As cabazas xa iluminan o exterior das casas. As flores xa están listas para ser colocadas nos cemiterios. Falta moi pouco para celebrar o Día de Todos os Santos, unha denominación que provén do cristianismo pero que na cultura celta recibía o nome de ‘Samaín‘, unha festa da que se establecen as súas orixes en Galicia. Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas. Moitos dos ritos que se celebraban en Galicia durante estes días do ano acabaron por confundirse e atribuírselle a Halloween, unha celebración anglosaxoa que deriva do Samaín e que acabou por copar todo o protagonismo. “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”, explica o antropólogo Rafael Quintía.
Durante o Samaín existía a crenza de que os difuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comer cos seus familiares mentres que abandonaban, por unhas horas, a frialdade dos cemiterios. Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos. A palabra, que procede do gaélico ‘Samhain’, significa ‘fin do verán’, e dá a benvida ao mes de novembro. Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos (EUA) a finais do século XIX. Erroneamente, crese que o Samaín naceu do Halloween americano, pero foi ao revés.
O antropólogo Quintía explica que na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos. Ambas celebracións son relixiosas e, apunta, pode soar “politicamente incorrecto” ao falar da morte. “A festa tradicional é a desta de Difuntos, que inclúe tamén os magostos e ritos de carácter funerario. Pero a palabra ‘difuntos’ parece que asusta porque vivimos de costas á morte”, sostén Quintía. Hai varias tradicións asociadas a estes días de finais de outubro e comezos de novembro, como por exemplo, acender unha fogueira para queimar pólas ou, a máis coñecida, facer caveiras con cabazas para espantar os malos espíritos.
“Non podemos dicir que celebramos o Samaín porque desapareceu hai 2000 anos”
RAFAEL QUINTÍA, antropólogo
“Non podemos dicir que celebramos o Samaín porque desapareceu hai 2000 anos”, apunta Quintía. “A talla de calacú non se perdeu. A min ensinoume a miña avoa nos anos setenta. E ela aprendera da súa avoa”, comenta. Isto formaba parte do ciclo dos días de Defuntos, igual que os ritos petitorios. Existe documentación do século XVI que rexistrou como os nenos ían pedir polas casas. Que foi o que pasou, entón, para que se descontextualizase tanto esta tradición celta e arraigada en Galicia? Foi no primeiro terzo do século XX cando os emigrantes europeos levaron a outros lugares as tradicións das festas dos mortos.
En palabras do antropólogo, todo isto está regresando de Estados Unidos (EUA) a modo de márketing. “Estamos sufrindo un proceso de aculturación con algo que ter que ver coa nosa identidade. Estase convertendo nunha festa de carnaval descontextualizada. É un produto de consumo comercial”, expón.
No Samaín, na cultura celta, ocorren fenómenos extraordinarios onde fai presenza o máxico e o extraordinario. Nos finais teñen lugar eventos fantásticos, como por exemplo en San Xoán, cando se inicia o verán, ou o 31 de decembro, a noite das meigas. Rafael Quintía incide na maneira en que se celebra o Halloween, unha sorte de festa de disfraces onde se chega a “banalizar” a violencia e as “enfermidades mentais”. “De súpeto, os colexios convértense en hospitais psiquiátricos, en lugar de ensinarlle aos nenos o que significa a morte”, sostén. “O Samaín nace como unha resposta de resistencia cultural, dalgún xeito, fronte ao Halloween anglosaxón”.
Banquetes e castañas
Os celtas intercalaban as súas festividades, comezando o 1 de novembro. Neste momento comeza un novo ciclo e pecha outro e, na noite de Difuntos, hai varias tradicións de carácter simbólico que perduraron ata os nosos días. Neste contexto celebrábanse banquetes, algo que se conserva a través de moitos aspectos do magosto. A tradición popular conta que con cada castaña que é asada e inxerida se libera unha alma do purgatorio e únese á celebración do magosto. Noutros lugares, os mozos celebraban banquetes de carácter ritual e saían a “representar o caos, atrancar camiños ou roubar carros”, apunta Quintía.
“A presenza de banquetes dá honra aos mortos, a idea de escenificación do caos da paso á nova orde, a presenza de lume, son cuestións que teñen que ver con ese Samaín que foi cristianizado”, explica o antropólogo. “A idea das ánimas, dos pantasma, do medo, é unha reelaboración”. Por iso, a festividade que se celebraba hai tres mil anos, nada tiña que ver co de agora. Non había disfraces, mais si que podería ter cabida o humor e un intento de “desdramatizar” a morte. Como explica a Oficina de Turismo da Xunta, en diversos lugares de Galicia son célebres os calacús, as bonecas con remolacha en Xernade (Lugo) ou en Quiroga as máscaras déixanse secar para usalas no entroido.
En Ribadavia (Ourense), os seguidores da celebración levan vestimentas estrafalarias e percorren o casco vello con fachos mentres que meten medo e de madrugada imitan á Santa Compaña, igual que en Verín. En Catoira (Pontevedra) ten lugar a Procesión de Caveiras, onde os veciños desfilan alumeados pola luz das súas cabazas. Por suposto, nalgúns lugares non faltan as feiras gastronómicas. Tal é a importancia da comida nestas datas que en Galicia existía un rito que consistía en deixar a mesa con alimentos despois da cea da noite de Difuntos para que as almas dos seus familiares puidensen alimentarse e alumearse para guiarse ata o “máis alá”.
O Samain, e sobre todo con ese nome, é unha tradición inventada nos anos 90 do século XX. A tradición das cabazas, etc. común en moitos lugares de Europa, recibiu aqui este nome, inexistente anteriormente, neses anos 90 da man dun mestre de Cedeira, pero non atoparedes a ningún antropólogo ou etnografo galego que a chame así. Aparte, as cabaza viñeron de América co descubrimento, e eso de si a tradición é en Galicia “celta” ou non, aínda está por ver. Como dicía Caro Baroja, a xente saía dos seus fogares para “facer a mili”, etc. e traían costumes novas, músicas e cancións, por exemplo de Flandres xa dende o século XVI. “Montarse” alegremente un Halloween galego e unha falta de respecto a unhas tradicións galegas, sí documentadas e que perviviron e que alo menos dende a Alta Idade Media son maioritariamente de orixe cristiá. O rollo do Samain ten mais de invento que de verdadeira tradición, e eso de que “a miña bisaboa facía o das cabazas de pequena” non xustifica que se traspoña aqui o Samain, que como sabedes os antropólogos, ten un significado máis amplo e máis terrible, como os sacrificios humáns e animais pola fecundidade.
Rosa: sabes tanto dos celtas coma de Rafael: nada. Imaxino que serás unha desas “castrexistas” que tanto sobrancean nas redes sociais a repetir coma loros as 4 teimas duns poucos acomplexados ós que os feitos diferenciais galegos poñen moi nerviosos (galaicos, reino da Galiza, suevos, etc )… Ser galega e anticeltista é unha contradicción absoluta. Semellas Ramón Villares, saberá moito dos foros pero cando fala do “mito do celtismo” vese que non sabe nin por onde lle dá o vento…
Cristobal: de toda a vida os meus parentes máis vellos dixéronnos que cada castaña que estala nun magosto é unha ánima que sae do Purgatorio… E tallei caras en nabos dende moi cativa e xa vou criando canas…
Saúdos s tod@s
Teño que dicir que tamén me chocaron algunhas afirmacións feitas no artigo, nun medio que pretende servir para divulgar coñecemento científico. A que máis chama a atención é a insistencia no mito do celtismo galego, algo desmentido pola historiografía ( coñecemento científico) hai décadas. Quedei coa impresión de que non será tanto polas afirmacións do antropólogo como por quen escribe o artigo, pois parece que mistura afirmacións textuais deste con interpretacións persoais influenciadas por ideas preconcebidas. Non é a primeira vez que quedo cunha impresión deste tipo lendo artigos en GCiencia, o que lamento porque é unha plataforma con bastante difusión, interesante, e sería desexable que fixese chegar ao público xeral información elaborada con cuidado e rigor.
Cristobal, antes de botar sapos e culebras pola boca deberías documentarte. Rafael Quintía é unha autoridade no mundo da antropoloxía galega, a idade que teña é indeferente, o importante é que leva media vida consagrado ao mundo da antropoloxía e tradición galega. Se te molestaras en simplemente mirar internet, verias todos os libros e estudos que leva publicados, e todo o intenso e inmenso traballo adicado xunto a institucións de renome e importancia.
Boas noites. Entendo que este é un portal de divulgación de CIENCIA. É dicir, de feitos e afirmacións que están respaldados por probas. A vulgaridade do texto de enriba sobre o Samaín é escandalosa. Chega con esta perla: “Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos” (sic), en referencia al Samaín. Hai tal cantidad de invencións e de meras declaración duhna persoa da que, por certo, non sabemos quen é, se ten 25 anos ou toda unha vida dedicada á antropoloxía con publicacións. O esta outra perla, referida nada menos que aos celtas: “A tradición popular conta que con cada castaña que é asada e inxerida se libera unha alma do purgatorio e únese á celebración do magosto”. Tal cantidade de disparates pseudocientíficos non é digna desta web. Atentamente. Cristóbal Ramírez Gómez.