Flamengos, falcóns e corvos: descubre as aves que podes ver en Galicia segundo este mapa interactivo

EuroBirdPortal recolle os datos de múltiples portais web de visualización ornitolóxica e combínaos nunha ferramenta única

A organización EuroBirdPortal (EBP) lanza un mapa interactivo no que é posible seguir a evolución dos movementos de todas as especies aviares rexistradas en Europa. A plataforma permite seleccionar entre múltiples parámetros de visualización: as ocorrencias, os trazos, as contas e a fenoloxía. Dende o espazo web explican que hai máis de 20 plataformas a nivel europeo que recollen observacións de aves —casuais e profesionais—, combinando áreas locais e transnacionais. “O EBP foi establecido para desbloquear todo este potencial a nivel europeo combinando os datos reunidos por todos os portais en liña que operan a través do continente”, expresan dende o EuroBirdPortal.

A diferenza dos seguimentos tradicionais e estruturados, estes espazos web céntranse en obter datos durante todo o ano grazas á actividade descentralizada dos ornitólogos afeccionados. Deste xeito, EBP pon o foco na ciencia cidadá como fonte de datos ornitolóxica. Aínda que os datos se recollen mediante protocolos habitualmente casuais, a enorme cantidade de información e a ampla cobertura xeográfica ofrecen un importante potencial investigador.

Publicidade

Ocorrencias, trazos, contas e fenoloxía

O visor interactivo de EuroBirdPortal amosa mapas animados e actualizados a diario con máis de 750 millóns de rexistros acumulados dende 2010 e que se poden filtrar segundo o tipo de información. O primeiro son as ocorrencias, que amosan as áreas nas que as especies se rexistraron, ou non, nunha área de 30 quilómetros cadrados cada semana do periodo temporal seleccionado. O segundo son os trazos, nos que non só se amosan os rexistros de cada semana senón tamén os das dúas semanas anteriores, o que facilita visualizar os cambios temporais na distribución das especies.

O terceiro tipo de rexistro son as contas, que recollen o reconto máximo tomado para a especie seleccionada nunha área de 30 quilómetros cadrados en cada semana, no caso dos mapas anuais, ou o máximo promedio daqueles que combinan a información de varios anos. E o cuarto é a fenoloxía, que se trata da ciencia que estuda a relación entre os factores climáticos e os ciclos biolóxicos dos seres vivos.

Publicidade

As especies observables en Galicia

Segundo o portal Galicia Birding, no momento de redacción destas palabras algúns dos últimos avistamentos foron o flamengo rosado, o galo de auga común (ou galiñola negra), o falcón pequeno, o corvo grande e a bubela. Estes son os recontos destas especies nas últimas 52 semanas, é dicir, dende a semana do 17 ao 23 de setembro de 2025 ata a mesma semana do 2026.

Flamengo rosado ('Phoenicopterus roseus')
Flamengo rosado (‘Phoenicopterus roseus’)
Galo de auga común ('Fulica atra')
Galo de auga común (‘Fulica atra’)
Falcón pequeno ('Falco subbuteo')
Falcón pequeno (‘Falco subbuteo’)
Corvo grande ('Corvus corax')
Corvo grande (‘Corvus corax’)
Bubela ('Upupa epops')
Bubela (‘Upupa epops’)

Podes acceder á ferramenta neste enlace.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa analiza a vulnerabilidade das sete cidades galegas ante o aumento da calor cara ao 2050

A Coruña rexistra a peor calidade das zonas verdes e o mellor abastecemento cotián, mentres que en Ferrol se prevé o maior incremento de días de temperaturas extremas

Onde ver a eclipse do 12 de agosto? Unha aplicación puntúa os mellores lugares de Galicia

A fronteira asturiana e a provincia de Lugo teñen os miradoiros máis idóneos, pero tamén no terreo da Coruña se atoparán espazos onde desfrutar o fenómeno con claridade

Dez obras, un mapa e unha liña do tempo: así funciona o xogo en liña Anthropeum

A aplicación gratuíta combina xeografía e historia e permite descubrir pezas de arte de culturas de todo o mundo a partir da colección do MET

Onde hai incendios activos? Este mapa permite seguir os focos en tempo real

A ferramenta Incendib reúne nun único visor para España e Portugal con datos satelitais e información oficial actualizada