Forte descenso de semente de mexillón nos últimos 12 anos: que ten que ver o vento?

Investigadores e bateeiros das rías galegas buscan solucións ante a tendencia á baixa na poboación de mexilla

O sector do mexillón é un dos principais na economía das Rías Baixas e de boa parte de Galicia. Con todo, o forte descenso de poboación de mexilla, a semente do mexillón, que xa se converteu nunha tendencia nos últimos 12 anos ameaza a forma de vida e sustento de moitas persoas. Por este motivo, tanto bateeiros como persoal investigador de distintas entidades están unindo esforzos para atopar unha solución. Desta unión xorde o estudo que vén de ser aceptado na revista Frontiers e que estará presentando Laura García Peteiro, unha das súas autoras, na IV Asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia que se celebrará este mércores na Cidade da Cultura, en Santiago.

A mexilla supón a base do cultivo do mexillón, sendo máis habitual que se recolla na rocha para, posteriormente, colocala na batea ata que engorde o suficiente como para ser recollida e consumida. Aínda así, García Peteiro, bióloga especializada na investigación de cultivos sustentables de bivalvos no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), sinala que “se ben aínda é o sustento principal, non todos os bateeiros dependen da semente de rocha. Algúns recóllena directamente das cordas colectoras, mais son os que teñen as bateas na parte exterior da ría”. Así, explica, a ría funciona como un filtro, de maneira que a semente que vén de fóra non adoita chegar ata a parte máis interior da mesma.

Publicidade

Con todo, a progresiva diminución da poboación de mexilla fai que sexa moito máis complicado atopar esta semente na rocha, de maneira que xorde unha preocupación tanto pola relevancia socioeconómica deste sector produtivo como polo propio ecosistema. “Estamos vendo que non é algo que aconteza só en Galicia. Este mesmo descenso de fixación ou de chegada de mexilla dáse tamén noutros sitios de Europa así como en América, tanto na costa leste como na oeste. E acontece cos mexillóns, mais tamén con outras especies que son importantes porque son coñecidas por formar hábitats para outras”, explica a investigadora.

Isto é o que leva á comunidade científica a pensar en variables ambientais que poidan favorecer o descenso destas poboacións, especialmente ligadas ao cambio climático. Con todo, o factor que ten máis peso para provocar esta situación aínda está por determinar. Neste sentido, para García Peteiro o máis complexo é “conseguir dar as respostas no tempo no que se necesitan. Ás veces nós precisamos máis tempo do que o sector pode agardar porque ten que resolver problemas inmediatos”.

Publicidade

O vento, un factor clave

Co obxectivo de determinar as tendencias dos últimos 12 anos, os investigadores recolleron e analizaron os datos proporcionados por bateeiros e asociacións onde se reflectían os lugares de recollida da semente de mexillón e a cantidade obtida. Este estudo ademais é unha colaboración entre persoal do IIM-CSIC (Xosé A. Padin, líder da investigación; José M. F. Babarro; Miguel Gilcoto; Trinidad Rellán; Antón Velo; e Laura García Peteiro) co Instituto Español de Oceanografía (Pablo Otero) e coa Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Lino Suárez).

A recollida destes datos permitiu observar unha tendencia de descenso “importante nos últimos anos e unha correlación coa intensidade dos ventos do norte e o afloramento, algo fundamental nas nosas costas”, manifesta García Peteiro. Este afloramento consiste na retirada das augas superficiais da ría, de maneira que a entrada de auga de mar aberto arrastra os nutrientes que están depositados no fondo, activando así a cadea alimentaria e renovando as augas da propia ría. Con todo, é un mecanismo que depende da acción do vento, o encargado de retirar esas augas superficiais. Por outra banda, o vento tamén “inflúe moito á hora de determinar o lugar último de asentamento para as larvas: onde se fixarán e onde se atopará posteriormente a mexilla para ser cultivada na batea. Se o vento sopra maiormente do norte, hai máis recollida nas costas do sur, e viceversa. E isto tamén afecta á cantidade dispoñible”.

Se ben os datos analizados mostraron unha clara diminución de mexilla, o pasado ano rompeu esta tendencia: “Isto reafirma o que estabamos vendo. Este foi un ano peculiar a nivel oceanográfico porque houbo moi pouco vento do norte, polo que houbo menos afloramento, pero máis asentamento de mexilla na costa. Por iso foi un dos anos con máis cantidade recollida e incluso chegamos a ver as rochas das praias negras e cargadas de mexilla, o cal non é tan habitual”, explica a investigadora.

Colaboración estreita

A investigadora salienta o esforzo que realizan para manterse en contacto co sector, chegando incluso a utilizar as súas instalacións, de maneira que tamén poden acceder a información moi valiosa: “É un traballo de colaboración estreita. Intentamos que o que nós obtemos grazas a eles tamén se vexa recompensado, que os bateeiros tamén obteñan unha información que precisan”. Os datos obtidos a partir das enquisas realizadas son os que se presentarán na asemblea e os que permiten inferir que é o que está a acontecer nas rías.

Outra das investigacións nas que está involucrada García Peteiro pretende coñecer a maneira da que se conectan as poboacións entre diferentes rías, incluíndo o mexillón, a ameixa babosa e a ameixa fina: “Queremos pescudar se a semente que se recolle na ría de Muros vén de Vilagarcía ou é do mexillón adulto que está na ría de Muros. Con este obxectivo, incubamos larvas en diferentes lugares e utilizamos técnicas de microabrasión química nas cunchas das larvas. Isto é unha especie de sinal natural que nos permite seguilas dende onde naceron ata o seu destino“. Non obstante, os resultados desta investigación aínda están por concluírse, polo que, para coñecer a resposta a esta incógnita, haberá que agardar a que sexan analizados e presentados.


Referencia: The declining availability of wild mussel seed for aquaculture in a coastal upwelling system (Aceptado na revista Frontiers)

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

MytUniSex impulsa as liñas unisex que marcarán o futuro do mexillón galego

O proxecto da Universidade de Vigo, beneficiario do programa Ignicia da Xunta, permite producir semente en laboratorio e escoller exemplares máis atractivos para o mercado a través da selección xenética natural

O cambio climático leva a produción de mexillóns a niveis “nunca vistos”

Un estudo do CSIC advirte da situación "ameazante" para o sector por factores como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e cambios nos patróns de afloramento

Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

Un novo adhesivo inspirado nos mexillóns ten potenciais aplicacións sanitarias

O obxectivo dun equipo do CSIC é poder empregalo como pegamento cirúrxico, en substitución de procedementos de sutura máis invasivos