Galicia é unha área de intensa interacción con cetáceos, incluídas especies de augas profundas que adoitan habitar lonxe da costa e pasan boa parte da súa vida somerxidas. É o caso do cachalote (Physeter macrocephalus), o zifio de Cuvier (Ziphius cavirostris) ou o brancón (Grampus griseus). Porén, estas especies enfróntanse a un factor que compromete a súa supervivencia: o macrolixo mariño. Un estudo que analiza a costa centro-norte de Portugal e o norte de España, coa participación da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), revela que os cetáceos de mergullo profundo inxeriron macrobasura no 45,6% dos casos, é dicir, en case a metade dos exemplares analizados, con consecuencias tanto subletais como letais —57,7% e 26,9%, respectivamente—.
Os materiais máis detectados nos seus estómagos foron plásticos e aparellos de pesca, presentes nun 88,5% dos casos. Ademais, o estudo documenta achados singulares, como luvas de coiro nun exemplar varado en Cariño (A Coruña) ou arames metálicos noutro rexistrado en Arteixo (A Coruña). Segundo sinalan os autores, trátase da única avaliación exhaustiva da inxesta de macrolixo mariño en cetáceos de augas profundas varados nesta área.
“En xeral, os cetáceos presentan unha baixa incidencia no consumo de macroplásticos, pero nalgunhas especies de grandes mergulladores a súa presenza é elevada”, explica o biólogo Alfredo López, membro da CEMMA. Neste sentido, ata o 70% dos zifios (Ziphiidae) e cachalotes (Physeteridae) analizados presentan unha notable presenza destes materiais, malia que se observa unha tendencia á baixa. Estes grandes mergulladores non son tan frecuentes nas augas galegas como os pequenos golfiños, pero tamén están presentes, o que explica que Galicia constitúa un dos focos principais desta investigación transnacional.
Por que comen plásticos?
Cachalotes e zifios aliméntanse habitualmente en augas moi profundas, polo que existen varias hipóteses que explican como chegan a consumir estes residuos. “Unha das ideas que manexamos é que todo o que atopan nas grandes profundidades o interpretan como alimento”, sinala Alfredo López. Isto suxire que o macrolixo pode estar presente a máis de mil metros de profundidade.
Outra posibilidade apunta a unha “deficiencia na percepción sensorial”, tal e como explica o técnico da CEMMA. En moitos casos, estes animais non son capaces de identificar correctamente os obxectos que atopan e acaban asumindo que son alimento. “Se se trata de fragmentos pequenos, poden atravesar o sistema dixestivo; pero cando teñen certo tamaño, poden danar as paredes do estómago ou mesmo provocar obstrucións”, advirte.
Así, non só inflúe o tamaño dos residuos, senón tamén o seu material. Un plástico do tamaño dun folio non terá o mesmo impacto se é flexible ca se é ríxido. No primeiro caso, pode dobrarse, avanzar polo sistema dixestivo e ser expulsado; no segundo, “as arestas poden perforar as paredes do estómago e causar lesións”, sinala López.
Galicia no mapa
Galicia é un dos territorios incluídos nesta investigación e representa unha posición intermedia. Mentres nas zonas continentais a diversidade de cetáceos é menor e nas illas oceánicas é maior, a comunidade galega sitúase nun punto medio: non acada os niveis das illas, pero si presenta unha maior presenza de especies ca as áreas continentais. “Todo depende da nosa elevada riqueza biolóxica”, explica o biólogo Alfredo López. Algúns cetáceos aliméntanse de peixes, outros de cefalópodos, e ambos os recursos son abundantes na costa galega. Porén, esta mesma zona tamén recibe unha notable cantidade de residuos mariños. “Chega lixo de todo o Atlántico, incluso de hai vinte ou trinta anos”, sinala.

O cachalote como marcador
Segundo a lexislación europea, o cachalote considérase unha especie indicadora dos niveis de lixo mariño debido á súa catalogación como especie vulnerable. Neste contexto, a mortalidade asociada ao macrolixo acada unha incidencia do 40% segundo os datos desta investigación.
O seguimento destes animais resulta clave, xa que os grandes cetáceos desempeñan un papel fundamental nas dinámicas tróficas, no ciclo de nutrientes e mesmo no almacenamento de carbono. A isto engádense as súas baixas taxas reprodutivas —con xestacións longas e madurez tardía— xunto co número de individuos afectados pola inxesta de plásticos. Tal e como sinala o estudo, esta combinación de factores pode provocar un descenso progresivo das poboacións co paso do tempo.
“É urxente deixar de consumir plásticos”
“Non observamos variacións ao longo do tempo no impacto do lixo mariño nos cetáceos, aínda que ao analizar por grupos aparecen porcentaxes máis elevadas”, indica o biólogo Alfredo López. Neste sentido, explica que nas costas galegas adoitan ser un ou dous os exemplares nos que se detecta presenza de plásticos no estómago. Malia tratarse de cifras aparentemente baixas, insiste na necesidade de actuar: “Hai que deixar de consumir plásticos”, proclama.
O estudo establece unha base de referencia para o seguimento dos obxectivos internacionais de conservación, como a Axenda 2030 e a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea para 2030, especialmente no relativo ao Obxectivo 14: conservar e utilizar de maneira sostible os océanos, os mares e os recursos mariños.
Con todo, López tamén introduce unha visión realista: superado xa un posible punto de non retorno, mesmo se se detivese hoxe o consumo destes materiais, os seus efectos persistirían durante décadas. “Dentro de centos de anos, os zifios seguirían aparecendo con plásticos no estómago cunha frecuencia semellante”, advirte.
Referencia: Marine macrolitter ingestion by deep-diving cetaceans stranded in the northwestern Iberian Peninsula (Publicado en Marine Pollution Bulletin)



















Más que “Hai que deixar de consumir plásticos”, “Hai que deixar de producilos”. Está bien promover el consumo responsable, pero es más efectivo cortar el problema de raíz. También habría que centrar los esfuerzos en el sector que más residuos plásticos genera, que como bien mencionais, es la pesca.