Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Investigadoras do grupo de Metabolismo Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, liderado por Rubén Nogueiras desde o Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), identificaron novas posibilidades terapéuticas do Resmetirom, o único fármaco aprobado actualmente para o tratamento da fibrose hepática asociada á enfermidade hepática esteatósica vinculada á disfunción metabólica (MASLD).

A MASLD afecta aproximadamente ao 25-30% da poboación mundial e constitúe unha das principais causas de enfermidade hepática crónica. A súa forma máis grave caracterízase pola inflamación do fígado e a acumulación progresiva de cicatrices (fibroses), que poden danar o órgano de forma irreversible e evolucionar cara a cirrose, insuficiencia hepática ou cancro de fígado. Neste proceso, as células estreladas hepáticas desempeñan un papel esencial, xa que, ao activarse, son as principais responsables da formación da fibrose.

Publicidade

A investigadora do CiMUS e primeira autora do estudo, Eva Novoa, explica que “ata o de agora se consideraba que o principal efecto de Resmetirom tiña lugar nos hepatocitos favorecendo a perda de graxa; con todo, os nosos resultados demostran que tamén actúa directamente sobre as células estreladas hepáticas, reducindo a súa activación e a súa capacidade fibroxénica”. Pola súa banda, Alba Cabaleiro, co-primeira autora do traballo, engade que “este achado contribúe a entender mellor como o Resmetirom é capaz de mellorar simultaneamente as alteracións metabólicas e a fibrose no contexto de MASLD”.

Detén o desenvolvemento de cirrose ou cancro hepático

O equipo identificou ademais o mecanismo molecular responsable deste efecto. O estudo demostra que a acción antifibrótica de Resmetirom depende da activación do receptor de hormona tiroidea alfa (THRα), predominante nas células estreladas hepáticas, e da encima FAAH. Cando calquera destes dous compoñentes se bloquean experimentalmente, o fármaco perde boa parte da súa capacidade para impedir a activación das células responsables de producir fibroses.

Publicidade

Os resultados tamén revelan que Resmetirom actúa mediante un dobre mecanismo complementario: mentres nos hepatocitos se reduce a acumulación de graxa a través do receptor THRβ, nas células estreladas hepáticas limita directamente o desenvolvemento da fibrose mediante a vía THRα-FAAH. Este descubrimento axuda a explicar mellor a eficacia clínica observada con este tratamento e abre novas posibilidades para desenvolver terapias dirixidas especificamente contra a fibrose hepática.

O traballo contou cunha ampla colaboración estatal e internacional, coa participación de investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CIBER de Fisiopatología da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), o CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), CIC bioGUNE, IDIBAPS, así como da Universidade de Lille (Francia) e a Universidade de Lübeck (Alemaña).


Referencia: Resmetirom Ameliorates Fibrogenesis in Hepatic Stellate Cells via Thyroid Hormone Receptor Alpha-Fatty-Acid Amide Hydrolase 1 Signaling Pathway (Publicado en MedComm)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo