Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados

O carcinoma anaplásico de tiroide é unha patoloxía que representa menos do 2% de todos os cancros de tiroide, pero é o responsable de ata o 50% da súa mortalidade. No momento do diagnóstico, clasifícase como estadio IV, independentemente da súa extensión, o que reflicte a súa agresividade. Con todo, hoxe en día, aínda non existe ningún tratamento aprobado en Europa. A fin de cambiar isto, a investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) Clara V. Álvarez e o seu equipo están no proceso que conleva desenvolver unha innovadora terapia contra este carcinoma anaplásico arredor da diana PIAS2b-RNAi baixo o nome do proxecto siRNA.

Baséase en siRNAs: son oligonucleótidos pequenos de dobre cadea que suprimen a expresión dos xenes diana mediante a sua unión o ARN mensaxeiro contra o que van dirixidos. Os investigadores encontraron primeiro que PIAS2beta era esencial para a división —coñecida como mitose— dos carcinomas anaplásicos ou indiferenciados, e traballaron cun siRNA rudimentario producido no laboratorio. 

Publicidade

Nesta nova fase, producirase un siRNA sintético de categoría industrial que poderá ser utilizado como fármaco. Agora, a investigación atópase nunha fase de selección. “Producíronse 96 siRNAs sintéticos distintos, coa mesma diana, e agora quedan só catro moi activos entre os que hai que decidir cal é o mellor”, explica Álvarez Villamarín. Os criterios de selección son: a mellor actuación sobre o carcinoma, o que menos dano faga ás células benignas ou normais e, por tanto, o que máis loite contra as células da enfermidade.

Para levar esta investigación a cabo foi necesario o traballo dun equipo multidisciplinar de profesionais, pero tamén daqueles pacientes que doaron as súas mostras dende hai 15 anos para poder avanzar na procura dun tratamento. A axuda do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia tamén foi un apoio, con cerca de medio millón de euros de dotación durante dous anos que permitirán seguir coa investigación, procurando a mellor dose do fármaco e decidindo un vehículo como excipiente para introducir o siRNA en pacientes.

Publicidade

Unha diana debilitada

Nun primeiro momento, o proxecto siRNA baseábase nunha síntese enzimática que afectaba directamente ás células anaplásicas do carcinoma. Con todo, a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) precisou que se necesitaba unha síntese química con modificacións que permitise a súa produción a grande escala con garantías de seguridade farmacolóxica: “Os siRNAs de síntese non son tan inocuos porque son máis potentes, e debemos axustar moi ben as doses”, apunta a investigadora.

Por iso, a clave da terapia do proxecto do CiMUS é a seguinte: úsase un medicamento empregando o siRNA, entra na célula e no citoplasma únese ao ARNm de PIAS2b, que é destruído. Así, ao destruír o ARNm da diana —clave na mitose—, as células anaplásicas morren en catástrofe mitótica. “O obxectivo do noso siRNA é a mitose: se baixamos esa proteína, prodúcese un bloqueo nas células do carcinoma, que loitan agresivamente querendo continuar coa mitose e, nese momento, estalan e morren”, sinala Clara Álvarez. Mentres, as células normais continúan a dividirse ao ser máis resistentes ante a diana. “Aproveitamos unha vulnerabilidade exclusiva destes cancros agresivos”, engade.

Así, a síntese química estase a producir por nucleótidos modificados lixeiramente, con grupos de fluoruro, metilo ou sulfatos. Con todo, os virus tamén son nucleótidos e, para o sistema inmune, que trata de defender o corpo humano, non é tan fácil distinguir virus de oligonucleótidos, e adoita rexeitalos. A investigadora do IDIS explica que “con estas modificacións que compoñen o siRNA, o sistema inmune deixa pasar os siRNAs, pois non os considera nucleótidos”.

Vantaxes fronte ao tradicional

O carcinoma anaplásico de tiroide é unha enfermidade máis frecuente en mulleres adultas, pero tamén afecta a homes e persoas novas. A pesar dos avances en oncoloxía, a supervivencia é comunmente inferior aos seis meses. Os tratamentos actuais, como a cirurxía, a radioterapia e a quimioterapia, en combinación, ofrecen un beneficio limitado ou nulo na supervivencia e, a miúdo, só son aplicables á enfermidade en estadio temperán. Ese é o principal problema que trata de solucionar o proxecto siRNA.

“Os pacientes chaman desesperados en busca de terapia, pero está aínda no laboratorio cun ensaio preclínico baseado en carcinomas de pacientes implantados en ratos; non é o mesmo”, comenta Clara Álvarez Villamarín. As investigacións con células de pacientes demostraron que con outros carcinomas indiferenciados igualmente agresivos de pulmón, gástrico ou páncreas tamén funciona o siRNA , co mesmo mecanismo de catástrofe mitótica, o que expande a súa futura aplicación a outros pacientes sen tratamento fóra da tiroide.

Por iso, agora están na procura da dose perfecta: “Todas as terapias, por moi selectivas que sexan, matan todas as células que se dividen; un pouco máis as cancerosas e un pouco menos as normais”. Pero este siRNA semella ter un mecanismo selectivo de morte das células moi agresivas que só pensan en dividirse por mitose. Grazas ao proxecto Ignicia, buscan levar ao paciente esta nova fórmula que apenas afecta ás células normais ou benignas, ao contrario que outras terapias oncolóxicas.

Un compoñente emocional

“Se algunha vez chegamos á práctica clínica, lerei unha lista cos seus nomes para agradecerlles o que fixeron”. Iso é o que afirma a investigadora do CIMUS e do IDIS ao lembrar a todas aquelas persoas que doaron mostras das súas cirurxías de tiroide para poder continuar a investigación. Narra que, no seu laboratorio, as células de pacientes probablemente falecidos seguen a crecer e serviron como materia prima para atopar a clave do siRNA contra o carcinoma. 

A intervención da EMA

Todo comezou cunha síntese enzimática utilizando ferramentas bacterianas clásicas. Pero as axencias regulatorias dos medicamentos consideran este tipo de produción dentro do grupo de fármacos biolóxicos, polo que os requisitos eran cada vez máis esixentes para poder chegar aos ensaios clínicos. Por iso, tras estudar o panorama internacional, derivouse á síntese química. Ademais, a EMA, tal e como explica Clara Álvarez, ofrece todo tipo de facilidades ás empresas farmacéuticas naqueles tratamentos contra carcinomas raros como o anaplásico de tiroide. “A xente morre e ninguén os apoia”, reivindica. Desta forma, a axencia europea, sabendo que non existe tratamento para estes pacientes, ofrece facilidades para poder comercializalo e que chegue á práctica clínica grazas ás grandes empresas do sector que decidan investir en novas terapias, como podería ser a do CiMUS.

Os seguintes pasos

Os seguintes pasos compoñen un longo proceso ata que o proxecto siRNA chegue ao paciente. O primeiro obxectivo é modificar o composto para que se poida producir como un fármaco aceptado pola Axencia Europea do Medicamento, rexistralo como patente internacional e adaptalo para que se poida producir. Posteriormente, a industria farmacéutica debe comprar a patente, cun interese en levalo a pacientes. Para avanzar neste percorrido, contan coa axuda do proxecto Ignicia.

Neste contexto, na primeira fase, en colaboración dunha empresa alemá especializada en fármacos siRNA, usáronse técnicas de screening con algoritmos informáticos para analizar toda a secuencia de PIA2b, co resultado dos 96 posibles siRNAS que poden impactar sobre o carcinoma anaplásico de tiroide. Deses quedan catro efectivos, que funcionan a concentracións cinco veces máis baixas co siRNA inicial enzimático producido no laboratorio: matan ás células anaplásicas, mentres que as células normais frean un pouco a súa división, é logo seguen crecendo

Con todo, o apoio da Xunta tamén permitirá desenvolver un vehículo como excipiente: “Non é seguro que un oligonucleótido siRNA sintético entre suficientemente nas células cancerosas”, explica. Nos experimentos previos en animais empregaron como vehículo o coláxeno, acoplando o siRNA por carga a esta proteína; pero a EMA, como se obtén dos tendóns de vaca, non permite o seu uso. Agora, toca buscar unha nova metodoloxía, como a unión a anticorpos ou péptidos. Así, aínda queda moito por percorrer para obter o produto final para estas enfermidades raras como o carcinoma anaplásico de tiroide. “Estamos seguros de que chegaremos aos pacientes finalmente”, conclúe a investigadora.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo