Un estudo con participación galega atopa proteínas relacionadas co alzhéimer en cetáceos

A investigación determina que a proteína AT100 asociada a doenzas neurodexenerativas indica envellecemento natural e dano neuronal agudo

Un grupo de investigación da Universidade Alfonso X El Sabio, coa participación da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), publica un estudo no que se analiza o papel da proteína TAU-fosforilada (AT100) —que se relaciona coa aparición de enfermidades neurodexenerativas en humanos— no envellecemento cerebral dos cetáceos. Este estudo, liderado por Fernando Vásquez e Belén Alonso-Escamillo, tamén analiza a súa distribución en neuronas en distintas áreas cerebrais, como a córtex frontal (parte máis superficial do cerebro) e o cerebelo (parte posterior do encéfalo).

Os resultados amosaron que a proporción de neuronas con AT100 aumenta progresivamente coa idade en ambas áreas, sendo maior nos individuos adultos que en subadultos, e nestes maior que en xuvenís. A investigación non detectou diferenzas asociadas ao sexo, mais si observou unha forte correlación entre os niveis de AT100 en córtex frontal e cerebelo, o que suxire un mecanismo de regulación sistémico e coordinado.

Publicidade

En canto a esta relación, atópase en maior medida nas células granulares (neuronas máis pequenas e abundantes do encéfalo humano, situadas no cerebelo e hipocampo, con papel no procesamento sensorial, control motor e memoria) que nas neuronas de Purkinje (células máis grandes e complexas situadas no córtex cerebelar, con papel de integración deste órgano, procesamento da información sensorial e motora nos movementos suaves, precisos e coordinados).

Vista do cerebro dun golfiño común, tras realizar a necropsia a Rede de Varamentos de Galicia. Imaxe: CEMMA
Vista do cerebro dun golfiño común, tras realizar a necropsia a Rede de Varamentos de Galicia. Imaxe: CEMMA

Unha proteína que indica a saúde neuronal

O estudo resalta que tamén se identificaron niveis elevados de AT100 nun individuo subadulto con necrose cerebral, o que podería indicar que esta proteína participa tanto en procesos normais de envellecemento como ser tamén un marcador sensible de dano neuronal agudo, o que resaltaría o potencial da dobre utilidade que ten a súa análise.

Publicidade

A investigación conclúe coa proposta de que a translocación de AT100 cara ao núcleo celular tería unha función neuroprotectora, actuando como un mecanismo para preservar a integridade do ADN fronte ao estrés oxidativo e a hipoxia intermitente asociados ao mergullo dos cetáceos.

Trátase dun estudo preliminar cun tamaño mostral pequeno (contou co seguemento de 12 individuos), que continúa en marcha grazas á recollida de mostras biolóxicas por parte da Rede de Varamentos de Galicia. Deste xeito, establece un punto de partida que se verá aumentado e mellorado no estudo do envellecemento cerebral e a protección neurolóxica en mamíferos mariños.


Referencia: Regional and Cellular Distribution of Nuclear Phosphorylated Tau (AT100) in the Frontal Cortex and Cerebellum of Cetaceans (Publicado en MDPI)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

Investigadores galegos desvelan o papel clave do xene TRIP12 en doenzas raras do neurodesenvolvemento

O estudo liderado dende a USC sitúa o peixe cebra como a clave para comprender os mecanismos biolóxicos que orixinan algúns trastornos

As candorcas volven ás costas galegas: rexístrase un avistamento nas Rías Baixas

A CEMMA confirma que os cetáceos xa se atopan de camiño ao norte de Galicia e agardan a chegada doutros dous grupo que veñen dende Portugal