Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

A lexionelose é unha enfermidade infecciosa producida pola bacteria Legionella pneumophilia, e as consecuencias da súa presenza no organismo van dende afeccións leves ata pneumonías mortais. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en Europa detéctanse cada ano de 10 a 15 casos por cada millón de habitantes. Agora, a Consellería de Sanidade, a Universidade de Santiago de Compostela —a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Inteligentes (CiTIUS)— e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica colaborarán nun programa piloto para a vixilancia molecular desta patoloxía en Galicia, xa que actualmente non se dispón de vacinas, pero si existen tratamentos.

O obxectivo é coñecer o xenotipado das cepas ambientais clínicas humanas do microorganismo Legionella pneumophilia serogrupo 1-14 das mostras medioambientais do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, obtidas mediante a toma de mostras de auga dentro do Programa de vixilancia sanitaria da lexionelose, e nas mostras clínicas humanas nos servizos de microbioloxía do Sergas en pacientes coa enfermidade.

Publicidade

Así, os resultados permitirán entender a epidemioloxía da lexionela en Galicia, e facilitar o intercambio eficaz de información xenómica e epidemiolóxica —como data, sexo, idade, abrocho ou orixe xeográfica— entre profesionais de distintos ámbitos. Ademais, a información da epidemioloxía xenómica procesarase de forma conxunta en tempo real, o que permitirá a aplicación de control de gromos.

Causa: a auga contaminada

A forma máis común de transmisión da lexionela é a inhalación de aerosois contaminados por auga contaminada, en forma líquida ou sólida (xeo). Ten un período de incubación de dous a 10 días, aínda que nalgúns gromos se rexistraron ata 16 xornadas. Existen dúas formas de manifestar os síntomas: por unha banda, a febre de Pontiac —a manifestación non pulmonar—, que desaparece por si soa; e, por outra, a forma pulmonar —a máis común— inclúe febre, perda de apetito, dor de cabeza e malestar xeral. Segundo os datos da OMS, entre o 75% e o 80% dos casos notificados de lexionelose corresponde a persoas maiores de 50 anos, e entre o 60% e o 70% son homes.

Publicidade

Foco na prevención e no futuro

Este proxecto piloto contribuirá á protección de saúde da poboación galega, así como á vixilancia sanitaria da lexionelose en Galicia, permitindo unha comunicación eficaz dos resultados ás autoridades sanitarias, así como aos galegos e galegas. Así mesmo, preténdese aplicar no futuro programas semellantes a outros microorganismos responsables de toxinfeccións alimentarias onde se ve afectada a cadea alimentaria, como pode ser a listeria, salmonella ou norovirus.

A prevención

A prevención fronte á lexionelose precisa de medidas de control para minimizar a proliferación da Legionella pneumophilia. A OMS recomenda manter, limpar e desinfectar periodicamente as torres de enfriamento empregando agentes biocidas; instalar separadores de gotas; manter unha concentración idónea de cloro en instalacións de hidromasaxe; manter limpos os sistemas de auga fría e quente; e reducir o estancamento de auga abrindo semanalmente as billas dos edificios que non se empregan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células