará con intensidade. Con todo, asegura que as temperaturas diurnas non experimentarán grandes cambios, aínda que poden rexistrar un lixeiro ascenso.

Publicidade

Segundo Mar Gómez, xornalista de ElTiempo.es, outubro comezará cunha situación máis seca do habitual en toda Galicia e cunhas temperturas superiores ás normais na provincia de Ourense e no sur da provincia de Lugo.

Case 30ºC

Ourense lidera as temperaturas desta semana dende o interior de Galicia. Este luns espéranse termómetros que alcancen os 27ºC. Con todo, as temperaturas na cidade irán en aumento: segundo MeteoGalicia, o martes chegarán aos 28ºC e o mércores poderían acadar os 30ºC. As mínimas mantéñense estables, arredor dos 11ºC, o que crea unha situación peculiar xa entrados en outubro, cun verán que semella prolongarse.

Publicidade

Nas Rías Baixas, a tendencia é similar. En Vigo, as máximas oscilarán entre 26 e 27ºC entre luns e mércores, mentres que as mínimas, máis altas que no interior, situaranse entre 14 e 15ºC. En Pontevedra, os termómetros marcarán 27ºC nos próximos tres días. Con todo, ambas as cidades experimentarán unha baixada de temperaturas de ata 4 graos para o xoves 2 de outubro, coas máximas en torno aos 22ºC.

A benvida de outubro

A previsión climática de MeteoGalicia para a primeira semana de outubro apunta a un inicio de mes cunha calor xeneralizada en Galicia. O mércores 1, Santiago de Compostela, Lugo e Ferrol alcanzarán máximas de 26ºC. A capital galega rexistrará a maior diferenza térmica do día, con mínimas de 12ºC durante a noite.

En Lugo, as máximas chegarán aos 25ºC, cunhas mínimas de 11ºC, e unha probabilidade de chuvia do 5%, polo que se manterá un tempo principalmente seco e soleado.

A Coruña, situada máis ao norte, terá as temperaturas máis frías da comunidade: 21ºC o luns, 23ºC o martes e 24ºC o mércores. Con todo, as mínimas manteranse relativamente altas, ao redor dos 15ºC, o que suaviza a sensación térmica nocturna.

En xeral, Galicia experimentará un patrón unha montaña rusa térmica que favorecerá ceos pouco nubrados, escasa precipitación e temperaturas agradables para a época, prolongando unha pequena sensación de verán no inicio de outubro.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que aves hai preto de ti? Esta é a ‘app’ que converte Galicia nun mapa para os amantes da ornitoloxía

A ferramenta eBird permite consultar as especies observadas e os puntos de maior interese, crear listas personalizadas e contribuír con novos rexistros

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Dun anticiclón a ondulacións do chorro polar: unha dina pechará a semana en Galicia

O sábado caen as temperaturas, tanto as máximas, que non superarán os 20 graos na maior parte do territorio galego, como as mínimas, que acadarán os 9 no interior

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica