Quen frecuenta os servizos ferroviarios coñece de primeira man as virtudes e carencias dos seus servizos. Unha queixa habitual é a relativa aos retrasos dos trens, que poden ir dos poucos minutos a, nalgunhas ocasións, acumular máis de media hora. Existen ferramentas en liña que permiten facer un seguemento en directo dos trens. Unha delas é Vía Libre, creada por Álvaro Hernández despois do accidente ferroviario de Urda.
Este portal web recolle nun visor interactivo os traxectos en tempo real dos trens AVE, Avlo, Avant, Alvia, Media distancia e rexionais, Euromed e intercity. Iryo e Ouigo quedan fóra deste mapa ao non facer públicas as posicións dos seus trens. O creador da aplicación explica que emprega os datos en aberto da localización XPS dos trens de Renfe e, valéndose da intelixencia artificial, sitúa cada vehículo sobre o territorio nacional.
Esta ferramenta recolle o número total de trens sobre o mapa en cada momento, cantos deles chegarán ao seu destino cinco minutos ou máis despois do previso, e cal é o valor mediano de dito retraso. No momento de redactar estes parágrafos —o 3 de novembro, ás 13:45—, cóntanse 122 trens no mapa español, dos cales 67 chegarán máis tarde do previso ao seu destino. O retraso mediano é de seis minutos.
Outros datos que achega o portal é: o número identificador do tren, o seu destino e orixe, o retraso que leva, a súa chegada prevista (segundo os datos orixinais e tendo en conta o retraso estimado), a súa velocidade, o lugar no que se atopa, a hora de chegada á súa próxima parada e se é, ou non, accesible. O visor utiliza o sistema do semáforo para marcar o retraso: verde para aqueles que van en hora, amarelo para os que chegarán cinco minutos ou máis depois da hora prevista e vermello para aqueles nos que ese tempo se prolonga por enriba dos 20 minutos.
Os trens en Galicia
No momento, hai dez convois que aparecen sobre a ferramenta interactiva con Galicia como destino, cinco deles con retraso. O que presenta un retraso maior é o Alvia 00622, que cubre o traxecto de Barcelona Sants a Vigo: chegará 21 minutos despois do previsto. Actualmente leva unha velocidade aproximada de 80 quilómetros por hora e está entre Pamplona e Vitoria. Chegará á cidade olívica, se non hai cambios posteriores, ás 23:18 horas, fronte ás 22:57 horas orixinais.

A continuación atópase o Avant 09120, que vai de Ourense á Coruña. Neste caso, o retraso é de 12 minutos: chegará ás 14:05 horas, en lugar de ás 13:53. Vai a unha velocidade aproximada de 57 quilómetros por hora e está actualmente entre Santiago de Compostela e A Coruña. O AVE 04515 de Madrid Chamartín a Vigo —que se atopa entre Ourense e Vilagarcía de Arousa e vai a uns 29 quilómetros por hora— terá un retraso similar, de 11 minutos.
Os demais trens quedan por debaixo dos dez minutos de desviación fronte ao seu horario orixinal. De feito, tanto o Media Distancia entre Oviedo e Ferrol como o Media Distancia de A Coruña a Ferrol lograron reducir o seu retraso por debaixo dos cinco minutos, polo que xa non se atopan entre os trens marcados en amarelo e vermello na aplicación.














