Galicia xa ocupa o quinto posto entre as comunidades autónomas con maior porcentaxe de empresas con máis de 10 empregados que permite o teletraballo. Un total de 34,1% deste tipo de compañías empregan esta fórmula e, ademais, Galicia está entre as comunidades nas que se realizan máis reunións remotas, cun 57,9% das empresas que as empregan. Os datos corresponden á enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2023/2024 do Instituto Nacional de Estatística (INE), que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
As tecnoloxías están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 98,2% das que teñen 10 ou máis empregados dispoñen de internet contratada. Destas, o 83,3% teñen velocidade de descarga de máis de 100 mbs/seg.
No que se refire ao emprego da intelixencia artificial, son xa o 10,4% as empresas galegas que a utilizan, o que sitúa Galicia no sétimo lugar entre as comunidades autónomas con maior uso da IA. As compañías galegas tamén están entre as tres que máis utilizan tecnoloxías de recoñecemento de voz. Tamén ocupan un lugar moi destacado (cuarto) no uso de tecnoloxías que xeran linguaxe escrita ou falada e o sexto na aprendizaxe automática para a análise de datos.
Incremento de especialistas TIC
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que amosa o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 12,6% conta con especialistas TIC, o que supuxo un 7,4% máis no último ano. O gasto en seguridade TIC aumentou un 40% no último ano, dato similar á media estatal, que medrou un 37,8%. Este gasto ascende en Galicia ata case 102 millóns de euros.
O 81,4% das grandes empresas galegas dispoñen de páxina web. A maioría contan con descrición dos seus produtos e servizos (81%), pero tamén destaca o seu uso para publicar ou recibir ofertas e solicitudes de emprego (23,3%) ou facer pedidos e reservas (18,7%).
A maioría das empresas galegas de 10 e máis empregados usan software libre, concretamente o 86,3%. Delas, o 95,5% utiliza navegadores de código aberto, o 75,3% usa aplicacións ofimáticas, e o 51,5% sistemas operativos.
Máis dixitalización nas microempresas
A porcentaxe de empresas de menos de 10 empregados con ordenadores acada o 85%. O 81,3% das microempresas teñen conexión a internet, ao medrar máis dun 16% no último ano. Destas, o 31,2% empregan redes sociais con fins empresariais.
A mellora da dixitalización nas microempresas tamén queda reflectido co aumento da porcentaxe deste tipo de empresas que conta con páxina web. O 35,9% das compañías de menos de 10 traballadores teñen xa páxina propia, o que supera en máis de dous puntos a media estatal (33,2%) e supón un crecemento do 16,7% en dous anos.