A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) anuncia a lista de nomes para a tempada de borrascas e dinas que comeza o 1 de setembro. Será a décima campaña na que se designará un nome propio seguindo unha orde alfabética a aqueles fenómenos que podan producir un grande impacto e obriguen a activar avisos en amplas zonas. Así, a primeira depresión recibirá o nome de Adam, seguida de Bruna, Charles, e así sucesivamente, ata chegar á letra “W”. Outros dos nomes máis rechamantes son Flora, Igor, Lola ou Rafael.
Dende a Aemet sinalan que denominar estes fitos meteorolóxicos favorece que a comunicación sexa máis efectiva ante un episodio adverso de vento, fenómenos costeiros adversos e, en moitas ocasións, neve e chuvia. Esta acción comezou a tomar impulso en España durante a tempada 2017-2018 de cara aos medios de comunicación, público xeral, institucións e colaboradores, en substitución dos asignados pola Universidade Libre de Berlín, a principal referente dende o ano 1954.
Así, enquisas realizadas en Reino Unido e Irlanda demostraron que a poboación estaba máis atenta aos avisos previstos de borrascas e ás recomendacións de seguridade cando a ameaza de vento forte estaba claramente identificada e asociada a un nome.
Avisos laranxas e vermellos
Existen diversas opcións para que un fenómeno meteorolóxico reciba un nome: avisos laranxas ou vermellos por ventos moi fortes, ou por chuvias e nevadas intensas, ademais das dinas. As alertas laranxas supoñen un perigo importante e poden producir danos graves; por outra banda, as vermellas representan un perigo extraordinario e os impactos poden ser moi graves ou mesmo catastróficos.
Cando se nomea unha borrasca ou dina?
Para o nomeamento emprégase unha lista prefixada e acordada entre todos os países do grupo, composta por 21 nomes, alternando masculinos e femininos. Por ese motivo, non se usan as letras Q e U, porque son poucas as denominacións que comezan por elas. A axencia española forma parte do grupo suroeste, con organizacións de Francia, Portugal, Bélxica, Luxemburgo e Andorra; por iso, hai nomes de todos estes países e téntase, a pesar de que nalgunhas ocasións é difícil, que sexan pronunciables en todos os idiomas.
Segundo explican dende a Aemet, o nomeamento destes fenómenos favorece unha comunicación máis efectiva ante temporais, ademais de axudar a súa identificación en estudos a posteriori realizados dende a propia axencia.














