Tras o éxito acadado nas súas tres primeiras edicións, o festival científico CinVigo. Ciencia na rúa regresa este 2026 cunha proposta renovada e máis ambiciosa. O evento celebrarase durante esta última fin de semana do mes de abril e está organizado polo CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina), coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Nesta cuarta edición, o festival presenta como gran novidade o cambio de localización. CinVigo trasládase á contorna da ría, instalándose na avenida da Beiramar, nas inmediacións do monumento a Xulio Verne, co obxectivo de achegar aínda máis a ciencia á cidadanía nun espazo emblemático da cidade.
Un festival para todas as idades
Baixo o lema Ciencia na rúa, CinVigo volve converterse nun punto de encontro para persoas de todas as idades, ofrecendo unha ampla programación que inclúe experimentos, espectáculos, obradoiros infantís e sénior, proxectos científicos e unha xincana inclusiva. O obxectivo principal é achegar o coñecemento científico dun xeito accesible e adaptado, participativo e divertido, fomentando especialmente as vocacións científicas entre a mocidade.
A iniciativa naceu co propósito de consolidarse no tempo e cumprir cun dos principais compromisos do CINBIO: transferir coñecemento á sociedade e dar a coñecer o labor investigador desenvolvido na Universidade de Vigo no ámbito da biomedicina e os nanomateriais.
Unha feira científica en crecemento
Un dos piares do festival será, un ano máis, a feira científica, que nesta edición contará con arredor de 70 proxectos presentados por preto de 250 estudantes de secundaria e bacharelato procedentes de 34 centros educativos das catro provincias galegas, unha cifra récord na historia do evento.
Durante todo o sábado 25 e o domingo 26 pola mañá, o público poderá visitar os postos e coñecer de primeira man os traballos da rapazada, que competirán por distintos premios. Os proxectos serán avaliados por persoal investigador do CINBIO, aínda que tamén haberá votación popular aberta ás persoas asistentes.

Novas propostas inclusivas
Entre as novidades deste ano destacan os obradoiros científicos dirixidos a persoas maiores de 65 anos, cun total de 200 prazas. Esta iniciativa pretende achegar a cultura científica a un colectivo menos habitual neste tipo de actividades, mediante sesións prácticas centradas na ciencia da cosmética e o autocoidado, e conta co apoio da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
Ademais, repetirase o espazo Corresponsables, con 800 prazas para obradoiros infantís destinados a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, nos que poderán experimentar con conceptos científicos básicos de forma lúdica, grazas ao apoio da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
O festival tamén reforza o seu carácter inclusivo cunha xincana científica adaptada a persoas con diversidade funcional, así como coa presenza de intérpretes de lingua de signos en varias actividades destacadas.
Para estas tres actividades é necesaria inscrición previa na páxina do evento.
Espectáculos e divulgación con humor
A programación de espectáculos inclúe propostas para todos os públicos, como o Minuto de ouro, no que o alumnado presenta os seus proxectos en apenas un minuto, ou o espectáculo familiar Cienceando, unha das actividades máis exitosas do festival, que repasará a historia da ciencia mediante demostracións sorprendentes.
Non faltarán tampouco monólogos científicos da man de Ciencia Calidade, que combinarán rigor e humor para achegar o día a día na investigación ao gran público.
Un evento consolidado
Dende a súa primeira edición en 2023, CinVigo non deixou de medrar en participación e impacto, superando os 13.000 votos na feira científica en 2025 e consolidándose como unha referencia na divulgación científica en Galicia.

Ademais da FECYT, esta iniciativa conta co apoio de múltiples institucións autonómicas e internacionais. Con esta cuarta edición, CinVigo reafirma a súa aposta por sacar a ciencia dos laboratorios e levala ás rúas, facendo da cidade un gran espazo de aprendizaxe, descubrimento e participación cidadá.















