Dúas escavacións en Rubiá achan mostras dun animal extinto e máis de 160 restos nun xacemento funerario

As investigacións na Cova do Santo e na Pala da Zorra permitirán estudar as comunidades humanas, a fauna e as paisaxes da prehistoria

A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas prehistóricas como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025 e forman parte dun proxecto máis amplo centrado no estudo do poboamento prehistórico deste territorio.

Os resultados desta campaña reforzan o interese de dous xacementos moi diferentes: a Cova do Santo, utilizada como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce, e a Pala da Zorra, onde se documentou unha importante acumulación de restos de grandes mamíferos, entre eles o oso das cavernas.

Publicidade

As intervencións foron dirixidas polos investigadores da USC Diego Lombao e José Ramón Rabuñal, coa participación dun equipo multidisciplinar especializado en arqueoloxía prehistórica e no estudo dos restos humanos e animais, así como de estudantado do Grao en Historia.

Cova do Santo, excepcional conservación do seu depósito funerario

Na Cova do Santo, situada en Pardollán, os traballos continuaron a escavación iniciada o ano anterior na cámara principal. A campaña confirmou a elevada densidade de restos e o bo estado de conservación do xacemento, considerado un dos contextos funerarios da Idade do Bronce máis relevantes de Galicia.

Publicidade

Os novos traballos están permitindo comprender mellor como se formou o depósito funerario e como foi cambiando a cavidade co paso do tempo. A distribución dos materiais e a súa relación cos bloques desprendidos das paredes e do teito da cavidade ofrecen novas pistas sobre a historia deste espazo e sobre os procesos que afectaron os enterramentos despois da súa deposición.

Durante a campaña de 2026 recuperáronse máis de 160 restos arqueolóxicos, tanto en superficie como en contexto estratigráfico, principalmente ósos humanos, ademais de restos de fauna, fragmentos cerámicos e outros materiais. Á agarda dun estudo paleoantropolóxico exhaustivo, a gran variabilidade de elementos anatómicos recuperados, atribuíbles a individuos de diferentes idades incluídos infantís e xuvenís, e a presenza de diversas patoloxías óseas, evidencian o grande interese deste depósito arqueolóxico como unha fiestra única para aproximarse á vida das comunidades humanas que habitaron en Galicia durante a Idade do Bronce.

Ademais da escavación, realizouse un escaneado 3D da cámara principal que permitirá reconstruír dixitalmente a cavidade e situar con precisión os achados, facilitando tanto a investigación como a conservación e divulgación do xacemento.

Restos de oso das cavernas na Pala da Zorra

A campaña de 2026 permitiu tamén realizar sondaxes arqueolóxicas en diferentes sectores da Pala da Zorra, tamén coñecida como Pala do Rebolal, unha das grandes cavidades do sistema kárstico da Serra da Enciña da Lastra.

Os traballos revelaron unha importante concentración de ósos de grandes mamíferos, entre os que se identificaron restos atribuíbles ao oso das cavernas (Ursus spelaeus), unha especie que habitou Europa durante o Pleistoceno e que se extinguiu hai miles de anos. A maior concentración localizouse próxima a unha das entradas da cavidade, mentres que noutras zonas estudadas cara o interior apenas apareceron restos, o que mostra a diversidade dos depósitos conservados no interior da cova.

Polo momento, nesta acumulación non apareceron ferramentas nin outros materiais que permitan relacionar directamente os restos coa actividade humana. Os investigadores estudarán agora os ósos con máis detalle para determinar como se formou esta concentración e comprobar se existen sinais que permitan identificar posibles interaccións entre humanos e animais.

Coñecer a Prehistoria da Serra da Enciña da Lastra

Os resultados obtidos este ano permiten definir novas liñas de investigación para as próximas campañas. Na Cova do Santo, o obxectivo será continuar a escavación para coñecer a extensión e profundidade do depósito funerario. Na Pala da Zorra prevese ampliar a zona na que apareceron os restos de grandes mamíferos e explorar outros sectores da cavidade, entre eles unha entrada practicamente colmatada na que xa se observaron pequenos restos óseos e algún fragmento cerámico en superficie.

O proxecto combina a investigación arqueolóxica coa conservación e divulgación do patrimonio. Ao finalizar a campaña celebrouse un encontro coa veciñanza no que se presentaron os primeiros resultados e algúns dos materiais recuperados, dando continuidade ás actividades de divulgación desenvolvidas dende o inicio do proxecto.

Apoio institucional

As intervencións arqueolóxicas na Cova do Santo e na Pala da Zorra desenvolvéronse ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, para a realización de actuacións arqueolóxicas en 2026 nas covas da Serra da Enciña da Lastra. Os traballos contaron tamén co apoio científico e técnico da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), así como coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, fundamentais para o desenvolvemento das actuacións nun espazo natural protexido. As escavacións foron posibles grazas á autorización e apoio das comunidades de montes de Pardollán e Vilardesilva. Na campaña participou, ademais, persoal investigador de diferentes institucións e estudantado do Grao en Historia da USC.

Os traballos iniciáronse en 2026. Imaxe: USC
Os traballos iniciáronse en 2026. Imaxe: USC

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira escavación na Cova do Santo revela que foi un enterramento colectivo na Idade do Bronce

Un equipo da USC documenta un enterramento colectivo con máis de cen restos de humanos, fauna e obxectos arqueolóxicos

Unha semente de uva demostra a presenza de vides en Valencia do Sil no século IV

Os resultados da investigación serán expostos nun seminario organizado en Santiago de Compostela o próximo 24 de novembro

Atopan unha cabeza antropomorfa do século I en Armea (Allariz)

A nova campaña de escavacións na Cibdá, cunha importante ocupación na época romana, achega novos froitos sobre a cronoloxía do enclave

Enciña da Lastra: hai un anaco de Mediterráneo en Galicia

Os solos calcarios e a flora propia do clima mediterráneo converten este parque natural do nordeste de Ourense nun enclave singular