Dun anticiclón a ondulacións do chorro polar: unha dina pechará a semana en Galicia

O sábado caen as temperaturas, tanto as máximas, que non superarán os 20 graos na maior parte do territorio galego, como as mínimas, que acadarán os 9 no interior

Unha dina (Depresión Illada en Niveis Altos) que chegará a Galicia na fin de semana porá fin ao tempo cálido que vén marcando os últimos días. Dende Meteored advirten que unha dorsal anticiclónica afectará o territorio nacional ata o venres, cando unha ondulación do chorro polar “provocará o ascenso dunha cresta anticiclónica de sur a norte no Atlántico”, conta o meteorólogo Samuel Biener a través de Meteored.

Este movemento das altas presións favorecerá a entrada dunha fronte fría retrógrada, que, como conta o experto, se descolgará da circulación xeral o domingo ata xerar, canto menos, unha dina na contorna peninsular. Así, a semana rematará marcada por un descenso térmico e tempo chuvoso e treboento que se estenderá dende o norte.

Publicidade

Da calor ás choivas

A xornada do mércores estará marcada pola influencia das altas presións e o aire cálido, segundo informa Meteogalicia. O interior galego experimentará unha xornada de néboas que, co paso das horas, virán seguidas de ceos cada vez máis despexados. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, pero as máximas experimentarán un ascenso moderado, con Ourense acadando os 31 graos e Vigo, Pontevedra e Lugo superando os 26. Tan só A Coruña quedará por debaixo dos 25 graos, con máximas previstas de 23.

As altas presións continuarán afectando Galicia durante o xoves. Do mesmo xeito, persisitirán as néboas matutinas que se disiparán co avance do día. Non haberá grandes cambios nas mínimas, que, segundo Meteogalicia, estarán entre os 11 e os 15 graos en toda a comunidade, cos valores máis baixos previstos para Santiago de Compostela e os máis altos, para Vigo. No relativo ás máximas, haberá unha marcada diferenza entre o litoral e o interior: mentres que Ourense (30) e Lugo (27) vivirán unha xornada de calor, o resto das cidades galegas quedarán por debaixo dos 24 graos.

Publicidade

Baixa o termómetro e chegan as choivas

O venres marcará o punto de inflexión na situación meteorolóxica da semana. Producirase un aumento progresivo das nubes, con choivas que gañarán intensidade pola tarde, sobre todo no terzo norte. As temperaturas experimentarán un descenso, tanto nas máximas, que non superarán, agás en Ourense, os 24 graos, como nas mínimas, que acadarán os 13.

O sábado consolidarase a caída do termómetro: coa excepción de Vigo (23) e Pontevedra (20), as máximas galegas quedarán por debaixo da vintena. Lugo e Ourense marcarán 9 graos de mínima. Durante a xornada, “Galicia quedará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, con circulación do nordés moi marcada“, prevé Meteogalicia. Os ventos soprarán do nordés cunha intensidade xeralmente moderada, con refachos fortes no litoral.

Dende Meteored confirman que a vagada de aire frío cubrirá toda a península e fomentará a inestabilidade atmosférica ata que o domingo se forme, finalmente, unha dina no centro e o norte peninsures.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Do chorro polar ás dinas: as claves do drástico cambio de tempo en Galicia a partir do mércores

A influencia anticiclónica debilitarase na segunda metade da semana coa previsión de ceos nubrados, temperaturas suaves e chuvascos ocasionais

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega