A guerra iniciada por Estados Unidos e Israel contra Irán supoñen un custo adicional superior aos 22.000 millóns de euros en importacións fósiles para os países europeos, segundo datos da Comisión Europea. Neste contexto, Ursula von der Leyen propuxo o pasado 15 de abril a implantación dun día de teletraballo obrigatorio co obxectivo de reducir o consumo de combustibles fósiles. Porén, o 22 de abril, tras as críticas que cuestionaban o carácter “obrigatorio” da medida e a súa base legal, a Comisión Europea decidiu retirala da súa proposta definitiva de resposta á crise enerxética.
Xavier Labandeira, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo (UVigo) e membro do centro de investigación interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), sinala que en España existe unha elevada presenza de enerxías renovables, mentres que o consumo de combustibles fósiles está concentrado principalmente notransporte privado. “O teletraballo é unha medida máis; sería bo para aforrar en fósiles”, afirma, e valora esta modalidade laboral como unha posible ferramenta para abordar a crise enerxética.
O teletraballo consolidouse de forma xeneralizada a raíz da pandemia da Covid-19, converténdose nun experimento forzado por motivos de seguridade sanitaria para evitar contaxios. Seis anos despois, moitas empresas manteñen modelos híbridos que combinan o traballo presencial coa actividade dende o fogar.
Transporte vs. Enerxía doméstica
Unha das obxeccións máis habituais ao aforro enerxético do teletraballo é o posible incremento do consumo eléctrico nos fogares. Con todo, segundo Labandeira, nun día de teletraballo “deixas de consumir no teu posto de traballo e evitas o transporte”. Neste sentido, sinala que o sistema de mobilidade español está “moi vinculado aos fósiles”, con fortes implicacións nas emisións de gases de efecto invernadoiro, aínda que existen alternativas como o transporte público, a bicicleta ou os vehículos eléctricos. A situación varía segundo o contexto urbano: en cidades con redes de transporte amplas, como Madrid, o impacto pode ser menor, mentres que en Vigo a dependencia do vehículo privado segue a ser elevada.
Non só debe considerarse o consumo doméstico, senón tamén o impacto dixital. Neste ámbito, Labandeira indica que “o uso da intelixencia artificial consome enerxía, pero iso fas na casa e na oficina, polo que o consumo extra non é necesariamente maior”. Deste modo, o gasto non aumenta de forma global, senón que se despraza. “Un incremento de consumo no fogar non é tan relevante”, engade, tendo en conta que a iluminación residencial actual ten un peso enerxético reducido. Neste sentido, a medida proposta pola Comisión Europea podería interpretarse como unha opción complementaria dentro do conxunto de políticas de aforro.
Unha medida máis, non a única
“É unha ferramenta máis para utilizar na xusta medida”, apunta Labandeira. Neste marco, a Comisión Europea presentou un paquete de actuacións para que os gobernos poidan aplicalo de forma inmediata e temporal, no que finalmente non se inclúe o día obrigatorio de teletraballo.
Entre as medidas figuran a redución de impostos sobre a electricidade, a baixada do prezo do transporte público ou a súa gratuidade, así como a prohibición dos cortes de subministración nos fogares máis vulnerables. Ademais, a Comisión prevé coordinar as reservas enerxéticas para evitar problemas de subministración no continente e anunciará antes do verán un plan de electrificación. “O máis importante é reducir o consumo de petróleo, principalmente no transporte privado; se se actúa aí, xa se está a aforrar”, destaca o catedrático da UVigo.
Decisión cuestionada
O obxectivo é diminuír o consumo de combustibles fósiles. Porén, segundo Labandeira, “é o contrario do que está a facer o Goberno español”. O economista refírese á decisión do presidente Pedro Sánchez de reducir a fiscalidade dos carburantes ata o 10% de IVE, o que supón un aforro de ata 30 céntimos por litro, dependendo do tipo de combustible. Esta medida foi advertida pola Comisión Europea, que podería iniciar un procedemento sancionador se non se restablece o tipo do 21%.















