Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera o proxecto MytSeed, unha iniciativa de investigación estratéxica para garantir a sostibilidade da acuicultura do mexillón, un sector de gran relevancia en Galicia. A finalidade é desenvolver métodos innovadores para a produción de semente de mexillón en criadeiro, unha alternativa fronte á escaseza de semente silvestre rexistrada nos últimos anos, agravada polos efectos do cambio climático. Ademais, MytSeed afondará no coñecemento dos factores que inflúen na súa fixación e crecemento nas bateas.

A limitada dispoñibilidade de mexilla supón unha ameaza para a estabilidade da produción e para a competitividade dun sector esencial para a economía e o emprego nas zonas costeiras de Galicia. Tanto é así que a comunidade galega é responsable de preto da metade da produción de mexillón da Unión Europea. Para dar resposta a este desafío, MytSeed adopta un enfoque interdisciplinar que integra xenética, bioloxía, oceanografía e física, combinando ferramentas de mellora xenética coa análise das condicións ambientais nas bateas.

Publicidade

O proxecto exemplifica a colaboración transversal entre distintos grupos e áreas do CIM, coa coordinación de Moncho Gesteira, do grupo Ephyslab, e Ángel Pérez Diz, do grupo XB2, como investigadores principais, e coa participación de Paloma Morán e Juan Pasantes, ambos do grupo XB2.

Mellora xenética para unha acuicultura máis eficiente e resiliente

Un dos eixes centrais do proxecto é o desenvolvemento de programas de mellora xenética centrados en caracteres de alto valor comercial e produtivo, como a supervivencia, o crecemento, a cor da carne e a forza do biso, o que se coñece popularmente como as barbas do mexillón. A través de estudos de herdabilidade e análises xenómicas a grande escala, o equipo investigador traballará na identificación de marcadores xenéticos asociados a estes caracteres, co obxectivo de producir semente mellorada en criadeiro que poida ser cultivada posteriormente no medio natural. “A produción de liñas de mexillón xeneticamente seleccionadas permitirá aumentar o rendemento e garantir caracteres máis homoxéneos que respondan ás demandas do mercado, simplificando as prácticas de cultivo”, explica Ángel Pérez Diz.

Publicidade

Métodos máis sostibles

O proxecto tamén afondará no coñecemento dos factores ambientais que inflúen na captación de semente silvestre, especialmente a través dos sistemas tradicionais de cordas colectoras empregados nas bateas galegas. O estudo da fixación, o desprendemento, o crecemento e a calidade da semente permitirá avanzar cara a un equilibrio máis sostible entre a produción acuícola e a conservación dos ecosistemas mariños. Neste contexto, MytSeed contribuirá a reducir o impacto de métodos alternativos de captación de semente, como o raspado de superficies rochosas en zonas intermareais, unha práctica que pode alterar os ecosistemas locais.

Ademais, avaliarase se a semente de mexillón producida en criadeiro mediante mellora xenética é capaz de crecer con éxito no medio natural mantendo as características desexadas. “O obxectivo é garantir que estes exemplares conserven os seus fenotipos sen verse afectados pola mestura ou ‘contaminación’ con semente non seleccionada ou silvestre, un aspecto primordial tendo en conta o elevado investimento que require a acuicultura en instalacións pechadas”, detalla Pérez Diz.

  • Experimento para forzar desove dos mexillóns. Imaxe: Universidade de Vigo
  • Viandas de mexillóns femia e macho. Imaxe: Universidade de Vigo
  • Mexillóns criados en cautividade. Imaxe: Universidade de Vigo

Estudos coa batea experimental monitorizada

O proxecto incorpora tamén ferramentas avanzadas de modelado hidrodinámico para simular a dinámica das bateas e analizar como variables como o fluxo de auga, a temperatura, a salinidade ou a dispoñibilidade de alimento inflúen no crecemento e na supervivencia dos mexillóns. Estes estudos realízanse en condicións reais de cultivo, empregando a batea experimental monitorizada do CIM.

“A análise conxunta dos factores xenéticos e ambientais permitirá avaliar a estabilidade dos caracteres mellorados e optimizar tanto a fixación da semente como o rendemento final do cultivo. Ademais, facilitará a adaptación ao mexillón de metodoloxías xa consolidadas noutras especies de bivalvos, como ameixas e ostras, mellorando a xestión do cultivo e a eficiencia produtiva”, explica o investigador da UVigo.

Impacto social e económico e unha futura spin-off

Dende o punto de vista económico, o desenvolvemento dunha produción de semente fiable, escalable e adaptada ás necesidades do sector permitirá estabilizar a produción, reducir custos e mellorar a competitividade da acuicultura do mexillón. A produción de semente de alta calidade e homoxénea en criadeiro facilitará unha xestión máis previsible e eficiente dos cultivos, reducindo perdas, tempos de clasificación e xeración de residuos e beneficiando tanto os produtores como as industrias asociadas, como a conserveira.

No ámbito social, o proxecto reforza a resiliencia do sector fronte ao cambio climático, contribúe á seguridade alimentaria e xera novas oportunidades de emprego nas zonas costeiras. Ao garantir cadeas de subministración máis estables, MytSeed ofrece un modelo viable e sostible para o futuro da acuicultura do mexillón, un sector no que España lidera a produción a nivel europeo.

Finalmente, os resultados científicos e tecnolóxicos do proxecto sentarán as bases para o impulso dunha spin-off, actualmente en fase de constitución, dedicada á produción de semente de mexillón en criadeiro, co obxectivo de transferir o coñecemento xerado ao tecido produtivo e ofrecer solucións reais e aplicables á industria acuícola.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona