Do chorro polar ás dinas: as claves do drástico cambio de tempo en Galicia a partir do mércores

A influencia anticiclónica debilitarase na segunda metade da semana coa previsión de ceos nubrados, temperaturas suaves e chuvascos ocasionais

Ás 11.10 horas deste martes xa se rexistraban 32,5 graos de máxima no concello pontevedrés das Neves. O día anterior, o luns 17, acadáronse os 41 graos en Salvaterra de Miño ás 17 horas, a maior temperatura do día en Galicia. Malia estas dúas xornadas de calor abafante, a comunidade estase a preparar para un drástico cambio de tempo e un brusco descenso dos termómetros, que dirán adeus á alerta vermella activada estes días en varios concellos. Unha forte ondulación do chorro polar e a previsión de dúas dinas traerán a inestabilidade a Galicia a partir do mércores debido á debilitación da influencia anticiclónica. Os ceos nubrados, as treboadas e as máximas de 25 graos marcarán os vindeiros días sen, ata o momento, previsión de que volten as alertas por calor.

Segundo explican dende o portal Meteored, a península vivirá un “cambio radical” de tempo a partir da segunda metade da semana. O chorro polar, unha corrente de ventos moi fortes, será en parte responsable da nova tendencia, ao trazar entre o venres e o domingo “un gran meandro” ao oeste da península. Isto, segundo explican dende a web especializada, pode desencadear tormentas moi intensas, choivas fortes e temperaturas baixas para esta época do ano na vertente atlántica. Amais disto, unha dina propiciará o descenso térmico a partir do mércores, coa previsión de que se rexistren treboadas en distintos puntos da península. Pode que a comezos da vindeira semana, outra dina propicie o tempo inestable en Galicia.

Publicidade

Segundo a previsión de Meteogalicia, o cambio tamén vai ser brusco entre o martes —con máximas estimadas de 42 graos en Ourense— e o mércores, cando xa se rexistrará, como mínimo, un descenso de seis graos. Así, espéranse ceos nubrados e posibles chuvascos treboentos no sur e no sueste da comunidade. Nas últimas horas do mércores entrará unha fronte polo noroeste de Galicia que marcará a mañá do xoves, sobre todo na metade norte, con chuvascos ocasionais e nubes abundantes. A partir do venres, a comunidade quedará nunha situación inestable e intermedia entre as altas e as baixas presións, coa debilitación da influencia anticiclónica e o aumento da probabilidade de chuvia de cara á vindeira semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor no interior de Pontevedra durante o xoves

Galicia quedará ata o próximo sábado baixo a influencia dun anticiclón que tamén provocará avisos no centro de Lugo, interior da Coruña e montaña de Ourense

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega