A auga leva miles de millóns de anos sendo o medio no que evolucionou a vida. Nela apareceron o ADN, as proteínas e o resto das biomoléculas que fan posible o funcionamento dos seres vivos. Pero, e se puidesen funcionar tamén noutro medio? Esa é a pregunta que guía a investigación de Adrián Sánchez Fernández, investigador do CiQUS da USC, recoñecido co Premio María Miguel 2026 da European Colloid and Interface Society (ECIS).
Ata agora, a maior parte da bioquímica estudou o comportamento das biomoléculas en auga. A investigación que lidera Adrián Sánchez no CiQUS cuestiona esa idea ao explorar que sucede cando proteínas, ácidos nucleicos e outras moléculas biolóxicas se trasladan a un medio completamente diferente. A resposta pasa polos chamados disolventes eutécticos, unha familia de líquidos que se obtén ao mesturar dous compostos sólidos. Segundo explica o investigador, as interaccións moleculares que se producen entre ambos aumentan a desorde do sistema ata o punto de que a mestura “permanece líquida a temperatura ambiente” e pode empregarse como disolvente.
O que realmente distingue estes sistemas é a súa capacidade para influír directamente nas moléculas que conteñen. Sánchez Fernández explica que, mentres a auga actúa como un medio no que estas desenvolven a súa función, nos eutécticos “o disolvente xoga un papel activo no comportamento e na función desa molécula”. As súas propiedades poden modificarse cambiando os compostos empregados para preparalo e, con elas, tamén cambia a forma na que interactúa con proteínas, ácidos nucleicos ou outros sistemas moleculares. “Ese cambio de paradigma para min é o máis interesante da ciencia que facemos”, afirma, xa que o disolvente “non é simplemente un medio onde estas moléculas están aí e fan o que queren”, senón un elemento que condiciona directamente a súa actividade.
Explorar a vida fóra do medio acuoso
A principal liña de investigación do grupo DEScaffold consiste en comprender que sucede cando as biomoléculas se afastan do medio no que evolucionaron. “A ciencia que facemos é moi de carácter fundamental”, explica Sánchez Fernández. “O que intentamos é entender que pasa a nivel molecular, as interaccións que ocorren e como logo iso define o comportamento do sistema”, engade. O investigador parte da idea de que comprender estes mecanismos básicos permitirá explicar procesos máis complexos e, no futuro, desenvolver novas aplicacións.
“A nivel biolóxico, todas estas biomoléculas evolucionaron para desenvolver unha función nun medio acuoso e, de repente, o que nós estamos facendo é sacar estas biomoléculas dese ambiente nativo”, resume. Unha vez nese novo medio, o equipo analiza como cambian as súas interaccións, a súa estabilidade e as funcións que poden desempeñar. “O disolvente vai ser un patrón que lle vai dicir á biomolécula que debe facer e como se debe comportar”, sinala. A partir deste coñecemento, o grupo desenvolve distintas liñas de traballo, dende biomateriais como xeles baseados en proteínas ata o estudo da actividade catalítica destas moléculas ou a estabilización de ácidos nucleicos fóra dos sistemas acuosos convencionais.
Comprender hoxe para aplicar mañá
Aínda que algunhas das aplicacións que se perfilan resultan prometedoras, Sánchez Fernández insiste en que o obxectivo inmediato do seu grupo non é desenvolver un produto, senón comprender os mecanismos que rexen estes sistemas. Ese coñecemento básico xa está a servir de base para que outros equipos exploren desenvolvementos con maior vocación aplicada. “Agora, cada vez máis, empezo a ler artigos de xente que traballa nun campo relacionado co meu e vexo que referencian as nosas investigacións”, explica. Entre esas aplicacións figuran, por exemplo, biomateriais con potencial uso farmacéutico, como parches con capacidade antibiótica.
O equipo do CiQUS tamén participa en proxectos con vistas a futuras aplicacións biomédicas. Unha das liñas que explora consiste en aumentar a estabilidade dos ácidos nucleicos mediante disolventes eutécticos. “Se nós podemos levar a cabo a formulación dun ácido nucleico nestes sistemas e aumentar a súa estabilidade, igual non necesitamos conxeladores a -80ºC para a distribución de vacinas”, apunta o investigador, o que permitiría superar unha das principais limitacións loxísticas destes tratamentos. Con todo, advirte de que ese escenario aínda require moito traballo previo: antes de chegar á tecnoloxía, é necesario comprender con precisión como responden estas moléculas nestes novos medios.
O potencial ambiental dos disolventes eutécticos
Os disolventes eutécticos adoitan presentarse como unha alternativa máis sostible aos convencionais empregados na industria química. Con todo, Sánchez Fernández introduce un matiz importante. “Non hai nada máis sostible ca a auga”, afirma. Por iso, considera que estes sistemas non deben entenderse como un substituto universal, senón como unha opción para aqueles procesos nos que actualmente se empregan disolventes orgánicos derivados da petroquímica, moito máis nocivos para o medio ambiente.
Aínda que a sostibilidade non constitúe o eixo principal da súa investigación, o científico destaca que estes disolventes poden prepararse a partir de compostos bioderivados, como aminoácidos, alcois ou azucres, e presentan ademais unha elevada estabilidade química, o que facilita a súa recuperación e reutilización. De feito, xa se estudan en ámbitos como a extracción de contaminantes de augas residuais, a recuperación de metais pesados ou de determinados fármacos. No propio laboratorio, engade, esa preocupación tamén se traslada ao día a día: “Estamos intentando implantar un comportamento máis sostible en todas as actividades: non só na ciencia que facemos, senón tamén en como decidimos viaxar, en como imos reciclar ou que podemos reutilizar”.
Un premio para todo un equipo
Aínda que o Premio María Miguel 2026 leva o seu nome, Adrián Sánchez insiste en que o recoñecemento vai moito máis alá da súa traxectoria individual. “Ao fin e ao cabo este é un recoñecemento ao labor do meu grupo de investigación e de toda a xente que traballa comigo”, afirma. Para un equipo novo como o que lidera no CiQUS, considera que o galardón supón tamén “un puntiño extra de visibilidade a nivel internacional” que lles permitirá competir en mellores condicións con outros grupos europeos. O investigador atribúe boa parte do seu percorrido ao ambiente no que se formou, dende as etapas no Reino Unido e Suecia ata a súa incorporación á USC. “A independencia non é simplemente inherente a min”, reflexiona. “Tamén hai que estar no contexto adecuado, e eu tiven a sorte de estar”, engade.
Esa mesma filosofía é a que procura trasladar agora ao seu propio grupo de investigación. Máis aló dos avances científicos, un dos seus obxectivos é crear un ambiente no que os investigadores máis novos poidan desenvolver as súas propias ideas e medrar profesionalmente. “Espero que a xente que traballa comigo teña capacidade de crecer e de progresar, e que o día de mañá sexan mellores ca min”, asegura. Para Sánchez Fernández, o éxito científico é inseparable do factor humano e dunha infraestrutura como a que ofrece o CiQUS, onde destaca tanto o equipamento punteiro como a colaboración entre investigadores. “Son unha das persoas con máis sorte do mundo, porque un dos meus hobbies é o meu traballo. Ás veces é duro, por suposto, pero cando é algo que disfrutas sempre se fai máis levadío”, conclúe.














