Onde ver a eclipse do 12 de agosto? Unha aplicación puntúa os mellores lugares de Galicia

A fronteira asturiana e a provincia de Lugo teñen os miradoiros máis idóneos, pero tamén no terreo da Coruña se atoparán espazos onde desfrutar o fenómeno con claridade

A unha semana de que aconteza o evento astronómico do ano, poderá haber quen aínda teña que ultimar algúns detalles. Non é posible controlar a meteoroloxía para evitar ceos cubertos, nin mover o Sol para que se sitúe nun punto máis elevado; por isto, as persoas afeccionadas á observación astral (e, en realidade, tamén o público xeral) buscan reducir ao máximo todas as incógnitas precisando aquilo sobre o que si se ten control. Atopar un bo lugar para ver a eclipse do próximo mércores 12 é un reto para o que a aplicación Umbra busca dar algunhas respostas. Esta plataforma conta cunha ferramenta interactiva que puntúa máis de 40.000 miradoiros que se atopan na traxectoria da sombra en función a tres parámetros —a altura do Sol, que o horizonte oeste se atope libre de obstáculos e a duración da totalidade— e asígnalles un valor sobre 100 puntos en función da súa idoneidade como lugar de observación.

O desenvolvedor de programas e especialista en datos responsable de Umbra, Lluis Gasso, indica que a aplicación se basea na información de múltiples fontes oficiais. Emprega o visualizador de OpenStreetMap, o modelo dixital de elevación de Copernicus GLO-30, a probabilidade estatística de ter ceos despexados da reanálise ERA5 do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio (ECMWF) e a ruta da totalidade elaborada polo astrofísico da NASA Fred Espenak.

Publicidade

O Copernicus GLO-30 é un modelo global de acceso libre que describe a elevación do terreo e os obstáculos (vexetación e edificios) cunha resolución espacial de 30 metros. “Dadas unhas coordenadas, proxecta un ‘raio virtual’ en dirección ao Sol e emprega a diferenza entre o ángulo do Sol e o horizonte, e o obstáculo máis inmediato e o horizonte para determinar se este estará despexado”, explica Gasso.

Os mellores lugares de Galicia para ver a eclipse

A aplicación ofrece unha clasificación dos dez mellores miradoiros próximos a cada provincia (o que implica que, nalgúns casos, o lugar máis axeitado para unha provincia podería atoparse fóra das súas lindes).

Publicidade

Lugo e as súas inmediacións son, de acordo á análise da plataforma Umbra, os lugares con mellores miradoiros. En primeiro posto atópase o Pico de Ouroso, un terreo na fronteira con Asturias cunha puntuación de 97 sobre 100 e unha totalidade de un mintuto e 46 segundos. Tamén acadan ese número os seguintes puntos do occidente asturiano: A Vaga, o Pico de Leiras e Peña Grallas. Con 96 sobre 100, xa en territorio lucense, están o Miradoiro do Monte Campelas, Penido Novo, Cerrochao, Pena Corveira, a cume do Coto do Cal e o Alto do Seixal.

Segundo Umbra, o mellor lugar da provincia da Coruña para ver a eclipse é Vixía da Herbeira. Con 96 puntos sobre 100, este espazo sitúase a 605 metros de altitude e terá unha totalidade de un minuto e 43 segundos. Outras oito localizacións comparten a súa alta puntuación: A Garita do Limo, Atalaia, Monte Caxado, Monte dos Ladróns, Alto da Neveira, Pico de Moles, Fortificación do Penido do Medio e Mámoa do Coto Teixido. A clasificación dos dez lugares máis axeitados complétase co Miradoiro do Peñote, con 95 puntos sobre 100.

Tamén o norte de Ourense terá a oportunidade de desfrutar da totalidade da eclipse. Así e todo, múltiples puntos da provincia de Lugo aparecen como destinos próximos para experimentar o evento. O Penedo, no sur do territorio lucense, coroa a clasificación, cunha puntuación de 92 sobre 100. A totalidade dende este punto será de un minuto e oito segundos, aínda que O Castro de Santa Icía e A Modorra Grande, ambos co mesmo valor numérico que O Penedo, chegarán ao minuto e 15 segundos. Ademais destes, a Madorna de San Nicolás de Portomarín e o Alto do Convento tamén reúnen 92 puntos. Un menos teñen o Alto da Serra, o Pico de Cabude, o Castro Pico de Santa Bárbara, O Coto e Pena Godón.

Recomendacións para a observación

Lluis Gasso ofrece os seguintes consellos para quen se propoña ver a eclipse, en especial na súa totalidade: “Busca un horizonte despexado; isto é mesmo máis importante que a predición meteorolóxica. Usa lentes de protección adecuadas e busca un sitio accesible e, a poder ser, non masificado”.


Podes consultar o mapa interactivo de Umbra na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Exposicións, observación en grupo e concertos: a guía definitiva das actividades para a xornada da eclipse

Os territorios galegos da franxa de totalidade ofrecen un repertorio de opcións divulgativas enfocadas a mellorar a experiencia do evento astronómico

Tutorial para facer o teu propio filtro para fotografar a eclipse e outros consellos

O fotógrafo Alejandro Muñoz explica como capturar o Sol de forma segura e o astrofotógrafo Daniel López dá recomendacións para obter un bo resultado

As claves da NASA para observar a eclipse total de Sol do 12 de agosto

Galicia será un dos territorios europeos privilexiados para contemplar o fenómeno astronómico do ano a causa do paso da banda de totalidade polo territorio

Sicixia, emersión, umbra: estas son algunhas das palabras que debes coñecer antes da eclipse

O Servizo de Normalización Lingüística da USC publica unha listaxe de 88 termos relacionados co fenómeno astronómico