Os sorrisos burlóns que buscan ser Festa de Interese Turístico Nacional

Boteiros, peliqueiros ou pantallas estiveron presentes na décima edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask

Azul, rosa, laranxa. Un ollo que sobresae no medio, formado e rodeado por arames e pregos de papel de seda. Morado, branco, amarelo. Cada forma é única, ao igual que a máscara de madeira que cubre o escuro rostro daqueles que están debaixo. Ante eles, un público que observa o seu sorriso, ás veces burlón, ás veces fonte de inquedanza dalgúns cativos. O entroido non morreu en Vilariño de Conso.

Peliqueiros de Castrelo do Val, pantallas de Xinzo, felos de Maceda e, por suposto, boteiros. 48 mascaradas diferentes, procedentes de distintos puntos do país: Zamora, Ávila, Asturias, Áraba… E, por suposto, as de Ourense. Todas nun ambiente de troula no que hai espazo para os xogos e a música. Eses sons rítmicos e repetitivos que teñen como protagonistas os fulións.

Un boteiro en Vilariño. Foto: Xunta de Galicia
Un boteiro en Vilariño de Conso. Foto: Xunta de Galicia

A través do efecto Doppler das chocas pódese escoitar que xa se achegan algunhas mascaradas. Bailes, espectáculos e máis música protagonizan a décima edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask. O evento celebrouse esta fin de semana en Viana do Bolo e en Vilariño de Conso. En total, foron unha vintena de entroidos procedentes de todo o país e tamén de Portugal. E é que a presenza do país luso tamén afianzouse este ano cun total de catro entroidos: dúas mascaradas de Braganza, unha de Viana do Castelo e outra de Viseu. Tamén asistiron as pantallas de Xinzo, e fulións e máscaras doutros puntos de Manzaneda.

Os entroidos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso buscan acadar a denominación de Festa de Interese Turístico Nacional, ao igual ca os seus compañeiros de Verín. É un obxectivo que Turismo de Galicia apoia, xunto coa mesma petición de Manzaneda, e que precisa do apoio do Goberno de España. Tamén ten un recoñecemento prestixioso o entroido de Xinzo, no que a súa denominación é de Interese Turístico Internacional. De momento, xa conta coa denominación da Xunta de Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial por ser un entroido galego.

Publicidade

Un espectáculo único

As actividades comezaron o venres, en Viana do Bolo. Unha serie de conferencias achegaban a orixe e máis información e detalle sobre as mascaradas. Tratábase de ViBoCultura. Despois, o entroido celebraba a súa primeira década cunha selección de fotografías chamada “10 anos dan para moito: ViBoMask en imaxes”.

A partir do sábado comezaron os pratos fortes. Os entroidos percorrían a Praza Maior de Viana do Bolo ante persoas de toda a xeografía galega que, animados polo bo tempo, achegáronse para ver este espectáculo único, con actividades e bailes en diversas zonas. Ao día seguinte, algo similar sucedeu en Vilariño de Conso. Ademais dos desfiles, tamén contaron co ViBoMarket, unha serie de postos con produtos artesanais e, tamén, ligados ás festas.

Publicidade

Pola tarde do domingo as celebracións continuaron co IV Festival de Música Tradicional e Popular, en conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado ás cantareiras. E, xustamente, unha das agrupacións musicais participantes foron as Cantareiras Alalás de Vilariño de Conso. Tamén participaron grupos e asociacións como Zoadeiras, Cantagalos ou o Son do Vento.

Dez anos de crecemento

Nos desfiles, tamén formaron parte algunhas delegacións doutros puntos da xeografía galega. Por exemplo, madamas e galáns de Cobres, xenerais do Ulla ou personaxes da ribeira de Chantada, xunto con representantes de Sande, Muíños, Lobios ou Bande.

Fotografía dos boteiros co delegado da Xunta
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a alcaldesa do Concello de Vilariño de Conso, Melisa Marcía, cos boteiros. Foto: Xunta de Galicia.

O ViBoMask naceu en 2015 como unha iniciativa conxunta de 16 comunidades portadoras de diferentes mascaradas da Península Ibérica. Desde entón, o festival medrou de forma significativa ata as 48 actuais. Ao evento asistiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. Xunto co delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, recordaron a importancia de revalorizar elementos tradicionais como poden ser os entroidos galegos. Tamén, segundo aseguran, apostan por desestacionalizar os destinos e diversificar o turismo. E, de feito, estas festas celébranse en maio, contrastando con outras grandes celebracións vinculadas ao entroido que se fan nas datas propias (febreiro ou marzo, segundo o ano). Por iso, apuntaba Merelles, é tan importante poñer en valor festas tan singulares e arraigadas que se fan nesta localidade do interior de Ourense.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas