A enerxía eléctrica foi a maior fonte de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2022

A actividade deste sector produciu 2,2 megatoneladas de emisións no territorio galego, cun forte impacto da empresa Repsol

As emisións totais de gases de efecto invernadorio (GEI) en España estimadas no ano 2022 foron 294.201,4 quilotoneladas de CO2 equivalente. Este é o dato que achega o Informe de Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e publicado en marzo de 2024. Esta información compleméntase co gráfico elaborado polo investigador Dominic Royé da Fundación para a Investigación do Clima (FIC), que presenta as emisións de gases de efecto invernadoiro de 2022 na península ibérica e Baleares. A imaxe desvela os sectores que máis afectan á emisión destes gases en Galicia, onde a principal causante é a industria enerxética e, concretamente, a eléctrica.

A partir da información achegada por Climate TRACE, Dominic elaborou un mapa de símbolos para coñecer cantos gases de efecto invernadoiro emiten os sectores económicos presentes a nivel peninsular. A pesar de que hai numerosos subsectores que interveñen tamén nesta emisión, no gráfico engadíronse os máis notables: o transporte, a enerxía, a silvicultura e uso do solo, a agricultura, a explotación de combustibles fósiles, a fabricación, os residuos e a extracción de minerais.

Publicidade

O transporte convértese no sector da península que máis gases de efecto invernadoiro emite, con 52,5 megatoneladas (MT), seguido moi de cerca polo sector enerxético, con 44,9 MT. Os residuos (8,2 MT) e a extracción de minerais (0,6 MT) son os sectores que menos GEI xeran.

A elaboración do gráfico

“Os datos forman parte dunha estimación”, aclara o investigador do FIC. Algúns dos datos obtidos están decimados a nivel provincial, e non están todos vinculados a unha cidade concreta. Polo tanto, o gráfico do investigador ofrece “unha visión xeral” da procedencia das emisións de GEI no territorio representado.

Publicidade

Dominic explica que o principal factor a ter en conta para analizar estes datos é o uso do CO2 equivalente como tratamento. “Isto quere dicir que nestas cifras está incluído calquera gas que xere efecto invernadoiro”, incluíndo non só o dióxido de carbono, senón outras substancias como o metano. Coa suma destes datos, lévase a cabo unha conversión á equivalencia en CO2.

A situación de Galicia

No caso de Galicia, apréciase unha notable emisión de GEI procedentes da xeración de enerxía, concretamente eléctrica. Isto é consecuencia da presenza das grandes centrais, que producen altas emisións. A súa actividade baséase na queima constante de petróleo, gas e, en menor medida na actualidade, carbón. Este sector produce 2,2 MT no territorio galego, sendo o que máis emisións xera. Nesta actividade impactan as accións de Repsol, pois soamente esta empresa desprende 1 MT de emisións anuais. A explotación de petróleo e gas tamén produce numerosas cantidades destes gases, concentrados na zona da Coruña.

A enerxía eléctrica vai seguida da agricultura en cantidade de emisións, con 1,5 MT de gases emitidos, e do transporte, que reduce o seu impacto a nivel galego con 1,2 MT. Este último percíbese nas urbes, como Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, mentres as emisións de traballo agrícola concéntranse no interior de Galicia.

Mapa de emisións de gases de efecto invernadoiro da Península Ibérica e Baleares, onde se representan as emisións en funcións dos sectores económicos. Foto: Dominic Royé
Mapa de emisións de gases de efecto invernadoiro da península ibérica e Baleares, onde se representan as emisións en funcións dos sectores económicos. Foto: Dominic Royé

A actividade forestal ten un impacto negativo en emisións de GEI, pois os grandes incendios reducíronse en Galicia no ano 2022 e hai unha gran presenza de sumidoiros de carbono. Estes lumes forestais disparan a emisión destes gases á atmosfera. O caso galego foi contario ao acontenido en Castela e León, onde os grandes círculos que se poden observar no mapa foron causados polos graves incendios sucedidos na Serra da Culebra. Con todo, a actividade dos sumidoiros contrarresta o impacto negativo, pola súa absorción do carbono e a redución da cantidade de CO2 do aire. “Hai unha gran parte de Galicia que é sumidoiro, polo que se sumas todas as emisións, o resultado é negativo: -1,4 MT”, conclúe.

Con todo, outros sectores, aínda que presentes no mapa, teñen uns valores de emisión máis reducidos, como é o caso da fabricación ou da silvicultura. A xeración de GEI pola actividade das fábricas concéntrase fundamentalmente na zona de Finisterre e a costa lucense, mentres o uso do solo ten as súas cotas máis altas na provincia da Coruña, como se pode ver no mapa.

Tras todos os datos analizados e interpretados, o investigador Dominic Royé resume a situación na emisión de gases de efecto invernadoiro nunha frase: “Galicia está lonxe de ser neutral”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. No es muy didáctico el comentario sobre el informe y poco aclaratorio para los que no somos especialistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores