As cinco lendas galegas máis arrepiantes para pasar medo na noite de Samaín

A Santa Compaña, o Can do Urco e o Sacaúntos son algunhas das historias de medo máis coñecidas da tradición oral

O Samaín —ou Samhain— é unha antiga festividade celta que significa “a fin do verán” e celébrase do 31 de outubro ao 1 de novembro. Coincide coa metade máis escura do ano e co que os anglosaxóns chaman Halloween, unha noite na que os sustos e os disfraces de terror están permitidos. O que moitos non saben, sobre todo no outro lado do charco, é que a súa orixe está nesta tradición celta: durante este día, pensábase que os mortos podían regresar ao mundo dos vivos, pero só na noite previa ao Día de Todos os Santos. De aí provén toda a tradición oral que existe en Galicia arredor de personaxes, localizacións e lendas cheas de misterio que poden provocar auténticos pesadelos. Estas son algunhas das máis famosas, perfectas para contar á luz das velas en Samaín.

A Santa Compaña

Unha das historias de terror máis coñecidas de Galicia é a Santa Compaña, unha reunión de ánimas do Purgatorio que vagan toda a noite sen rumbo, en procesión. Á cabeza das dúas filas de ánimas camiña unha persoa viva, cunha cruz e un caldeiro de auga bendita que non pode, baixo ningún concepto, virar a súa cabeza cara atrás. Conta a lenda que a persoa suxeita á maldición non lembra nada ao día seguinte e que se caracteriza pola extrema delgadez e palidez. Con todo, cada noite desfila xunto á Santa Compaña, ata debilitar a súa saúde por completo, enfermar e morrer, ou ata que outro incauto sexa sorprendido e se libere.

Publicidade

Detrás, cada difunto leva a súa luz, pero non se lles ve: sábese que están polo cheiro a cera e o vento que se levanta ao seu paso. Camiñan emitindo oracións e cánticos fúnebres, e tocando unha pequena campá: cando pasan, cesa o ruído dos animais e só se pode escoitar o son dos instrumentos. Segundo Elisardo Becoña Iglesias, “tan só certos dotados posúen a facultade de vela”.

Pero, como liberarse da maldición da Santa Compaña? Debe debuxarse un círculo no chan e entrar nel ou, pola contra, deitarse boca abaixo. Outra opción é levar unha cruz, orar sen escoitar os cánticos ou, en última instancia, saír correndo.

Publicidade

As lavandeiras

Outra das lendas mitolóxicas máis terroríficas son as lavandeiras: anciás moi enrrugadas que a tradición popular localiza en ríos, lavadoiros e fontes, onde traballan cun xesto hipnótico e incansable. Poden avistarse en noites de lúa chea ou nova limpando sabas manchadas de sangue que nunca desaparece. Pero, como actúan? Estas mulleres invitan a quen pasa polo seu carón a axudarlles a retorcer a súa roupa mollada. Se alguén se nega por medo ou falta de solidariedade, ese xesto pode causar a súa morte; con todo, de aceptar, hai que ter coidado de non facelo no mesmo sentido que elas.

‘Las lavanderas de la noche’, cadro do pintor Yan’ Dargent. Foto: Wikimedia Commons
‘Las lavanderas de la noche’, cadro do pintor Yan’ Dargent. Foto: Wikimedia Commons

A lenda da Ponte do Demo

A comarca do Deza garda un pacto co Demo nunha das pontes centenarias que atravesa o río, preto do mosteiro de Carboeiro. Os monxes sufrían continuas crecidas que sempre destruían as pontes e, desesperados por construír unha estrutura que soportara a forza das augas, decidiron recorrer ao Demo. Un deles, coñecido como Irmán Ramón, encargouse de negociar con el: accedeu a construír unha ponte de pedra indestrutible nun prazo imposible, do venres ao domingo pola mañá.

Con todo, o pacto agochaba tras de si unha condición: o Demo quería as almas de todos os vasalos de Carboeiro que morresen aquel domingo entre o amencer e o anoitecer. Os monxes tardaban un as baixo a manga, xa que tiñan no seu poder o salterio de San Cipriano, un libro que espertaba o pánico do Demo. Para que ninguén morrera, prolongaron os seus rezos durante horas, polo que o Demo non conseguiu a súa parte do trato.

Anos máis tarde, o bispo decidiu trasladar o salterio a Toledo, polo que o mosteiro quedou sen protección: o Demo regresou, desatou unha gran tormenta no Deza que provocou unha ríada, pero a ponte que construíra era tan firme que non escachou. Así, a estrutura que se alza próxima ao mosteiro de Carboeiro leva o seu nome: a Ponte do Demo.

Ponte do Demo (Carboeiro). Foto: Galicia Máxica
Ponte do Demo (Carboeiro). Foto: Galicia Máxica

O Can do Urco

A mitoloxía galega tamén conta con seres fantásticos arrepiantes como o Can do Urco —tamén coñecido como Can do mar—. A lenda fala dun animal con forma dun can de gran tamaño, de cor negra, grandes cornos e orellas que sae do mar arrastrando cadeas. É unha imaxe considerada de mal augurio ou que, pola contra, anuncia unha morte próxima. É unha historia coñecida, sobre todo, nas proximidades da illa de Cortegada e nas beiras do río Lérez.

‘Can do Urco’, fotomontaxe de Eduardo Valdés-Hevia. Foto: Wikimedia Commons
‘Can do Urco’, fotomontaxe de Eduardo Valdés-Hevia. Foto: Wikimedia Commons

O Sacaúntos

O protagonista de moitos pesadelos en nenos pequenos das vilas galegas era o Sacaúntos, un home grande e vello, mal vestido e cun saco ao lombo que secuestraba a nenos e mozas, empregado polas nais para asustar aos seus fillos, que se portaran ben, volveran cedo a casa e non se separaran delas. Conta a lenda que no saco transportaba ás persoas que raptaba ata un lugar tranquilo, onde os mataba, abría en canal e recollía a súa graxa corporal, chamada unto; de aí o seu nome. No caso das mulleres, debían ser novas, virxes, louras e coa pel moi branca, para que o unto contara con todas as súas propiedades medicinais.

Pero, cales son os seus beneficios? Hai quen conta que algunhas persoas anciás consumían este unto para recuperar a forza e vigor que teñen os nenos; outros din que se lles daba aos farmacéuticos para elaborar pomada. Pero, o que causa máis arrepíos desta historia é o caso de Manuel Blanco Romasanta, un asasino en serie coñecido como o “home do unto”. Unha historia perfecta para a noite de Samaín.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do contedor a unha segunda vida: en que se transforma o que reciclamos?

O papel, o vidro, o plástico e a materia orgánica poden converterse en novos produtos, reducir o consumo de recursos e xerar aforro económico e ambiental

Como loitar contra o mosquito tigre en cemiterios: estas son as recomendacións principais

As macetas, os elementos florais e outros recipientes propicios a acumular auga vólveno un dos lugares predilectos de cría do insecto

Un documental mergúllase nos bosques de carrumeiro, un tesouro das costas galegas

Os submarinistas Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez asinan unha peza audiovisual que se estreará o 5 de novembro na Semana de Cine Submariño

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico