Nos últimos días fíxose noticia o avistamento de candorcas (Orcinus orca) no interior da ría de Pontevedra. Un fenómeno que, máis aló de facer reflexionar sobre os motivos para este cambio de comportamento, leva consigo unha advertencia: a de manterse lonxe delas. Malia estar prohibida calquera conduta que poida molestar os cetáceos, non son poucas as embarcacións que se dedican a perseguir a estes animais; neste caso, apúntase a varios barcos que puideron seguir os oito exemplares que entraron na ría.
Porén, ata hai ben pouco, a persecución de cetáceos era unha práctica non tan extraordinaria. Máis aló da industria baleeira que durante centos de anos sobreviviu nas costas galegas, outros animais foron obxecto deste acoso. Entre eles están os arroaces (Tursiops truncatus). Acusados de afastar a pesca, as recomendacións de darlle caza remóntanse séculos atrás, ata o punto de que durante varios anos, no século XIX, se celebraron “corridas” para atrapalos durante as festas da Peregrina de Pontevedra.
Arroaces vs pescadores: séculos de diferencias
A mala relación entre estes cetáceos e a xente do mar vén de antigo, pero non sempre foi así, como se analiza na investigación de Felipe Valdés Hansen, publicada en 2004 na revista Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Varios rexistros recollen, desde o século XIII ata o XVII, a captura de touliñas ou delfín común (Delphinus delphis), e instrucións para o seu consumo, así como o do arroaz, o que apunta a unha captura, cando a había, con fins alimenticios.
É desde este século XVII cando nas fontes documentais comeza a verse ese certo odio contra o arroaz, algo que o investigador relaciona co incremento da actividade pesqueira e o emprego de grandes artes de pesca. Xa non se quere capturar para o consumo, senón para facelo desaparecer das costas e, con el, os danos que causaba. Aquí xa comezan os ruxeruxe contra a especie: non só rompen os aparellos, tamén acaban co peixe, esquilmándoo ou espantándoo, lonxe das redes dos pescadores. Unha sona que acompañará os arroaces ata hoxe en día.
Para Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), “a persecución dos arroaces é semellante á persecución do lobo en terra. Son animais que compiten polos recursos”, sinala, “aí está a orixe desa situación. O que pasa é que despois son utilizados como cabeza de turco”. No caso do Tursiops truncatus, “proxectan sobre eles eses problemas que había: a sobrepesca e unha redución drástica de recursos porque non se pescaba tanto como antes e atribuíanselles a culpa desa situación”. Conclúe: “É moi fácil utilizalos como cabeza de turco e verter sobre eles ese odio máis visceral”. Isto verase nas seguintes décadas.
Frei Martín Sarmiento entra na polémica
Entre as testemuñas que chaman á persecución do arroaz destaca no século XVIII unha das principais voces da Ilustración en Galicia: Frei Martín Sarmiento. O considerado como primeiro naturalista galego escribiu varias cartas ao seu irmán e ministro da Mariña en Pontevedra, Francisco Javier Sarmiento, quen restablecera o cerco na ría en 1749. Nelas recomendaba a matanza sistemática destes cetáceos, cercándoos cunha rede e acometéndoos “con francadas, dardos, arpóns, escopetas, lanzas etc”.
Nos textos, o pai Sarmiento recoñece que a práctica pode non ter boa acollida entre a comunidade mariñeira. O motivo deste rexeitamento, segundo o investigador, era que se pensaba que o sangue do arroaz facía fuxir a sardiña da costa. Pese a isto, fixéronse xa varias batidas, que comenta o propio ilustrado nos seus escritos. Neles, ademais, chamaba o seu irmán a comprobar a veracidade da crenza da época de que os arroaces estaban cegos durante os meses de maio e xuño, algo que lles habería de servir, dicía, para a aniquilación dos animais.
As matanzas como actividade festiva
Aínda que non se citan fontes documentais que fagan seguimento do éxito das prácticas, o feito é que nas décadas seguintes debeuse de popularizar ou, canda menos, normalizar. Así se explicaría que, de ser unha práctica puramente pesqueira, tomase un cariz festivo. Porque a mediados do século XIX atópanse as primeiras referencias ás “corridas” de arroaces, que se celebraban durante as festas da Peregrina en Pontevedra.
“En realidade é moi posible que esa actividade estivese moi estendida ao longo da costa”, sinala López. “Non se mataban simplemente. Facían, digamos, unha representación pública onde cercaban os animais, e dábanlles con gaivotas atadas aos arpóns…”, repasa. No artigo, o autor conta como “os pescadores acosaban as manadas de arroaces remontando a ría e á altura do barrio pesqueiro da Moureira —na orilla das Corbaceiras—, estendían unha rede de esparto ata a outra ribeira —a de Poio—, cortando a retirada dos cetáceos na súa volta ao mar. Unha vez aí eran acosados —cando non tiroteados e apedrados”. A práctica era seguida desde a ribeira polo público. Felipe Valdés sinala como este carácter lúdico tiña tamén unha finalidade económica “moi clara”: a redución sistemática dos grupos de arroaces, así como o aproveitamento da graxa dos animais.
Este tipo de “celebracións” foron deixando de facerse ao ir desaparecendo os cetáceos das augas da ría “e, sobre todo, porque os pescadores non se mostraban moi propicios a repetilo”, cita o artigo. Noutras partes do mundo mantéñense hoxe en día prácticas que lembran a esta: a caza anual de golfiños en Taiji, Xapón, ou nas illas Feroe.
Cambios nas persecucións
Ao longo do século XIX e no XX mantívose a mala sona do arroaz entre o sector da pesca. Por exemplo, en 1879, a Sociedade Económica Amigos do País da Cidade de Santiago fixo un estudo pedindo ao goberno central que se encargase da súa persecución, ao entender que os estragos que ocasionaba nos aparellos eran o principal motivo polo que a industria de salgadura nas rías de Muros e Arousa entrara en decadencia. Nos seguintes anos foron frecuentes os desacordos entre a administración central e as locais no control destes animais.
En 1923 propuxéronse batidas da Armada para a súa persecución, que empregarían para isto metralladoras e outras armas similares, unha idea que se realizaría nas seguintes décadas: na ría de Ares foron habituais durante os anos 30 e 40 as batidas en lanchas da Comandancia, con tripulantes armados con rifles ou escopetas. Porén, o estudo insiste que se trata de campañas puntuais, no referente ás corridas, ou ineficaces, no caso destas últimas. Posteriormente houbo propostas para explotar a nivel industrial os cetáceos, esencialmente na comercialización do aceite, pero non acabou de consensuarse.
Un odio que nunca foi xeneralizado
Pese a estas iniciativas, López sostén que este suposto odio dos pescadores aos arroaces nunca foi xeneralizado. “Antes non había sónares, non había radares nin nada diso. Entón os pescadores tiñan que utilizar o que vían para orientarse. É dicir: como localizaban o banco de sardiñas? Pois buscando os arroaces”. Tampouco hoxe en día. “Encontras un 10% ou 15% de persoas cun odio visceral, que son as que máis alto falan no bar”, retoma, “pero a nós nunca nos negou un mariñeiro un barco para un rescate”. López apunta á necesidade de informar sobre a situación dos arroaces, dos cambios no ecosistema e dos efectos de factores como o tráfico marítimo nos cetáceos, para paliar esa posible mala fama.
Referencia: El problema pesquero con los delfines y su persecución en Galicia (siglos XIII al XX) (Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos)