Así se verá en Galicia a eclipse parcial de lúa nesta madrugada

O fenómeno coincide co satélite na súa fase chea e moi próximo ao perixeo, o cal deixará unha influencia moi notable nas mareas

Estamos de sorte. Na madrugada do 17 ao 18 de setembro, e coincidindo cunha lúa chea que se atopa preto no seu punto máis próximo á Terra, coñecido como perixeo, poderemos gozar dunha sutil eclipse parcial do noso satélite. O feito de que coincida neste punto axuda: a Lúa verase un 15% máis grande e ata un 30% máis brillante que cando se atopa no seu punto máis afastado. Unhas diferencias, segundo os expertos, non moi perceptibles a simple vista. O espectáculo será visible dende Galicia mais, iso si: haberá que madrugar moito ou non durmir, xa que a eclipse comezará ás 04:13 e durará pouco máis dunha hora.

Escurecer a luz da noite

As eclipses de Lúa acontecen cando o noso planeta non deixa que a luz do Sol chegue ata o satélite, o cal xera unha sombra escura na superficie da Lúa. Estes fenómenos sempre acontecen coa Lúa chega xa que prodúcense cando o satélite está no lado oposto da Terra dende o Sol. O bo é que estes fenómenos astronómicos son visibles dende calquera parte do mundo onde sexa noite. Nesta ocasión, a eclipse escurecerá arredor do 8% do diámetro da superficie da Lúa, “o cal nos deixa unha eclipse non moi chamativa”, explica o Presidente da Fundación FC3 e membro do Observatorio de Forcarei Enrique Alonso.

Publicidade

Unha eclipse parcial pode ser moi sutil e difícil de apreciar. Con todo, en Galicia as previsións meteorolóxicas prognostican ceos descubertos para a madrugada do 17 ao 18 de setembro na meirande parte do territorio. Para poder gozar de calquera eclipse hai varias claves a ter en conta: deberás procurar ir a un lugar sen contaminación luminosa e, se é posible, elevado. Non precisas dun telescopio ou duns prismáticos, pero tamén poden axudar. Tamén é recomendable habituar a vista á escuridade, para o cal chegar un pouco antes pode ser unha boa opción.

Distintos tipos de eclipse. Foto: Observatorio Astronómico Nacional.

O mellor momento

Ás 04.44 horas da madrugada a eclipse acadará o seu máximo nas catro provincias galegas: é o mellor momento para apreciar a sombra na Lúa na parte superior dereita. As nubes non serán un problema, agás na mariña lucense: “A parte boa desta eclipse e que acontecerá a unhas horas nas que a Lúa xa se atopa moi visible, xa que non está saíndo pola liña do horizonte nin desaparecendo”, resume Alonso.

Publicidade

Quen teña a sorte de gozar do evento podería chegar a albiscar tons avermellados e escuros no noso satélite: é o resultado da dispersión dos raios do Sol a través da atmosfera da Terra, que se proxectan finalmente sobre a superficie da Lúa. Con todo, explica o Presidente de FC3, a influencia desta Lúa terá máis importancia nas mareas que na eclipse desta madrugada “debido ao aliñamento do Sol, a Terra e a Lúa e á proximidade do satélite ao noso planeta nesta época tan próxima ao perixeo”.

Cada ano prodúcense arredor de 4 a 7 eclipses, se temos en conta as de Sol e as de Lúa. Porén, este ano andoufrouxo: no 2024 tan só gozaremos de 4 eventos deste tipo.

Evolución do eclipse parcial desta madrugada, na provincia de Lugo. Foto: Observatorio Astronómico Nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire polar provocará un descenso brusco das temperaturas dende o martes en Galicia

O descenso térmico irá acompañado de vento de mar no litoral da Coruña, onde se ditamina a alerta amarela

As cinco lendas galegas máis arrepiantes para pasar medo na noite de Samaín

A Santa Compaña, o Can do Urco e o Sacaúntos son algunhas das historias de medo máis coñecidas da tradición oral

Do contedor a unha segunda vida: en que se transforma o que reciclamos?

O papel, o vidro, o plástico e a materia orgánica poden converterse en novos produtos, reducir o consumo de recursos e xerar aforro económico e ambiental

Como loitar contra o mosquito tigre en cemiterios: estas son as recomendacións principais

As macetas, os elementos florais e outros recipientes propicios a acumular auga vólveno un dos lugares predilectos de cría do insecto