A primeira escavación na Cova do Santo revela que foi un enterramento colectivo na Idade do Bronce

Un equipo da USC documenta un enterramento colectivo con máis de cen restos de humanos, fauna e obxectos arqueolóxicos

A campaña de escavación arqueolóxica realizada o pasado verán na Cova do Santo, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu avanzar no coñecemento deste xacemento, considerado un dos contextos funerarios máis relevantes da Prehistoria recente en Galicia. Os traballos, dirixidos polos investigadores José Ramón Rabuñal e Diego Lombao, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), enmárcanse nun proxecto centrado no estudo do poboamento prehistórico do parque.

A intervención supón a primeira escavación sistemática realizada na cavidade, onde ata agora só se efectuaran visitas e recollidas de material en superficie. A sondaxe aberta na cámara principal permitiu recuperar máis de 100 restos arqueolóxicos en contexto estratigráfico, principalmente ósos humanos, xunto con restos de fauna, fragmentos cerámicos e obxectos singulares como unha aixola de anfibolita e unha doa de óso. Entre os materiais, destacan fragmentos dunha xerra carenada, típica dos contextos funerarios da Idade do Bronce no noroeste peninsular.

Publicidade

Un enterramento colectivo ben conservado

Os datos obtidos indican que a cova foi utilizada como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce. “A presenza de restos de pequeno tamaño, como falanxes ou ósos delicados, apunta a un enterramento primario ben preservado”, apuntan Lombao e Rabuñal. O conxunto óseo recuperado corresponde a un mínimo de 10 individuos de diferentes idades (incluíndo adultos, nenos e un individuo perinatal), o que permite ampliar de forma significativa o coñecemento sobre esta poboación. Ademais, as análises preliminares amosan “condicións de vida marcadas polo esforzo físico, con patoloxías como artrose, desgaste dentario ou fracturas, así como evidencias puntuais de actividade de carnívoros”.

“Todos estes resultados evidencian o alto interese arqueolóxico da cavidade e a necesidade de continuar as investigacións”, advirten os investigadores, que tiveron que rematar a campaña de forma anticipada debido aos incendios forestais que afectaron a comarca de Valdeorras durante o mes de agosto.

Publicidade

Entrada á Cova do Santo. Foto: José R. Rabuñal e Diego Lombao
Entrada á Cova do Santo. Foto: José R. Rabuñal e Diego Lombao

Un proxecto a escala territorial

A intervención forma parte dun proxecto máis amplo centrado no estudo da Prehistoria no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un enclave singular polo seu sistema kárstico e pola súa posición como corredor natural entre a Meseta e o interior de Galicia. Nos próximos anos, prevese dar continuidade ás escavacións na Cova do Santo e ampliar os traballos a outras cavidades do parque, como a Pala da Zorra, identificada como unha das zonas prioritarias para futuras intervencións. Tamén está prevista a realización de modelos 3D das cavidades para facilitar tanto a investigación como a difusión e conservación do patrimonio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla