O papel do galego na sociedade variou a través do tempo en consoancia coa percepción que del tiñan os seus falantes e as persoas que os rodeaban. A historia desta lingua, como adoita acontecer tamén coas demais, estivo marcada polo contacto con outras formas da fala e a escrita. Nos últimos séculos pasaron por Galicia as influencias do portugués e, sobre todo, o castelán. Unha tese elaborada pola investigadora Cecilia Farias estuda a evolución das identidades lingüísticas galegas e determina que estas se atopan fortemente ligadas á hibridación con outros idiomas.
O estudo chámase A lingua como acción: contacto, hibridación e identidades lingüísticas en Galicia (título orixinal: Língua como ação: contato, hibridização e identidades linguísticas na Galícia) e acha que hai tres grandes identidades lingüísticas en Galicia en termos de mestura: o reintegracionismo, as neofalas e o castrapo. Cecilia Farias, actual investigadora do Museo da Língua Portuguesa, elaborou a súa tese na Universidade de São Paulo. Máis alá da revisión bibliográfica e a contextualización do panorama lingüístico galego a través das décadas, Farias levou a cabo un traballo de campo co apoio do Instituto da Lingua Galega (ILG) polo que entrevistou a 27 persoas de diferentes poboacións galegas.
As identidades lingüísticas de Galicia
A investigación de Cecilia Farias levouna a identificar tres grandes grupos lingüísticos que poden dividirse en categorías máis específicas. O primeiro é o reintegracionismo, do que achou múltiples vertentes segundo a maior ou menor proximidade co portugués, tanto na parte escrita como na oral. Como exemplos, pon o reintegracionismo de mínimos —corrente que busca achegar a ortografía do galego cara ao portugués sen adoptar todas as normas da escrita lusa— e o de máximos —aquel que defende a converxencia total entre a ortografía galega e a portuguesa—. “É un campo máis teórico, máis reflexivo, para pensar sobre a lingua, mentres que os outros dous grupos son prácticas vividas do galego”, explica Farias.
A segunda identidade lingüística que analizou é a das neofalas. “É moi común que os neofalantes aprendan o galego normativo, porque é frecuente que o estuden en cursos de escolas”, sinala a investigadora. Cecilia Farias apunta que a relación cunha lingua que poden formar as persoas que acaban de aterrar no seu contexto idiomático varía gratamente. “Hai quen identifican que ese é o galego ‘puro’ e ‘correcto’, o que se distancia dos castelanismos, pero tamén hai outras perosas que o senten menos auténtico“, conta Farias. Engade que isto é unha resposta á concepción que existe do galego normativo como unha amálgama de normas espalladas por toda a comunidade galega. “É como se falaran algo diferente, porque contan que o normativo é o galego de ningunha parte. Non está asociado a un anaco de pedra, ou a unha aldea, ou a unha rexión. Hai momentos nos que falar galego normativo lles dá un status social; outras veces, sácallelo“, indica a filóloga.
O terceiro bloque lingüístico que analizou foi o castrapo, “máis complexo e diversificado, pois non é igual en ningunha parte”, apunta Cecilia Farias.
Que é o castrapo e como evolucionou co tempo?
“‘Castrapear’ ou ‘chapurrear’ teñen unha definición diferente entre falantes e lingüistas”, explica a investigadora. Para o sector académico, conta que é un termo cuxa definición variou ao longo do tempo pero que, dun xeito ou doutro, sempre se usou para describir unha hibridación entre o galego e o castelán. “O ‘castrapo’ xorde a principios do século XX para designar un castelán mal falado, aquel no que hai moitos galeguismos. De feito, a palabra nace da mestura de ‘castelán’ e ‘trapo'”, indica Farias. Hoxe, o significado que lle atribúen os falantes é o contrario: adoita referirse o castrapo como un ‘galego mal falado‘. “Mesmo escoitei dúas persoas máis maiores chamarlle ‘gastrapo‘”, comenta a investigadora.
A discordancia entre a definición académica e a que se adopta a pé de rúa tamén está fortemente ligada á interpretación do que é o galego ‘correcto’. “É moi común en todo o mundo que as persoas digan que falan dunha forma, que teñan un discurso sobre a lingua, pero que a súa fala real sexa diferente. Hai quen di que usa o ‘galego de sempre’, o ‘tradicional’, o ‘verdadeiro’, pero mete moitos castelanismos polo medio”, explica Farias. A filóloga apunta que o fenómeno inverso tamén existe: fai falantes que toman o castrapo como parte da súa identidade, aludindo que a súa lingua non é a normativa, senón “a que aprenderon na casa“, aclara Cecilia Farias. Así, un concepto que xurdiu dun afán pexorativo tornouse, para parte da sociedade, motivo de orgullo e afianzador da identidade.
A dificultade de definir a fala
Unha das conclusións máis notables do estudo é que todas estas identidades lingüísticas son relacionais: “Cando estás fronte a unha persoa, defines a túa fala en función desa interlocución. Non hai falantes esencialistas, que só empreguen un único ‘rexistro’, porque este sempre fluctúa para adaptarse ao ouvinte”, explica a filóloga.
Por este motivo, resulta complexo determinar cal das tres identidades lingüísticas é a máis prevalente e, especialmente, en que porcentaxe. Así e todo, si pode definirse esta cuestión en termos de hibridación fronte á súa ausencia. “Todo o que non sexa ese galego normativo, sen castelanismos, é máis frecuente”, declara Farias. E isto, indica, é un resultado normal do contacto lingüístico entre galego e castelán durante séculos. “Non hai unha soa lingua ‘pura’, ningunha, porque todas son froito do contacto lingüístico“, asegura a investigadora.
Diferentes niveis de hibridación
A filóloga explica que no proceso de documentación para levar a cabo esta análise achou que a hibridación pode definirse dende moitos niveis: o léxico, a fonoloxía, a sintáxe, a semántica… A capa máis perceptible da lingua para a poboación xeral é a léxica, as palabras que se empregan; unha persoa formada no estudo dos idiomas poderá identificar as outras variantes, como no caso da sintaxe. “Cando se fala de castrapo, de hibridacións, adoitan citarse palabras ou pronuncias, pero hai cuestións máis profundas que resultan máis difíciles de cambiar cando se pasa de falar unha lingua a outra”, explica Farias.
Nesa labor de revisión bibliográfica, a filóloga observou como as poboacións urbanas de neofalantes tiñan máis hibridacións sintácticas —”porque a súa lingua de base é diferente e, polo tanto, teñen outras normas sintácticas”, aclara a investigadora—, mentres que aquelas persoas que medraron nun ambiente galegofalante presentan unha hibridación máis léxica —”que poderiamos considerar a parte máis ‘superficial’ dunha lingua”, apunta Farias— marcada polos castelanismos.
A autora da tese pon o seguinte exemplo para ilustrar as hibridacións léxicas: “Hoxe é moi común usar termos doutros idiomas, sobre todo para definir novas tecnoloxías, pero iso non significa que cambiemos a estrutura da nosa lingua. Moita xente non dirá ‘o luns’, ou ‘o mércores’, senón ‘o lunes’ ou ‘o miércoles’, mais isto non quere dicir que non empreguen a estrutura da lingua galega“.
A percepción do galego
A investigadora levou a cabo un exercicio gráfico para determinar a percepción do galego por parte dos participantes na análise da tese: pediulles que debuxaran as linguas que falaban dentro da silueta dun corpo humano segundo a función que lle atribuíran a cada lingua. Se ben Farias recoñece que cada debuxo era distinto, si puido observar certos patróns. “O galego sempre estaba entre o dorso (na parte do corazón e os órganos vitais) e a cabeza. Era a lingua na que pensaban, a que non lles saía da cabeza, e a da súa propia constitución vital. Era o idioma da afectividade, da familia… Ninguén o puxo, por exemplo, nos pés”, explica Cecilia Farias. A filóloga sinala que un participante mesmo separou o idioma de Galicia en ‘galego’ e ‘o meu galego’: “Falou comigo nun galego máis ben normativo, pero logo descubrín que na casa falaba castrapo”.

Das reflexións con participantes destaca que unha persoa neofalante lle formulou unha pregunta que aínda lembra agora: “Contoume que lle gustaría rescatar a súa identidade galega e díxome: ‘Deixarei de ser neofalante algún día?’ É algo que me fixo pensar moito e para o que non teño resposta”, conclúe a investigadora.














