Coñeces a historia do teu concello? Descúbrea neste mapa interactivo

Wikipedia pon un a disposición do usuario unha ferramenta para explorar lugares e eventos históricos dende a palma da man

En ocasións, a inmediatez do día a día, a sobrecarga informativa —coñecida como infoxicación— ou a inercia da rutina poden levar a entrar nun estado de movemento e pensamento automáticos nos que resulta demasiado sinxelo pasar por alto unha pequena marabilla: cada esquina ten unha historia. E, nalgúns casos, esa historia quedou rexistrada. Hai momentos nos que é recomendable poñer as gafas da ilusión e a curiosidade para pausar, para conectar coa contorna, ou, simplemente, para saciar a necesidade de coñecer.

A esta fin, a coñecida plataforma Wikipedia pon a disposición do usuario un mapa interactivo no que se localizan todos os lugares e eventos históricos que contan cun artigo no seu portal web. Así, quedan marcados e abertos para o acceso público indicadores xeográficos con imaxes e información sobre localidades, castelos, batallas, ríos, pontes, etc. Dun golpe de vista é posible coñecer todos os puntos históricos rexistrados dun espazo.

Publicidade

A Galicia histórica, sobre o mapa

Este mapa rexistra máis de 1.000 entradas en toda a comunidade, con centos repartidas nas catro provincias. Esta representación interactiva non entende de límites temporais: mentres exista un artigo dedicado a tratar o tema, estará presente no mapa. Por isto mesmo hai entradas de tan variada situación temporal como a Batalla de Montecubeiro, que enfrontou a rebeldes galegos contra as cortes asturianas no ano 774, ou as batallas de Ponte Sampaio e de Elviña, máis dun milenio despois, en 1809, cando o pobo galego se alzou contra a invasión napoleónica.

Non só se atopan dispoñibles os enfrontamentos bélicos; están presentes institucións históricas, como as universidades galegas; cada un dos municipios galegos rexistrados na plataforma; estruturas arquitectónicas que aínda xeran asombro agora, séculos despois de seren erixidos, como a Muralla de Lugo ou a Ponte romana de Ourense; e tantos outros indicadores xeográficos e políticos.

Publicidade

No caso de ter interese en destinos fóra dos límites galegos, o mapa permite o acceso a todas as entradas espalladas polo mundo. A densidade de marcadores varía enormemente entre lugares, polo que non todas as localizacións contan coa mesma cantidade de información en torno a espazos ou eventos. Así e todo, é unha ferramenta útil para explorar un lugar que xa crías coñecer dende unha perspectiva única, ou descubrir outros coa mirada posta no pasado.

  • Densidade de entradas en diferentes zonas de Galicia.
  • Artigos de diferentes eventos e lugares históricos galegos.

Como acceder ao mapa

O acceso ao mapa está limitado á plataforma móbil gratuíta de Wikipedia, polo que non é un servizo que se poida consultar dende o navegador web. Non require de ningún rexistro: bastará con instalar a aplicación e activar os permisos de localización para acceder a todos os seus contidos. Podes obter a aplicación aquí, se usas Android, ou aquí, se empregas iOS. 

Unha vez dentro da app, accede ao apartado “máis” (localizado na esquina inferior dereita da pantalla, con tres barras) e fai clic en “lugares”. Activa a localización e xa terás á túa disposición esta función da plataforma.

Os datos que a alimentan son os propios artigos publicados en Wikipedia (que forman parte da base de datos Wikidata). Para elaborar o mapa, empréganse Wikimedia maps e Openmaps.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas