A imprevisibilidade do mar e as incertezas que diso xorden volven patente a necesidade de contar con información precisa e en tempo real sobre a posición dunha embarcación. Hai case dúas décadas, unha plataforma dixital deu resposta a esta preocupación: trátase de MarineTraffic, un espazo en liña que permite seguir diferentes tipos de navíos nos seus movementos polas augas. Trátase dun proxecto aberto que emprega tecnoloxía de identificación automática (AIS, polas súas siglas en inglés Automatic Identification System), pola que recompila unha serie de parámetros de cada barco.
Entre a información que achega o sistema AIS están a ubicación exacta da embarcación, de que tipo é esta —comercial, recreativa, etc.—, a velocidade que leva (expresada en nós por grao de ángulo de temón), o porto do que saiu e o seu destino agardado. É posible ampliar a información de cada buque, máis alá do resumo informativo que se presenta na visualización interactiva, polo que tamén se poden coñecer datos como o país no que está rexistrado, as súas dimensións, fotografías do mesmo ou o seu MMSI, o Número de Identificación do Servizo Móbil Marítimo. É un código único de nove díxitos que identifica unha embarcación ou unha estación costeira.
Ferramentas dispoñibles na plataforma
O principal servizo que ofrece MarineTraffic é o seguimento da posición dos barcos a través da rede AIS, que complementan con información satelital. Así e todo, conta con outras achegas á comunidade interesada no seu uso, mediante ferramentas tanto de acceso libre como suxeitas a unha suscrición gratuíta ou un plan que pode ir dos cinco aos 100 euros mensuais. Ademais do mapa interactivo, contén datos estatísticos sobre as tendencias portuarias (shipping intelligence), información ampliada sobre cada un dos máis de 300.000 barcos que monitoriza (en concreto, no momento de redactar estas palabras segue un total de 365.931 embarcacións), estacións portuarias, faros, compañías do sector, etc.
Unha das súas funcionalidades máis chamativas é a da galería de fotografías subidas polos usuarios, un fondo visual en constante actualización que representa barcos, faros e portos de todas as partes do mundo. As persoas que fagan uso da web tamén poden votar as fotografías, co que contribúen a crear unha lista de fotógrafos cuxas imaxes recibiron unha boa acollida na comunidade. Conta, ademais, cunha sección adicada a compartir as novas máis recentes da industria marítima.
Así mesmo, a través do apartado Stations é posible formar parte do voluntariado da plataforma global e cubrir unha área concreta, ven sexa contribuíndo con información específica ou aloxando unha estación AIS para MarineTraffic.
A Coruña, Vigo e Ferrol: os portos galegos con máis tráfico
O mapa sinala unha importante afluencia marítima en torno ás Rías Baixas e a costa norte da Coruña. No sur galego, o porto de Vigo é o que acolle unha maior cantidade de barcos, entre os que se inclúen embarcacións de Salvamento Marítimo (que reciben a denominación SAR, en alusión a Search and Rescue), unha importante concentración de navíos recreativos, veleiros, de pasaxeiros, pesqueiros, e mesmo pequenos barcos destinados ao mergullo. Tamén se conta un buque de cemento, un destinado ao transporte de vehículos e un barco híbrido destinado á carga rodada e de contenedores.

No caso do norte galego, o tráfico marítimo concéntrase na Coruña e Ferrol. Aínda que tamén hai barcos recreativos e veleiros, percíbese unha maior diversidade nas embarcacións que chegan á Costa Ártabra. Atópanse, por exemplo, máis barcos mercantes e de remolque. No momento presente, hai varios puntos vermellos que representan os seguintes tipos de navío: un buque tanque deseñado para produtos petrolíferos e químicos navigando pola Ría de Betanzos, dous de transporte de gas natural (denominados en MarineTraffic como LNG Tanker) que están xa ancorados na Ría de Ferrol, e tamén nesa área unha unidade flotante de produción, almacenamento e descarga empregada polas industrias do petróleo e o gas.

Podes consultar a plataforma MarineTraffic nesta ligazón.














